Mestres e mestras maniféstanse por unha baixada do número de alumnos por docente e a eliminación de burocracia

Cabeceira da manifestación en defensa de melloras do ensino deste domingo CC-BY-SA Praza Pública

Profesionais convocados por CIG, STEG e CSIF protestan en Santiago contra o acordo asinado hai un mes entre a Xunta e CCOO, UGT e ANPE, que consideran insuficiente

Santiago acolleu no mediodía deste domingo unha manifestación convocada por CIG, STEG e CSIF para reclamar á Xunta melloras no ensino público galego. Tras a sinatura hai un mes dun acordo entre o Goberno galego e os sindicatos minoritarios CCOO, UGT e ANPE que consideran insuficiente, as organizacións contrarias, que suman arredor do 60% da representación sindical en Galicia, veñen amosando o seu rexeitamento cunha folga o 23 de outubro, concentracións o pasado martes e este domingo cunha gran manifestación en Compostela.

Os tres sindicatos convocantes das protestas solicitan que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade "rectifique e escoite as necesidades que ten o ensino público". Insiste o profesorado mobilizado na "baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, a eliminación da burocracia inútil e unhas retribucións dignas e iguais para todo o colectivo". Piden, en xeral, unha volta ás condicións laborais existentes antes dos recortes introducidos no sector en 2012.

Os tres sindicato aseguran que o acordo asinado supón "a renuncia a manter a palabra dada e a respectar o mandato das urnas sindicais" e unha "oportunidade perdida" de "conseguir o obxectivo do profesorado por recuperar o horario lectivo previo aos maiores recortes executados por unha administración educativa en todo o Estado". Ademais, advirten de que o pacto supuxo a "ruptura e división na unidade" dos docentes e un "cúmulo de renuncias e melloras low-cost".

Os sindicatos convocantes prevén realizar unha nova folga o 28 de novembro

Tras a protesta deste domingo polas rúas de Santiago, na que se puideron escoitar berros como "o público é servizo, o privado é beneficio" ou "21 en primaria, 18 en secundaria", en relación ao horario lectivo que reclaman dentro do seu horario laboral habitual, os sindicatos convocantes teñen previsto realizar unha nova folga no ensino o vindeiro 28 de novembro. Esa xornada volverá haber unha nova marcha dos e das profesionais en reclamación dunha rectificación por parte da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.