As datas do vindeiro período académico son oficiais coa publicación no DOG
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns, 15 de xuño, o calendario escolar do curso 26-27. Vira así en oficial un documento que, tras pasar pola Mesa Sectorial Docente, xa fora avanzado pola Consellería de Educación coas súas principais datas, especialmente relevantes para a organización académica, mais tamén para a organización persoal e laboral das familias.
Finalmente, o curso 26-27 principiará o mércores 9 de setembro e finalizará o luns 21 de xuño de 2027. Estas serán as referencias para todas as etapas educativas agás para os segundos cursos de Formación Profesional, con remate fixado para o 15 de xuño, e tamén coa excepción de 2º de Bacharelato, coa fin condicionada pola selectividade.
Alén do comezo e o remate, o avance do calendario escolar inclúe tamén a derivada clave para a conciliación: os períodos vacacionais. O luns, 7 de decembro, será día non lectivo, Día do Ensino, na véspera do festivo 8 de decembro. A continuación chegarán as vacacións do Nadal: comezarán o martes 22 de decembro e rematarán o xoves 7 de xaneiro.
As vacacións de Nadal comezan o 22 de decembro, e as de Semana Santa, o 22 de marzo
O seguinte período sen clases con ritmo normal será no Entroido, con vacacións do luns 8 ao mércores 10 de febreiro. E no mes seguinte, a Semana Santa, sen clase dende o luns 22 de marzo ata o luns seguinte, 29 de marzo. Todas estas datas engádense aos festivos de ámbito estatal, galego e local.
A orde de calendario escolar que o luns publicará o DOG, sinala Educación, fixa tamén como é habitual outros fitos do curso como o período de adaptación para o alumnado de 4º de Infantil, o de 3 anos de idade. A Xunta deixa nas mans dos centros que nenas e nenas teñan "unha incorporación gradual", pero non pode prolongarse "máis aló do 15 de setembro", isto é, durará cinco días como máximo (de mércores a venres e o luns e martes da semana seguinte.
Ademais quedarán fixadas tamén as avaliacións de diagnóstico na ESO, proba de ámbito estatal. Realizaranse do 19 ao 23 de abril no segundo curso e do 26 ao 30, no cuarto.