O presidente di poñerse "na pel dos afectados" que "actuaron de boa fe e polo tanto hai que darlles unha solución"
O pasado martes Praza.gal revelou que a Xunta ía deixar fora da desgravación dos libros de texto prometida hai un ano polo presidente Rueda a quen xa os tivese mercado en efectivo, aceptando só pagamentos bancarios ou dixitais. A medida provocou indignación entre familias e asociacións de nais e pais e este luns o propio Rueda vén de anunciar que o seu Goberno vai rectificar. "Hai que poñerse na pel dos afectados", di, para avanzar que espera "poder anunciar unha solución canto antes".
Cando a Xunta anunciou a dedución nos libros de texto e material escolar con efectos desde o pasado 1 de xullo avanzou que sería preciso contar cunha factura para poder xustificalo na declaración da renda. Pero nada dixo do sistema de pagamento. Ata que hai uns días comezou a tramitar unha Orde para regular a aplicación concreta da dedución, un texto que xunto coa factura esixe tamén un xustificante bancario e que prohibe expresamente os pagamentos en efectivo.
O Goberno galego xustifica que a normativa estatal impide os pagamentos en efectivo para beneficiarse de deducións na declaración da renda, pero nada di de que el mesmo tardase tantos meses en plasmalo por escrito na normativa concreta da súa dedución.
Ante a polémica xerada coas familias, este luns o presidente Rueda insistiu en que "isto é a aplicación dunha normativa tanto estatal como autonómica que esixe estes medios de pago". Pero a continuación admitiu que "tamén hai que poñerse na pel dos afectados" se "polo que sexa non eran conscientes deste requisito".
Segundo Rueda, que a Xunta dixese que facía falta factura pero ocultase que tamén se precisa xustificante bancario debeuse a "algún problema de comunicación"
Ante esta situación, o presidente avanzou que "o que tentaremos este ano de xeito excepcional é darlle algún tpo de solución para que esas persoas que fixeron os seus pagos non por medios electrónicos, os seus pagos en efectivo, que tamén se poidan beneficiar, porque evidentemente houbo algún problema de comunicación e houbo persoas que non se enteraron, e estou seguro que actuaron de boa fe e polo tanto hai que darlles unha solución".
Rueda non avanzou prazos, que en todo caso deberan rematar antes de que comece a campaña da declaración da renda en abril. "Estamos traballando", dixo o presidente, que espera "poder anunciar unha solución canto antes" e rematou reiterando que se pon "na pel" das familias afectadas.