Oito de cada dez colexios concertados en Galicia cobra ás familias cotas prohibidas por lei

Alumnado dun colexio relixioso, nunha actividade da Xunta polo Xacobeo CC-BY-SA Xunta

O 83% dos colexios concertados en Galicia cobra unha cota mensual ás familias malia estar prohibido por lei. E na metade destes centros privados —en teoría de balde por estaren sufragados con cartos públicos— estes pagos son obrigados a pesar de que a lexislación non os permite. Son os datos que se tiran do novo Estudio de Cuotas y Precios de Colegios Concertados que elaboran a Ceapa (Confederación Española de Asociaciones de Padres y Madres del Alumnado) e Cicae (Asociación de Colegios Privados e Independientes).

O 83% dos colexios concertados en Galicia cobra unha cota mensual ás familias malia ser ilegal e na metade o pago é obrigado

As dúas entidades —unha en defensa do ensino público e outra de colexios privados— únense, paradoxalmente, para denunciar o que os primeiros consideran un castigo ao ensino público e os segundos, unha competencia desleal. 

Segundo o informe, o 87% dos centros concertados en España cobra unha cota, un importe medio mensual de 122 euros que varía moito segundo o centro e o territorio: desde os 1.000 euros ao mes dalgún colexio á inexistencia de pago obrigatorio noutros. O estudo usa o método do cliente misterioso, consistente en que persoas se fagan pasar por familias interesadas na escolarización, obtendo así a documentación achegada polos centros, ademais da información derivada das reunións cos responsables. 

Alumno dun colexio en Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Foron un total de 330 os centros privados con concerto analizados —de fundacións, relixiosos ou empresas mercantís—, case o 10% deles (30) galegos. Da análise conclúese que a cota base media en Galicia para este curso 2023-24 nestes colexios sitúase preto dos 50 euros mensuais (47,6, case dez euros máis que o curso pasado), cun máximo de 235 euros nalgún centro e un mínimo de catro

A media da cota en Galicia é duns 50 euros ao mes, na que se inclúen varios conceptos cos que os concertados esquivan a prohibición de recibir pagos das familias

En resumo, máis de oito de cada dez dos centros analizados en Galicia cobra unha cota ás familias, unha porcentaxe que —para arriba ou para abaixo— non dista moito da realidade. 

Tal e como explica o estudo, estes colexios concertados cobran por conceptos moi variados cos que esquivan a prohibición de achegas económicas por parte das familias para recibir as ensinanzas gratuítas ou aquelas extras que acaban formando parte do horario escolar e habitual do colexio. Pagar unha hora extra, en moitos casos, é inevitable se os pais non queren que os seus fillos sexan excluídos dunha actividade ou teñan que saír do recinto no medio da xornada. Noutros, engádense pagos pola plataforma dixital coa que se segue a aprendizaxe do alumnado ou pola orientación psicopedagóxica, tal e como relataron varias familias a este diario nunha reportaxe de hai un ano.  

"Ninguén me deu a opción de non pagar, nin tan sequera a parte da cota que denominan doazón. De feito, o primeiro que me dixeron na reunión foi que o importe era obrigatorio para a escolarización", contaba daquela a Praza.gal unha nai que viña de matricular o seu pequeno nun centro relixioso concertado dunha cidade galega. Son uns 120 euros mensuais —comedor aparte— nos que se inclúen uns 50 euros de doazón —cunha porcentaxe que desgrava na declaración da Renda— e outros conceptos como as "saídas extraescolares", a plataforma dixital ou o pagamento dunha hora extra para o coidado dos cativos durante a hora sen aulas que vai da comida ao reinicio das clases á tarde. Un pagamento fixo ao mes ao que hai que unir outros únicos duns 80 euros por material e de 50 por ter acceso a persoal de apoio. 

O estudo de Ceapa e Cicae elabórase a partir dos datos obtidos para a matriculación en segundo ciclo de Infantil, dos 3 aos 6 anos. Aínda que as contías esixidas nos centros concertados analizados en Galicia roldan os 50 euros en todas as etapas, o estudo advirte dun lixeiro incremento en Primaria e Secundaria, chegando neste último caso a unha media de máis de 56 euros.  

Así, o informe sinala tamén que en Galicia o 64% dos centros consultados non explican na entrevista coas familias o concepto de voluntariedade das cotas. Ademais, e no caso das argumentacións que nos centros se dá sobre o cobro destas cantidades, no 40% deles explícase que é obrigado, no 52% que é voluntario e no 8% que non facelo implica a exclusión do alumno. Xa que logo, en case a metade (48%) non existe voluntariedade para os pagamentos.  

"Pagan todas as familias pero teñen que poñer que é voluntario porque é un centro concertado"

O estudo pon algúns exemplos sobre a explicación que nos centros dan sobre o posibilidade de evitar o pago das cotas. "O 100% das familias páganas, pero teñen que poñer que é voluntaria porque é un colexio concertado", responderon no centro Lar, de Vigo. "Poucas familias non a pagan, practicamente todas a asumen, pero se algún non pga non se pode facer nada porque non é obrigatoria", xustificou o centro Labor.

