Miles de docentes de toda Galicia reclamaron este martes en Santiago que a Xunta rectifique e negocie "melloras reais" para o ensino público galego, nunha xornada de folga na que os sindicatos convocantes cifraron a participación en máis do 60%, unha cifra que a Consellería reduciu a pouco máis do 15%.
Os sindicatos cifran o seguimento da folga en máis dun 60% e a Xunta redúceo a pouco máis do 15%
Malia a intensa choiva, unha longa ringleira de profesores e profesoras percorreu as rúas de Compostela desde a praza Cervantes ata San Caetano para rexeitar o documento de mellora do ensino que os sindicatos CCOO, ANPE e UGT asinaron hai dúas semanas coa Xunta. Un pacto que CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación en Galicia, e STEG, CSIF e CUT cualifican como o "acordo de renuncias" e que reclaman "superar" cunha nova negociación que, se non se produce, advirten, abocará a novas mobilizacións.
Así, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, situou nun 15,3 % a participación na folga na educación non universitaria galega e apuntou que "afortunadamente" durante a xornada non houbo incidencias destacables e que "os centros funcionaron con gran normalidade", aínda que "obviamente, sempre hai algunha molestia". Ademais, lamentou a actitude da CIG, á que acusou de "non formular propostas". "Viñeron cunha postura de todo ou nada", dixo.
"Un 15 % tampouco é unha porcentaxe tremendamente excesiva", dixo, e concluíu que esta xornada de protesta do profesorado "levouse a cabo con total normalidade e respectándonos todos". "Máis aló da participación, punto arriba punto abaixo, o importante é o acordo de mellora que asinamos hai uns días", insistiu Rodríguez, nunha postura radicalmente contraria á dos sindicatos contrarios a un pacto e que suman o 59% da representación docente e case o 62% dos votos nos últimos comicios.
Á espera de cifras "definitivas", o secretario de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que a folga en protesta polo acordo de redución do número máximo de alumnos por aula e do horario lectivo foi "masiva" en Secundaria cun seguimento "do 80 %" e que tivo menos impacto en Infantil.
CIG-Ensino destaca unha manifestación que "duplicou" a asistencia á convocada hai catro anos pola recuperación do horario lectivo
"Na media, excedemos folgadamente o 60 % de participación", dixo Bermello en declaracións aos medios ao comezo da manifestación que xuntou uns 2.000 docentes en Santiago que, segundo dixo, "duplicou" en asistencia á convocada en decembro de 2019 por seis sindicatos e centrada na recuperación do horario lectivo. Unha marcha importante que transcorreu baixo a auga con cánticos como "aínda que se molle, o ensino non encolle", "máis docentes e menos cocientes" ou "non ao acordo da vergoña".
Esta asistencia masiva, en opinión das organizacións convocantes, significa que o profesorado "está farto de recortes e que está en contra do acordo asinado pola Xunta e os tres sindicatos nos que se renuncia a recuperar o horario lectivo que desde hai 14 anos lle foi roubado aos mestres e mestras e desde hai 12 ao profesorado do resto de ensinanzas".
Mentres CIG-Ensino estima o seguimento da folga en Secundaria, FP e ensinos de réxime especial chegou ao 70 % e ao 40 % nos centros de Infantil e Primaria, desde Educación reducen o seguimento ao 15,38 %.
“A Consellería é a principal responsábel da división do profesorado e da división sindical que se produciu durante as negociacións"
O sindicato nacionalista denunciou, ademais, que o departamento que dirixe Román Rodríguez "deu instrucións a todas as direccións dos centros de que non desen ningún dato posterior ás 9.30 da mañá", momento no que "a maioría" do profesorado de Secundaria "no están". Todo para, segundo o sindicalista, mostrar porcentaxes de seguimento da folga "irrisorios".
Ademais, culpou a Consellería de ser “a principal responsábel da división do profesorado e tamén da división sindical que se produciu durante as negociacións que se pecharon en falso cun acordo que renuncia de facto a recuperar o horario lectivo, e que nos deixa á cola do Estado, xunto con Madrid, no mantemento das 25 horas en Primaria e Infantil e as 20 no resto de etapas”. “Para que se producise esta división precisáronse cómplices necesarios", engadiu en alusión aos tres sindicatos asinantes.
Alén disto, CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino divulgaron este martes un comunicado conxunto dirixido á Consellería no que a instan "a tomar nota do seguimento masivo desta folga" e no que piden unha negociación que "dea cumprida resposta ás demandas" que comparten desde hai anos, "superando un acordo no que se renunciou á recuperación dos horarios".
CIG-Ensino, STEG e CSIF advirten de novas mobilizacións se Educación non rectifica e abre negociacións para "superar o acordo das renuncias"
As tres organizacións reclaman a Educación a "recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de dous cursos" e a redución das ratios "en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25
e con aplicación como máximo no remate de cada etapa". Tamén a aplicación de medidas "inmediatas" para a redución da burocracia e repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellería entre todo o profesorado.
De non "rectificar e abrir negociacións para superar o acordo das renuncias", os sindicatos entenderán que "só resta a vía da mobilización" do profesorado para recuperaren os seus dereitos.