O Goberno galego non advertiu as familias de que o material escolar non se podía pagar en efectivo e agora debe aprobar unha lei antes de que comece en abril a campaña da declaración da Renda para permitilo "excepcionalmente este ano"
Hai dúas semanas Praza.gal revelou que a Xunta ía deixar fóra da desgravación prometida hai un ano dos libros de texto e material escolar a quen xa os mercase en efectivo. Hai unha semana o presidente Rueda recuou e atribuíu o ocorrido a un "problema de comunicación" do seu propio Goberno ao avisar á cidadanía de que para xustificar a dedución debía contar con factura pero non dicir nada de que tamén sería preciso un xustificante de pagamento bancario ou dixital.
Este luns o propio presidente avanzou que para solucionar o problema a Xunta impulsará unha lei de lectura única, un procedemento acelerado de aprobación de leis para que estea en vigor antes de que comece en abril a campaña da declaración da Renda.
A pasada semana, ao admitir o "problema de comunicación" da desgravación por parte da Xunta, Rueda indicou que a prohibición de pagamentos en efectivo para beneficiarse dunha dedución na declaración da Renda "é a aplicación dunha normativa tanto estatal como autonómica". Porén, ao anunciar este luns a solución que pretende dar o seu Goberno a ese problema o presidente reduciuno a modificar "excepcionalmente este ano" a lexislación galega, sen mencionar ningunha implicación da estatal.
Esa solución excepcional para que os libros e materiais xa mercados para este curso poidan ser desgravados na próxima declaración da Renda por familias que pagasen en efectivo e non conten con certificados de pagamentos bancarios ou electrónicos pasa, segundo Rueda, pola aprobación dunha lei de lectura única que modifique a lexislación tributaria galega. Ese procedemento está pensado, segundo o Regulamento do Parlamento, para "cando a natureza dun proxecto de lei o aconsellar ou a súa simplicidade de formulación o permitir".
A última lei aprobada por lectura única polo Parlamento foi a que en 2023 regulou o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, norma impulsada de xeito unánime e con consenso por todos os grupos parlamentarios. O texto da lei foi rexistrado no Parlamento o 17 de xullo daquel ano, foi aprobado por unanimidade o 28 de xullo e a lei foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 8 de agosto.
Hai unha semana o presidente dicía poñerse "na pel dos afectados" que "actuaron de boa fe e polo tanto hai que darlles unha solución"
Hai unha semana Rueda admitía que, con independencia de que a normativa xa prohibise previamente os pagamentos en efectivo para beneficiarse de deducións na Renda, "evidentemente houbo algún problema de comunicación e houbo persoas que non se enteraron, e estou seguro que actuaron de boa fe e polo tanto hai que darlles unha solución". O presidente dicía estar "traballando" para atopar a solución anunciada este luns e reiteraba a necesidade de poñerse "na pel" das familias afectadas.