Educación pecha outras catro escolas e xa son 244 as desaparecidas desde 2005

Evolución do peche de centros educativos CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Ao tempo que pecha unitarias, a Xunta defende que está a reforzar as infraestruturas educativas "naquelas zonas de maior demanda" con tres novos centros e ampliacións doutros 11

Na tarde deste venres 24 de xullo a Consellería de Educación desvelou que o vindeiro curso pechará outros catro centros educativos, en Mesía, Taboadela, Portas e Boiro. Con estes son 244 os centros desaparecidos desde 2005. Ao tempo que pecha escolas unitarias rurais, a Xunta defende que está a reforzar as infraestruturas educativas "naquelas zonas de maior demanda" con tres novos centros e ampliacións doutros 11.

Segundo o comunicado feito público por Educación, pendente de publicarse oficialmente no Diario Oficial de Galicia (DOG), o vindeiro curso pecharán as escolas de educación infantil de Olas en Mesía, de Lantaño en Portas e de Taboadela, e o colexio de Pazos-Comoxo en Boiro. Segundo a Xunta, tiñan respectivamente 5, 3, 1 e 2 matrículas, consideradas insuficientes "e sen previsión de incremento", polo que agora son pechadas.

A Xunta di que as escolas que pechan tiñan menos de cinco matrículas "e sen previsión de incremento"

Nas dúas décadas pasadas, desde 2005, a maioría de centros pechados foron, fundamentalmente, escolas unitarias do rural do interior de Galicia, pero nos últimos anos tamén escolas de educación infantil de concellos do eixo atlántico, como é o caso esta vez cos casos de Boiro e Portas.

A caída das matrículas por baixo dos mínimos establecidos pola Consellería de Educación é a razón das supresións de centros, un motivo detrás do cal está á súa vez a caída da natalidade en xeral en Galicia e o despoboamento do rural, que dificilmente consegue reverter a chegada de poboación estranxeira máis nova.

Unha escola unitaria nunha imaxe de arquivo © Xunta

Ao tempo, o Goberno galego xustifica que "paralelamente, a Xunta está a reforzar as infraestruturas educativas naquelas zonas onde se constata unha demanda crecente de matrícula". Así, cita "o caso de tres centros de nova construción como son o novo Colexio CEIP de Milladoiro en Ames (11,6 millóns de euros), e os institutos IES Domingo Villar en Vigo (17,8 millóns) e do Pereiro de Aguiar (9,5 millóns). A Xunta di que tamén ten "en marcha ou en previsión 11 obras de ampliación de centros educativos en Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Ourense, Caldas de Reis, Lalín ou Vilagarcía de Arousa, entre outros".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.