Non só no rural: indignación en Balaídos co peche dunha aula de Infantil

Protesta no CEIP Balaídos de Vigo contra o peche dunha aula de Infantil, este 11 de xullo CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

A comunicade educativa do CEIP Balaídos, en Vigo, mobilízase contra o peche dunha aula de infantil por falta de apenas dúas matrículas, o que ademais implica a perda de dúas docentes "que son necesarias"

É ordinario que, tras a fin do curso escolar e na recta final previa ao período vacacional do persoal docente, a Consellería de Educación peche o groso da organización do vindeiro curso académico. Entre outros aspectos, que especifice os centros e unidades educativas que amplía ou pecha polo incremento ou diminución de matrículas. Así, por exemplo, o pasado ano a Xunta botou o ferrollo a dous colexios en Laxe e Padrón e unha escola en Vimianzo.

O máis habitual é que os peches vaian ligados a concellos e poboacións rurais. Os lugares dos que adoitan chegar recorrentes noticias de crise demográfica, envellecemento ou baixa natalidade. Menos frecuente é que salte a alarma nunha contorna especialmente poboada como a cidade con máis habitantes de Galicia. Pero tamén sucede. É o que acontece (e indigna) a comunidade escolar do colexio vigués Balaídos, que funciona preto do estadio de fútbol homónimo dende 1980.

Concentración da comunidade educativa do CEIP Balaídos contra o peche dunha aula e 4º de Infantil

O centro recibiu nos últimos días a confirmación de que a Consellería "decidiu suprimir unha liña de 4º de Infantil" para o próximo curso 24-25. A razón é que nestes días de preparación do período vindeiro esa aula conta con 18 matrículas e o limiar para mantela aberta está en 20. Un peche "ao límite" que sacou á rúa este pasado xoves a docentes, familias e alumnado.

O persoal do centro advirte de que é habitual o incremento de alumnado durante o curso e subliña os prexuízos da decisión para estudantes con necesidades educativas especiais

A decisión causou estupor e indignación. Pola perda da aula e as súas repercusións, a comezar porque "significa prescindir de dúas profesoras; unha titora e unha profesora de apoio", explica a Praza.gal a xefa de estudos do centro, Inmaculada Tapias. Trátase de dúas docentes "que son necesarias", entre outras razóns, "pola cantidade de estudantes con necesidades educativas especiais que hai no centro".

Pero é que ademais, abondan dende o CEIP Balaídos, a decisión chega cando aínda non é posible afirmar canto alumnado terá definitivamente o centro, onde é habitual que se incorporen novas matrículas "ao longo do curso" ou mesmo en setembro, tras o verán. Por exemplo, de nenas e nenos de orixe estranxeira que chegan a Vigo despois da fin do período ordinario de matrícula ou mesmo tras o inicio do período académico.

Familias, alumnado e docentes do CEIP Balaídos (Vigo) protestan contra o peche dunha aula de Infantil no centro, este 11 de xullo CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Sumar "dúas ou tres matrículas" nos vindeiros meses é algo que entra dentro do habitual, especifican, polo que xa pasarían do limiar das 20 esixidas. De aí que a mobilización deste xoves reclamase á Xunta lograren certa marxe de manobra para non teren que pechar a aula. Esa marxe seguirana reclamando tamén ante todas as instancias posibles da Consellería ata que a orde do DOG sobre o curso vindeiro faga oficial a decisión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.