Un acordo "moi positivo" pon fin á folga do metal, "exemplo para a clase traballadora galega"

As asembleas de persoal aprobaron o preacordo para o convenio do metal da Coruña © CIG

As asembleas de traballadores aprobaron o preacordo para o convenio do metal da provincia da Coruña asinado prevamente polos sindicatos, poñendo fin á folga que o sector levou a cabo nas últimas semanas

As asembleas de traballadores aprobaron o preacordo para o convenio do metal da provincia da Coruña, poñendo fin á folga que o sector levou a cabo nas últimas semanas. O texto fora previamente asinado a última hora deste luns entre a representación sindical e a patronal, pero era necesario a súa ratificación por parte do persoal mobilizado. 

O acordo supón a desconvocatoria das xornadas de folga previstas para este martes 30 de xuño, e para os días 2, 7 e 9 de xullo. O texto foi apoiado por unha aplísima maioría dos traballadores e traballadoras e polos tres sindicatos -CIG, CCOO e UGT-.

A nivel salarial aceptouse unha suba do 15% en catro anos. Durante o período de vixencia do convenio (2026-2029) aplicaranse os seguintes incrementos: 5% para o ano 2026, 3% para 2027 e 2028 e 4% para o ano 2029. 

Mobilización dos traballadores do sector do metal da provincia da Coruña © CIG

A nivel salarial aceptouse unha suba do 15% en catro anos. Estableceuse, ademais, a garantía de mantemento do poder adquisitivo, incluíndo unha cláusula de revisión anual ao IPC con efectos retroactivos a 1 de xaneiro

Estableceuse, ademais, a garantía de mantemento do poder adquisitivo, incluíndo unha cláusula de revisión anual ao IPC con efectos retroactivos a 1 de xaneiro. É dicir, no caso de que a inflación soba por riba do incremento salarial pactrado, os atrasos xeraranse dende o primeiro día do ano e non dende o mes no que o IPC supere o nivel salarial acordado. 

Outra das cuestións fundamentais para esta negociación refírese á loita contra a "precariedade". Neste senso, a CIG destaca que se "conseguiron avances na estabilidade do emprego ao fixarse por convenio que, como mínimo, o 75% do cadro de persoal ten que ser indefinido". Tamén se incorporaron fórmulas para limitar a contratación a través de EET e garantir a aplicación do convenio de siderometal ás persoas contratadas por esta vía. Ademais, mellorase a indemnización por remate dos contratos non indefinidos que pasa de 16 a 18 días por ano traballado, e tamén se mellora no caso dos ceses voluntarios. 

Conseguíronse avances na estabilidade do emprego ao fixarse por convenio que, como mínimo, o 75% do cadro de persoal ten que ser indefinido

En materia de xornada, durante a vixente do convenio reducirase en 12 horas a xornada máxima anual, quedando fixada nas 1740 horas no ano 2029, Así mesmo, os días 24 e 31 de decembro terán consideración de non laborables e as vacacións pasan de 24 días hábiles a 25 dende 2027.

O preacordo incorpora ademais melloras nas condicións das persoas desprazadas; créase un plus de pernocta; aumenta o prezo da quilometraxe e mellórase o pago da nocturnidade e do traballo a quendas. Clarifícase así mesmo a aplicación e as medidas de compensación relativas ao plus de toxicidade, perigosidade e penosidade.

Mobilización dos traballadores do sector do metal da provincia da Coruña © CIG

"A contundente resposta do persoal nos centros de traballo e nas rúas logrou rachar co inmobilismo da patronal", di CIG-Industria

CIG-Industria valora "moi positivamente" o acordo acadado ao recoller "os principais obxectivos marcados polo sector para a negociación deste convenio tanto a nivel económico, como nas melloras laborais e sociais". O sindicato destaca este acordo "só foi posíbel grazas á intensa loita sostida polo conxunto do persoal, que secundou de xeito masivo oito xornadas de folga e numerosas mobilizacións".

"A contundente resposta do persoal nos centros de traballo e nas rúas logrou rachar co inmobilismo da patronal e coas súas pretensión de alongar a negociación no tempo, obrigando o empresariado a pór enriba da mesa propostas acordes coas demandas sociais", di CIG-Industria, que conclúe que “este conflito debe ser un exemplo para o conxunto da clase traballadora galega”.

A CIG destaca que "o convenio de siderometal da provincia da Coruña confirmase como o de mellores condicións a nivel galego e sitúase en dereitos e a nivel salarial na vangarda dos convenios do metal de todo o Estado"

A CIG subliña que acadar este preacordo "non sería posíbel sen a firme determinación do persoal que acreditou na folga como único camiño para avanzar nas súas condicións laborais e entendeu ás claras que sen conflito non hai melloras nos dereitos". O sindicato destaca que "o convenio de siderometal da provincia da Coruña confirmase como o de mellores condicións a nivel galego e sitúase en dereitos e a nivel salarial na vangarda dos convenios do metal de todo o Estado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.