Ademais, en Galicia máis do 30% dos concertados (32%) utiliza esa denominación de cota para o pago mensual, fronte a un 52% que demanda unha achega e un 12% que a denomina actividades complementarias. De entre os que utilizan achega como denominación da cota, case o 77% di que esta é voluntaria. En canto á folla de prezos, un 44% dos centros consultados non a entrega. 

Os centros concertados supoñen un 16% do total en Galicia e neles está escolarizado preto do 30% do alumnado do ensino obrigatorio

Na listaxe dos 30 centros galegos analizados polo informe, os importes das cotas mensuais fixas varían dos 235 euros do Acacias Montecastelo aos 4 euros do Cid ou o Manuela Rial Mouzo, pasando polos 150 do Rosalía de Castro ou os 81 do Compañía de María. En ningún dos casos se cobra por matrícula pero a ampliación dunha hora ao día —moitas veces necesaria para non interromper a xornada— supón case 90 euros no Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, case 60 no Guillerme Brown ou máis de 50 no Lar. Os gastos mensuais totais, incluíndo comedor, material ou transporte, oscilan entre os 362 euros e os 98 por alumno aproximadamente. 

Segundo datos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en Galicia os centros concertados supoñen arredor do 16% do total e neles está escolarizado entre un 27 e un 28% do alumnado do ensino obrigatorio (Primaria e Secundaria) e do segundo ciclo de Infantil. O estudo cobre máis de un de cada dez dos colexios con concerto no país. 

Alumnado de Infantil nun centro galego, nunha foto de arquivo CC-BY Xunta

A claridade da lei

O artigo 88 da nova lei educativa, Lomloe, di que "para garantir a posibilidade de escolarizar a todos os alumnos sen discriminación por motivos socieconómicos, en caso ningún poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto, impoñer ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións nin establecer servizos obrigatorios, asociados ás ensinanzas, que requiran achega económica por parte das familias dos alumnos". Ademais, aclara que "as actividades complementarias que se consideren necesarias para o desenvolvemento do currículo deberán programarse e realizarse de forma que non supoñan discriminación por motivos económicos". "As actividades complementarias que teñan carácter estable non poderán formar parte do horario escolar do centro", engade. 

Xa o pasado ano, en declaracións a Praza.gal, Anpas Galegas ou Confapa-Galicia denunciaban uns concertos que "non deberían existir por ser unha fórmula disfrazada de legalidade coa que a Administración entrega cartos á empresa privada". "A pregunta é que achega a concertada ao ensino público: ten sentido agora, mentres cae a natalidade e pechan centros públicos?", reflexionaban. 

A Xunta destina 317 millóns de euros ao ano a concertos coa escola privada e garante 1.900 millóns ata 2029

En Galicia, a principios deste ano, o DOG publicou a orde de concertos que rexerá desde este curso e ata o 2028-29. A Xunta reservou para estes concertos 1.902,9 millóns de euros ata 2029. Supoñen 352,28 máis que na orde anterior, un incremento do 22,7%. Así, o custo previsto por cada curso completo rolda os 317 millóns de euros na suma das aulas concertadas en Infantil, Primaria e ESO, Educación Especial e Formación Profesional, áreas nas que se volve dividir a orde de concertos. Son 290 millóns por curso excluíndo a FP. 

Malia ao descenso da poboación escolar pola mingua da natalidade, a Xunta non introduciu cambios significativos na orientación política da orde de concertos. Ben ao contrario, das contías reservadas cabe deducir que non contempla a posibilidade da redución do peso da concertada no conxunto dos sistema educativo. 

O 67% dos ingresos do ensino privado en Galicia son subvencións públicas, dez puntos por riba da media estatal

No conxunto do Estado, a escola concertada está financiada con máis de 7.000 millóns de fondos públicos nun só ano. Ademais, e segundo os datos fornecidos polo INE, o ensino privado non universitario ingresou no curso 2020-21 —último do que hai datos detallados— en Galicia 463,4 millóns de euros. Case sete de cada dez euros destes ingresos foron subvencións públicas, dez puntos por riba da media estatal. 

Ademais, estes centros privados ingresaron nese mesmo curso, marcado pola pandemia, unha media de 2.726 euros públicos por estudante en Galicia. En termos porcentuais, as subvencións supoñen o 67,2% dos ingresos medios por estudante.

Todos estes datos rexístranse nun contexto no que o groso das achegas públicas ao ensino privado se rexistra a través dos concertos educativos. Non obstante, o INE non desagrega esa información por comunidades autónomas. Si o fai para o conxunto do Estado, onde ata o 72% dos ingresos dos centros privados concertados son subvencións públicas, fronte a apenas o 2% nos privados non concertados. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.