A Confederación Intersindical Galega apunta á primeira semana de novembro para un paro xeral que, apuntan, atende os mesmos obxectivos que a súa campaña para que "sexa o capital o que asuma as consecuencias da actual carestía da vida e en demanda dunha vida digna para a maioría social"
A folga xeral que reclaman as principais organizacións impulsoras das mobilizacións polo dereito á vivenda das últimas semanas segue a gañar apoios nos sindicatos de clase. Escasas horas despois de que UGT e CCOO, centrais sindicais maioritarias no Estado, confirmasen a convocatoria de paro xeral para este outono a Confederación Intersindical Galega (CIG), primeira forza en representación laboral en Galicia, abordou a decisión este martes como xa prevía apostando tamén pola folga.
Unha "resposta á insoportábel suba dos prezos que está a afondar no empobrecemento da clase traballadora e á falta de medidas dos gobernos para garantir unha vivenda digna". Así resume a central sindical nacionalista a convocatoria de folga xeral que, detallan, atende os mesmos obxectivos que a campaña que, dende finais do pasado setembro, teñen en marcha "para reclamar que sexa o capital o que asuma as consecuencias da actual carestía da vida e en demanda dunha vida digna para a maioría social".
Neste punto, detallan, a CIG "chama ao conxunto do tecido social e sindical á mobilización e a que se faga efectiva unha convocatoria de folga xeral" para a que apuntan un horizonte temporal: "A primeira semana de novembro". Na táboa reivindicativa, indican, deben estar "medidas que garantan de xeito inmediato o dereito a vivenda, a intervención nos sectores estratéxicos, a suba do SMI, unha maior protección social e o reforzo dos servizos públicos".
A devandita campaña, lembran, xa reclamaba á Xunta e ao Goberno de España medidas nesta dirección. Con "maior intervención pública nos prezos e nos mercados básicos" para frear a inflación e "en canto á grave problemática da vivenda", igualmente "intervención pública para limitar os prezos, evitar desafiuzamentos e aumentar a oferta de vivenda accesíbel".