O curso comezará con folga de profesorado na cuarta parte dos centros educativos de Galicia. Máis de 7.000 docentes do ensino concertado están chamados a unha folga parcial, de 9 a 12 horas, durante o primeiro día de clase este mércores para reclamar a "equiparación laboral e salarial" co profesorado do ensino público.
Todas as organizacións con representación na escola concertada (FSIE, UGT, CCOO, USO, SNEP e CIG) convocan a este paro laboral durante as tres primeiras horas de clase do curso e chaman a concentrarse ás 10 da mañá diante das delegacións territoriais da Consellería de Educación na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, ademais de na sede central en Santiago.
A representación deste profesorado explica que o ensino concertado representa un terzo da educación en Galicia (25% no caso de incluír as etapas non obrigatorias) e que os seus docentes levan anos "soportando situacións de desigualdade, incumprimento de acordos, perda do poder adquisitivo ou falta de recoñecemento" e condicións laborais "que non se corresponden" coa súa responsabilidade". "Sempre coa escusa da falta de recursos", din.
Máis de 7.000 docentes están chamados a unha folga parcial entre as 9 e as 12 do primeiro día de curso
A súa principal reivindicación é a de equiparar as súas condicións ao do profesorado do ensino público. "Desenvolvemos a nosa actividade dentro do sistema educativo sostido con fondos públicos, pero as nosas condicións laborais e salariais continúan moi lonxe das existentes noutros ámbitos educativos", reivindican, lembrando que é "un principio básico do sindicalismo" e "sen excepcións" que "a igual traballo, igual salario e iguais dereitos".
O profesorado do ensino privado que recibe subvencións públicas considera "especialmente indignante" que se aproben reducións da carga lectiva de ata as 18 horas en Secundaria e as 23 en Infantil e Primaria para o ensino público "mentres miles de docentes do ensino concertado seguimos asumindo, con sorte, 25 horas lectivas semanais".
O profesorado denuncia que, malia traballar dentro do sistema educativo sostido con fondos públicos, teñen peores condicións laborais e salariais que o resto
"É unha situación que evidencia, unha vez máis, a fenda existente entre quen desempeñamos funcións equivalentes dentro do mesmo sistema educativo", quéixanse os e as docentes que din que non reclaman "privilexios", senón "xustiza", e que exixen a convocatoria da denominada mesa tripartita —a formada por Xunta, sindicatos e patronais ou empresas dos centros concertados— para "abrir negociacións xa".
O profesorado reclama que se cumpran os "acordos asinados" que, segundo din, inclúen a mellora das condicións laborais, como o abono da paga extraordinaria de antigüidade ou os complementos de cargo, un pacto que aseguran que está bloqueado desde hai 18 anos.
Aquel acordo recoñecía un complemento de equiparación salarial, pero denuncian que as diferenzas coa escola pública son de máis do 10%. Ademais, advirten de que a redución da xornada lectiva nin tan sequera se negocia na concertada
Rueda escolle un colexio concertado para dar a benvida ao curso
"Ano tras ano a lei de orzamentos reitera o mesmo parágrafo de bloqueo e ano tras ano a Consellería négase a falar destes temas e negociar argüíndo razóns económicas", explican, acusando a educación de ignoralos e adiar a resposta ás súas demandas malia as mobilizacións do pasado curso e as continuas peticións de negociación. "Só se conta connosco para incrementar a burocracia e as obrigas", explican.
As reivindicacións e a folga nestes centros chega, precisamente, logo de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, escollese un centro privado concertado para dar a benvida ao curso escolar a través dun vídeo, que foi realizado no SEI San Narciso de Marín, onde estudou o xefe do Executivo galego.