A inmensa maioría dos colexios concertados en Galicia cobra unha cota ás familias malia estar prohibido por lei. E na maioría deles estes pagos son son obrigatorios a pesar de que a lexislación non os permite. Son algúns dos datos que se tiran do novo Estudio de Cuotas y Precios de Colegios Concertados que elabora a Cicae (Asociación de Colegios Privados e Independientes).
Unha organización de centros privados sen subvención volve investigar a concertada para sinalar que continúa cobrando cun informe que inclúe trinta colexios galegos
A entidade vén de divulgar a décima edición destes estudos, impulsados polos colexios privados que non reciben subvencións públicas e que teñen no albo os centros concertados como a súa principal competencia. Velaí a clave para entender por que Cicae elabora e publica periodicamente informes sobre as cotas cobradas en colexios concertados malia ser unha práctica abertamente prohibida pola vixente lei estatal de educación.
O informe realízase mediante a técnica do cliente misterioso, na que alguén simula estar interesado en matricular ao seu fillo ou filla no centro e apaña información sobre o proceso. O resultado da investigación achega tamén datos sobre Galicia. Cunha mostra de 30 colexios concertados galegos —máis do 10% do total de centros con algún tipo de concerto existentes en Galicia, segundo datos da Consellería de Educación—, conclúen que case o 60% cobran e que as cotas roldan unha media duns 54 euros mensuais.
Esta "cota base" media, como se especifica no informe, aumentou en apenas tres anos uns 16 euros, o que supón un incremento acumulado de máis do 40% e con importes que van dos 255 euros dalgún centro, como o caso de Las Acacias de Vigo, incluído no estudo, aos menos de 20 euros ao mes doutros catro colexios.
Na maioría dos centros galegos investigados as achegas económicas son obrigatorias de facto, segundo o informe, que cifra as cotas nunha media de 54 euros mensuais
No informe tamén se indica que das 30 escolas concertadas analizadas no informe, máis dunha ducia delas non cobran cota base, o que non quere dicir que non reciban importantes achegas económicas das familias a través doutros métodos.
Porque estes colexios concertados cobran por conceptos moi variados cos que esquivan a prohibición de achegas económicas por parte das familias para recibir as ensinanzas gratuítas ou aquelas extras que acaban formando parte do horario escolar e habitual do colexio.
Aínda que os cobros por actividades complementarias si estarían permitidos ao ser por diferentes ás curriculares e obrigatorias e pagos teoricamente voluntarios, son numerosos os casos detallados por familias que explican que pagar unha ou varias horas extras acaba sendo inevitable. Non facelo supón que os seus fillos sexan excluídos dunha actividade común ou da aula. "[O neno] iría a outra aula aparte pero todas as familias apostan por elas", xustificou un centro incluído no estudo para argumentar a necesidade de pago nestes casos.
As "actividades complementarias"
A lei é moi clara ao prohibir expresamente a realización destas actividades denominadas complementarias dentro do horario escolar. "As actividades complementarias que se consideren necesarias para o desenvolvemento do currículo deberán programarse e realizarse de xeito que non supoñan discriminación por motivos económicos. As que teñan carácter estable non poderán formar parte do horario escolar do centro", di a Lomloe.
Noutros casos, á cota mensual habitual engádense tamén pagos pola plataforma dixital coa que se segue a aprendizaxe do alumnado ou pola orientación psicopedagóxica, tal e como relataron varias familias a este diario nunha reportaxe. Tamén se exixen "doazóns" extras, elevando así os importes a pagar —ao que se suma a posibilidade de comedor ou actividades extraescolares—, que poden superar os varios centos de euros.
Sexa como for, e segundo o informe, o 83% dos centros concertados visitados en España cobra unha cota, un importe medio mensual que varía moito segundo o centro e o territorio: desde os 1.100 euros ao mes dalgún colexio en Catalunya á inexistencia de pago obrigatorio noutros. E dous terzos deles impoñen este pago malia que a lei llelo impide.
O 60% dos centros investigados en Galicia non explica ás familias o concepto de voluntariedade das cotas
Así, o informe sinala tamén que en Galicia o 59% dos centros consultados non explican na entrevista coas familias o concepto de voluntariedade das cotas. Ademais, e no caso das argumentacións posteriores que nos centros se dá sobre o cobro destas cantidades, no 53% deles explícase que é obrigado e no 47% que é voluntario. Nunha cuarta parte dos centros consultados, por outra banda, non se entregan follas de prezos.
Ademais, en Galicia o 35% dos colexios concertados analizados utiliza a denominación de cota para o pago mensual, fronte a outro 35% que demanda unha achega e un 18% que advirte deste pagamento como actividades complementarias e que acaba por ser obrigado malia estar vetado pola lei educativa.
O estudo inclúe, ante as preguntas sobre a posibilidade dun pago voluntario das cotas por parte das familias, as xustificacións da obrigatoriedade feita por algúns das escolas visitadas. No caso de Galicia reflíctense as dadas polo colexio La Salle de Ferrol e mais polo Miraflores de Ourense. No primeiro advírtese de que ese pago se debe "á metodoloxía e os materiais" e no outro aclárase que é un colexio "concertado que ofrece libremente, ademais das ensinanzas curriculares sen custo ningún para o alumno, un complemento de horas dentro do seu proxecto educativo".
A cota máis elevada nun colexio concertado en Galicia foi detectada no centro vigués Las Acacias, con 245 euros mensuais
Malia a claridade da lei, ano a ano este informe —e outros— advirten do incumprimento da lei por parte da maioría dos colexios concertados. O artigo 88 da Lomloe di que "para garantir a posibilidade de escolarizar a todos os alumnos sen discriminación por motivos socioeconómicos, en caso ningún poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto, impoñer ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións nin establecer servizos obrigatorios, asociados ás ensinanzas, que requiran achega económica por parte das familias dos alumnos".
'Save the Children' advirte de que as escolas concertas en España "contribúen a ampliar a segregación escolar, separando o alumnado máis vulnerable do resto máis favorecido"
En Galicia, a principios de 2023, o DOG publicou a orde de concertos que rexe desde ese curso e ata o 2028-29. A Xunta reservou para estes concertos 1.902,9 millóns de euros ata 2029. Supoñen 352,28 máis que na orde anterior, un incremento do 22,7%. Así, o custo previsto por cada curso completo rolda os 317 millóns de euros na suma das aulas concertadas en Infantil, Primaria e ESO, Educación Especial e Formación Profesional, áreas nas que se volve dividir a orde de concertos. Son 290 millóns por curso excluíndo a FP.
Malia ao descenso da poboación escolar pola mingua da natalidade, a Xunta non introduciu cambios significativos na orientación política da orde de concertos. Ben ao contrario, das contías reservadas cabe deducir que non contempla a posibilidade da redución do peso da concertada no conxunto dos sistema educativo.
En setembro do pasado ano, un informe elaborado por Save the Children advertía de que as escolas concertadas en España "contribúen a ampliar a segregación escolar, separando o alumnado máis vulnerable do resto máis favorecido".
Ademais, o estudo aclaraba que España é o estado da OCDE no que maiores diferenzas existen entre escolas públicas e concertadas no perfil socioeconómico do seu alumnado. "O sistema actual da escola concertada no noso país debe realizar un cambio para que sexa inclusiva para todos os nenos e nenas", concluía o informe.