O Ministerio de Educación acredita que máis de 12.000 nenas e nenos acoden a escolas infantís privadas, agora maioritariamente subvencionadas pola Xunta para estender o programa de gratuidade, mentres a rede pública galega ofrece unhas 10.500 prazas
Dende o curso 22-23 a gratuidade na matrícula é a norma xeral nas escolas infantís de Galicia. Foi daquela cando a Xunta ampliou ao groso dos centros privados a medida que empezara estendendo polos públicos que dependen da Consellería de Política Social, os xestionados dende a Axencia Galega de Servizos Sociais (28 na actualidade) e o Consorcio de Igualdade e Benestar, no que tamén participan os concellos (145 para o curso vindeiro).
A decisión de estender a gratuidade pola vía privada no canto de facelo mediante a ampliación das prazas en centros públicos propiciou que, nun contexto de demanda disparada pola fin da obriga de pagar a matrícula, o alumnado matriculado en escolas infantís privadas xa supere o total de prazas ofrecidas nos centros da Xunta, segundo se desprende dos datos actualizados polo Ministerio de Educación o pasado 30 de abril, correspondentes ao curso 23-24. Os mesmos centros da Xunta que, como informou Praza.gal, teñen listas de agarda superiores ás 3.000 solicitudes para o curso 25-26.
Coas escolas infantís públicas en pleno proceso de admisión para o curso vindeiro e con esa abondosa agarda como pano de fondo, especialmente en áreas urbanas como A Coruña e Vigo, a Consellería de Política Social puña este pasado xoves o foco nos devanditos datos publicados hai dúas semanas polo Goberno de España. Fíxoo para salientar a alta porcentaxe de escolarización das nenas e nenos galegos de 0 a 3 anos, do 60%, se ben a mesma fonte informativa acredita o crecente peso da privada neste primeiro nivel educativo.
Pouco máis do 30% das prazas financiadas polo Goberno galego son públicas.
Segundo esas cifras oficiais, no último curso completo con datos dispoñibles, o 23-24, no noso país contabilizábanse 14.170 nenas e nenos en escolas infantís públicas e 12.339, nas privadas. Tendo en conta que nos últimos anos Política Social vén indicando que a oferta pública da súa competencia rolda as 10.500 prazas anuais, obsérvase con claridade como o alumnado de escolas infantís privadas -agora maioritariamente subvencionadas- xa supera o número de prazas xestionadas polo Goberno galego. As algo máis de 3.000 públicas restantes son competencia de diversos concellos.
A propia Consellería que dirixe Fabiola García evidenciaba implicitamente o forte peso das escolas privadas na súa oferta de gratuidade no mesmo comunicado no que se referiu aos datos do Ministerio. "A Xunta pon á disposición disposición das familias 32.000 prazas gratuítas", sinala Política Social para referirse á suma de prazas públicas canda ás subvencionadas en escolas "de iniciativa social e privadas". Daquela, pouco máis do 30% das prazas financiadas polo Goberno galego son públicas.
A maior porcentaxe de escolarización do Estado
Para Política Social, en calquera caso, o principal dato é a taxa de escolaridade da poboación de 0 a 3 anos. A información divulgada polo Ministerio sinala que, entre nenas e nenos de 0 a 2 -os datos da poboación cos 3 anos cumpridos xa inclúen o segundo ciclo de Educación Infantil, que se imparte en colexios e non en escolas infantís- esa porcentaxe chega en Galicia ao referido 60%, cuns dez puntos de incremento a respecto do dato do curso 19-20, o iniciado antes da pandemia da COVID e no que aínda non rexía a gratuidade xeral.
Política Social incide no 60% de escolarización da poboación galega de 0 a 3 anos, un "liderado" estatal que tamén esgrimiu ao devolver 22 dos 34 millóns que o Estado lle transferira para crear máis prazas en escolas públicas
Esa alta taxa de escolarización en comparación con outras autonomías foi, precisamente, un dos argumentos empregados polo Goberno de Alfonso Rueda para, o pasado decembro, devolver ao Goberno de España 22 dos 34 millóns de euros de fondos europeos que lle transferira para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos. O outro piar da argumentación foi que o Estado impedía utilizar eses cartos para subvencionar escolas privadas. [Centos de crianzas sen praza en escolas públicas tras rexeitar a Xunta 22 millóns para crear máis]
No "liderado na taxa de escolarización" volve incidir agora a Consellería por ser, reitera, "consecuencia da aplicación do programa da gratuidade da Xunta". O dato galego, segundo o Ministerio, é o máis elevado do Estado canda Euskadi nun contexto no que ademais, resalta a Consellería, "ningunha outra" autonomía "ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde". Na parte baixa da táboa están Murcia, Asturias e Canarias, na contorna do 30% de escolarización 0-3.