Unha illa de consenso en pleno ciclo electoral e tras unha tensísima campaña das xerais. Un debate cun ton equiparable aos que abeiraron as leis fundacionais da autonomía. Unha unanimidade política que blinda un novo "símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica".
A lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres erixe este histórico espazo como "símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica"
Esa é a consideración que de agora en diante ten o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, nova e definitiva denominación do espazo da igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval que en 1891 acolleu o restos mortais de Rosalía de Castro por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País, o Concello de Santiago, estudantes da Universidade e tamén da emigración galega en América. O lugar que na II República comezou a acoller actos ligados ao 25 de xullo como festa nacional galega.
Dende aquel soterramento de Rosalía ata os posteriores de Alfredo Brañas, Francisco Asorei, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e, xa no inicio da autonomía, o histórico traslado dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o ata agora chamado Panteón de Galegos Ilustres foi de facto un símbolo do país. Pero tamén un símbolo desatendido, deteriorado polo desleixo e afectado tamén pola sentenza do Supremo que, ditada no ano 2002 e executada en 2010, outorgou ao Arcebispado a titularidade do recinto, parte do complexo desamortizado en 1835.
PP, BNG e PSdeG acordaron o novo texto legal, que contempla a constitución dunha fundación dependente do Parlamento para preservar e xestionar o Panteón, entidade na que as decisións clave serán tomadas por unanimidade
Con toda esta bagaxe histórica, entidades como o Museo do Pobo Galego -que ocupa o resto do antigo convento-, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega e as fundacións que preservan a memoria das persoas alí homenaxeadas viñan defendendo dende 2011 a necesidade de que unha lei que protexa o Panteón, "dignifique" o seu estado e "regularice" a súa xestión, ademais de garantir o acceso público. A situación, viñan alertando, era "indigna para o panteón dunha nación e dun país".
O texto vagou polo Pazo do Hórreo durante case unha década e nos últimos tempos foi obxecto dun traballo discreto, unha artesanía lexislativa como as de noutrora ata que, a principios deste mes, cristalizou nunha proposición de lei asinada conxuntamente polo PP, o BNG e o PSdeG. Este 28 de xullo, apenas tres días despois dun Día Nacional outra volta desatendido polas principais institucións do país, o pleno da Cámara deulle o seu visto e prace con todos aos votos a prol nunha sesión culminada cunha foto de familia en certo xeito tamén máis propia -no bo sentido- doutros tempos. Ou, se cadra, doutros tempos por vir.
De agora en diante, unha fundación pública galega, a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, será a encargada de xestionar este histórico lugar. Dependerá do Parlamento, co que compartirá presidencia, pero tamén integrará á Xunta, ao Concello de Santiago e á Arquidiocese. Para as as decisións que nela se adopten, incluídas as "honras, protocolo e cerimonial" e eventuais novos enterramentos terá que "procurarse o acordo unánime" e, "en todo caso, por unha maioría cualificada de tres cuartos das persoas integrantes". Para todo isto, a Arquidiocese e o Concello cederán os espazos precisos á nova entidade.
Os tres grupos da Cámara celebran sen reservas o acordo e admiten que a lei é un primeiro paso
O texto logrado é celebrado sen reservas polas tres forzas con representación no Parlamento. De "gratitude", "agradecemento" e "débeda" con quen contribuíron a que o Panteón chegase aos nosos días falou Pedro Puy na súa última -e, con toda probabilidade, tamén derradeira- intervención na Cámara como voceiro do PP antes de marchar ao Congreso. Tamén admite que a aprobación da lei é "un primeiro paso", xa que "son moitas as tarefas por realizar", a comezar pola constitución da nova fundación que, agarda, continúe presidida polo "amplo consenso político e social que hoxe nos compracemos en constatar".
De primeiro paso fala tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que urxe agora recursos suficientes para a nova fundación e así facer realidade unha lei que "permite pasar páxina, por fin, á actitude timorata que até agora tivo o Goberno" a respecto do Panteón. Por fin, di, este emblemático espazo "recibe o tratamento acaído para situarse á mesma altura que os símbolos nacionais que xa recoñece o Estatuto: a bandera, o escudo e o himno". Todo, celebra, en torno a un acordo que tamén "acaba coa invisibilidade das mulleres".
Tamén o PSdeG pon o foco en que o acordo e a protección legal do Panteón tardou demasiado en chegar, pero igualmente o celebra. Tras anos de "descarrliamentos de acordos centrais" en torno a cuestións como a lingua ou o Estatuto, di o seu voceiro Luis Álvarez, cómpre destacar a "vocación de acordo" desta lei, a "mellor ferramenta" para coidar do Panteón, garantir o acceso do público e honrar "os bos e xenerosos aos que alude o noso himno".
A aprobación definitiva da "ansiada" norma foi tamén aplaudida este 28 de xullo polas diversas entidades que levaban lustros a reclamala. O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, resumen dende o Museo do Pobo, por fin é "dignificado".