14 xornadas de folga en menos de cinco meses. Son as que sumará o persoal do comercio de alimentación da provincia da Coruña tras os paros previstos estes sábado, domingo e martes para volver reclamar un "convenio colectivo digno" nun conflito que continúa bloqueado desde hai semanas pola falta de avances nas negociacións.
O comercio de alimentación da provincia da Coruña mantén protestas e folgas desde a primavera na loita por un "convenio digno", contra a precariedade e por "melloras salariais e laborais" reais
É o persoal dos almacéns e principalmente e son as traballadoras dos supermercados —fundamentalmente os galegos Gadis e Froiz, xa que Mercadona ou outras cadeas réxense por convenios propios ou estatais—, as que levan desde a pasada primavera mobilizándose na procura de "auténticas melloras salariais e laborais", denunciando as súas condicións precarias e reclamando "cobrar como galegas e non como escravas".
Fixeron folga, con amplo seguimento, varios días en maio, xuño, xullo, agosto e fana agora outubro. Os últimos paros un mes antes dunha folga xeral pola vivenda, pero tamén para reclamar salarios dignos, unha demanda que marca a do sector da alimentación desde hai anos.
Nun sector altamente feminizado, convocadas por todos os sindicatos da mesa de negociación (CIG, CCOO, UGT e USO) —que manteñen a unidade—, as protestas manteñen vivo un conflito que afectou ben empresas como Gadis, con peche de tendas ou establecementos en mínimos e almacéns sen actividade que foron acompañados de concorridas manifestacións.
A representación laboral advirte do "inmobilismo" da patronal (liderada por Gadis e Froiz), agarda "o mesmo alto seguimento" que as anteriores na folga que comeza este sábado por "un convenio digno", e lembra que non houbo noticias das empresas nas últimas semanas. "O único que fan é repartir panfletos ou enviar cartas ao persoal para desanimar a xente", di Roberto Pérez Vila, representante da CIG na mesa de negociación do convenio colectivo.
A patronal, liderada por Gadis e Froiz, di que non pode chegar a máis; os sindicatos advirten de melloras "raquíticas" e sen avances na conciliación
"Na provincia da Coruña, quen leva vinte anos na empresa cobra 1.100 euros", explican as traballadoras, que traballan seis días á semana polo xeral e todos os sábados, agás uns poucos reservados á libranza pero limitados. Segundo os sindicatos, a patronal ofrece "unha raquítica redución da xornada anual, non achega nada para o complemento de antigüidade (que si abonan no convenio sectorial de Pontevedra), quere incluír os luns nas libranzas de fin de semana e non avanza nada na conciliación da vida laboral e familiar".
As propostas patronais, explica, "seguen sen responder ás principais reivindicacións da parte social", como a recuperación e mantemento do poder adquisitivo, redución da xornada anual, e a mellora da conciliación e das condicións económicas e sociais do convenio. Aspiran, aclaran, un convenio "que recoñeza o enorme esforzo que realiza o persoal nun sector que non deixa de incrementar os seus beneficios".
"Folga ata que nos garantades un futuro mellor", reivindica o persoal da man dos sindicatos, lembrando á patronal ASAC (Asociación de Supermercados, Autoservizos, Maioristas e Distribuidores de Alimentación) que pagan "moito máis noutras provincias e "moito menos que parte da competencia". "As nosas familias non chegan a fin de mes e as empresas poden ofrecer moito máis sen ningún perigo para os seus beneficios. É fácil de entender", resumen.
Carta do presidente de Gadisa
A patronal xustifica que chegou ata onde puido sen poñer en risco a sostibilidade das compañías. Pero o conflito segue e desde a gran compañía implicada, Gadis, advirten que o convenio "xa parte dunhas condicións salariais superiores ás da gran maioría das empresas do sector". Así o dixo o presidente do grupo Gadisa, Roberto Tojeiro Rodríguez, nunha carta enviada a cada unha das traballadoras dos supermercados no pasado mes de setembro.
Nela gaba a última proposta da patronal porque é "boa e responsable". "Chegouse ata onde entendemos que se pode chegar sen comprometer o emprego, a competitividade e o futuro", di Tojeiro, que acusa os sindicatos de teren asinado noutras empresas "incrementos salariais inferiores aos que agora se ofrecen neste convenio". Ademais, criticou a estratexia mobilizadora dos sindicatos, preguntouse se o que decidiron é "que o importante é que o conflito continúe" e apelou a defender "a liberdade".
O conflito estendeuse a Lugo, pero a folga prevista foi desconvocada tras un pacto a última hora entre UGT e a patronal criticado por CCOO e CIG
O conflito da Coruña estendeuse tamén á provincia de Lugo, aínda que a folga prevista para este sábado no mesmo sector "por un convenio digno e máis dereitos" foi desconvocada a última hora tras ser impulsada por todos os sindicatos na mesa de negociación. Dous días antes do paro, UGT —que ten a maioría da representación— alcanzou un acordo coa patronal ata 2029, un pacto que foi duramente criticado por CCOO e CIG.
O acordo, segundo UGT, supón un incremento salarial do 16% durante a vixencia do convenio (do 7% xa este ano) e "importantes avances en xornada, conciliación, vacacións e dereitos laborais". Para CCOO, o pacto "consolida a desigualdade do comercio de alimentación de Lugo". Ademais, critica a súa sinatura "en solitario e pola porta de atrás".
"Unha oportunidade perdida"
Desde a CIG, cren que o pacto supón "unha oportunidade perdida para melloras as condicións" porque "non saca as traballadoras do vagón de cola onde están". "Non negamos que hai melloras sociais, pero podíase sacar máis porque a patronal estaba temerosa: desta vez había unha importante organización e mobilización, con moita xente de fóra da cidade implicada e a seguridade de que moitas tendas ían pechar ou abrir só cos encargados", explica Xosé Paz, secretario comarcal de CIG-Servizos.
Na provincia da Coruña, esa mobilización mantense, ao igual que a unidade dos catro sindicatos da mesa de negociación, que advirten de que manterán as protestas ata fin de ano se non hai avances axiña.