Logo do paro e da importante manifestación do pasado 24 de outubro, os sindicatos CIG, STEG e CSIF volven unirse na convocatoria dunha folga de profesorado no ensino para o vindeiro día 28 de novembro, xornada na que volverá haber unha marcha en contra do acordo educativo asinado entre a Xunta e CCOO, UGT e ANPE.
Antes, xa o próximo 9 de novembro, os tres sindicatos convocaron protestas en todos os centros educativos de Galicia, mentres que o martes 14 haberá concentracións á tarde nas sete cidades e o domingo 19 unha gran manifestación en Santiago no que se prevé un mes quente no ensino galego.
CIG, STEG e CSIF convocan folga o día 28 precedida de protestas nos centros o 9, concentracións nas cidades o 14 e manifestación en Santiago o 19
Así o anunciou este xoves o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, que enmarca estas mobilizacións na "contestación á negativa de Educación a negociar". "Somos o profesorado peor tratado, non podemos renunciar aos dereitos, non podemos baixar os brazos. O profesorado ten que seguir unido", dixo en rolda de prensa logo de acusar a Consellería de "desprezar" os docentes.
Será, xa que logo, unha nova folga xeral e un mes de mobilizacións contra o pacto sobre ratios nas aulas e horarios docentes que CIG, STEG e CSIF consideran un "pésimo acordo" e unha "claudicación diante da Consellería" por parte de CCOO, ANPE e UGT que, pola contra, defenden que o documento pactado supón unha mellora evidente e "un comezo" para futuros avances no "camiño" de recuperar os dereitos laborais perdidos polo profesorado tras os recortes sufridos hai anos.
Os sindicatos, que suman o 60% da representación docente, contestan á negativa a negociar de Educación e din recoller o "malestar enorme" do profesorado
Un conflito que, segundo dixo este xoves Bermello, derivou nun "malestar enorme" entre o profesorado, ao que chamou á unidade malia a división sindical. Porque é clave na situación que entre as organizacións en contra do acordo asinado estea a CIG, central maioritaria na mesa sectorial e no propio sector —con máis do 44% dos votos nas últimas eleccións sindicais e o 46% dos delegados—, e que en conxunto se opoñan tamén STEG, CSIF e CUT, sumando todos xuntos o 59% da representación do profesorado e case o 62% dos votos nos últimos comicios.
Na comparecencia deste xoves, Lois Prego, do STEG, asegurou que as mobilizacións tratan de recoller "o descontento que emana do profesorado", en liña co que manifestou Rosa Silva, do CSIF, que chamou aos docentes a secundar as protestas "con independencia da súa afiliación sindical".
Os tres sindicatos centraron en catro eixos "fundamentais" e "básicos" as súas demandas: a redución do horario lectivo para volver ao que había antes dos recortes e que abranguen Secundaria e Bacharelato, a redución do número máximo de alumnado por aula "en prazos razoables", "medidas concretas" para reducir o labor burocrático do profesorado e a "repartición lineal do diñeiro" nos incrementos retributivos. "Son puntos de mínimos, non de máximos", advertiu Bermello.
"Poñer un prazo diferido de nove anos para baixar os ratios en Primaria, non fixar un inicio de redución das ratios na ESO e no Bacharelato ou negar a redución de ratios na FP é algo que afecta tamén ás familias", dixo Bermello, que por iso pide o apoio de toda a comunidade educativa.
Con todo, as tres organizacións sindicais insistiron en instar a Consellería de Cultura e Educación a sentar a negociar. No caso de que haxa vontade de diálogo, amosáronse dispostos a frear un calendario de mobilizacións que augura un novembro quente no ensino galego.
O pasado martes 24 de outubro, os sindicatos convocantes cifraron o seguimento do paro en máis dun 60% e Educación reduciuno a pouco máis do 15%. CIG-Ensino, STEG e CSIF advertiran daquela de novas mobilizacións se a Consellería non rectificaba e abría negociacións para "superar" o que consideran pacto "das renuncias".