A Xunta acouta o material escolar ou deportivo que se pode desgravar na declaración da renda

Material escolar CC-BY-NC-SA portaldelsures

Permite roupa ou calzado deportivo para Educación Física, mochilas ou libros de lectura establecidos polo centro pero non uniformes nin "material de carácter recreativo"

A dez días de que comece a campaña da declaración da renda correspondente ao exercicio 2025 a Xunta publicou este venres no Diario Oficial de Galicia unha orde que acouta o material escolar e deportivo mercado entre xullo e decembro do pasado ano que pode ser deducido xunto cos libros de texto.

O Goberno galego aprobou a dedución a finais do pasado ano de xeito retroactivo prohibindo os pagamentos en efectivo pero sen comunicalo correctamente á cidadanía, e despois viuse obrigado a lexislar de urxencia para aceptalos de forma excepcional para as compras xa realizadas durante o pasado ano. E agora publica o detalle dos materiais que poden ou non se incluídos na dedución a pouco máis dunha semana do comezo das declaracións da renda.

Libros de texto nun colexio galego © IES de Mugardos

Tras prohibir inicialmente os pagamentos en efectivo de xeito retroactivo, a Xunta tivo que lexislar de urxencia para permitilos excepcionalmente para as compras xa realizadas o pasado ano

A medida aprobada polo Goberno galego permite deducirse na declaración da renda de 2025 a realizar nos próximos días o 15% do gasto realizado entre o 1 de xullo e o 31 de decembro do pasado ano en libros de texto, material escolar e material escolar deportivo. A dedución, para familias cunha renda per cápita dun máximo de 30.000 euros, ten un límite global de 105 euros por neno ou nena matriculado en centros educativos públicos ou concertados. E agora se fixan límites para o gasto total dun máximo de 300 en material escolar e de 150 euros en material escolar deportivo, isto é, poden deducirse ata 45 euros en material escolar e ata 22,50 euros en material deportivo, sempre dentro do máximo de 105 euros incluídos tamén os libros de texto. 

Tanto os libros como o material a deducir teñen que aparecer detallados en facturas emitidas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro, aínda que non fosen pagadas en efectivo e non con medios electrónicos, como esixía a Xunta nun primeiro momento.

A orde agora publicada detalla que entende por material escolar "o conxunto de bens funxibles, instrumentos e recursos didácticos necesarios para o seguimento das ensinanzas nos niveis de educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial impartidos en centros docentes sostidos con fondos públicos". E detalla ese material permitido:

  • Cadernos de actividades.
  • Cadernos, blocs, carpetas, arquivadores e papel de uso escolar.
  • Instrumentos de escritura: bolígrafos, lapis, rotuladores, gomas, afía lapis, regras, compases, escuadras e cartabóns.
  • Material de debuxo e manualidades: pinturas, pinceis, plastilina, tesoiras escolares, cola.
  • Mochilas e estoxos.
  • Libros de lectura establecidos polo centro educativo.
  • Dicionarios.
  • Calculadoras básicas exixidas polo currículo.
  • Material escolar deportivo: roupa e calzado deportivo para a materia de educación física.
Rueda nunha libraría publicitando hai dous anos axudas para libros de texto CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pola contra, como material non permitido figuran:

  • Dispositivos electrónicos de uso xeral (ordenadores, tabletas, teléfonos móbiles).
  • Uniformes, agás os referidos á roupa deportiva para a materia de educación física.
  • Servizos complementarios (comedor, transporte escolar, actividades extraescolares).
  • Material de carácter recreativo non vinculado ao currículo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.