O profesorado mantén a presión contra o acordo educativo antes da manifestación deste domingo

Concentración de profesorado en Lugo CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Boa parte do profesorado galego mantén as mobilizacións contra o acordo educativo asinado entre a Xunta e CCOO, UGT e ANPE e na demanda outro con "melloras reais das condicións de traballo e do sistema educativo público". Neste novembro de mobilizacións que concluirán cunha gran manifestación o vindeiro domingo, varios centos de docentes concentráronse na tardiña deste martes, malia o mal tempo, nas sete cidades galegas convocados por CIG-Ensino, STEG e CSIF, organizacións que suman arredor do 60% da representación dos mestres en Galicia.

Concentración de profesorado en Vigo, o 14 de novembro de 2023 CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

O profesorado, convocado por CIG, STEG e CSIF, pide a Educación que "rectifique e escoite as necesidades que ten o ensino público" e aprobe "melloras reais"

Foi unha nova mobilización na que os tres sindicatos solicitan que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade "rectifique e escoite as necesidades que ten o ensino público". Estas foron expresadas no manifesto lido ao remate de cada unha das mobilizacións e logo de que o xoves pasado se reivindicasen tamén nas máis de 300 protestas en centros de toda Galicia. 

Insiste o profesorado mobilizado na "baixada de ratios, a recuperación do horario lectivo, a eliminación da burocracia inútil e unhas retribucións dignas e iguais para todo o colectivo"

Así, os tres sindicato insisten en que o acordo asinado supón "a renuncia a manter a palabra dada e a respectar o mandato das urnas sindicais" e unha "oportunidade perdida" de "conseguir o obxectivo do profesorado por recuperar o horario lectivo previo aos maiores recortes executados por unha administración educativa en todo o Estado". Ademais, advirten de que o pacto supuxo a "ruptura e división na unidade" dos docentes e un "cúmulo de renuncias e melloras low-cost". 

"O profesorado galego non se rende; o profesorado galego non se vende", rematou o comunicado nas concentracións previas á "gran manifestación" que este domingo percorrerá as rúas de Compostela saíndo da Alameda ás 12 horas e con finalización na praza das Praterías. 

Concentración de profesorado en Ferrol CC-BY-NC-ND CIG-Ensino

Unha gran manifestación percorrerá Santiago este domingo contra o acordo educativo que a Xunta asinou con CCOO, UGT e ANPE

Nesta marcha chamada a participar toda a comunidade educativa, ademais do colectivo docente, é dicir, "familias e alumnado coa intención de sumar nesta loita pola mellora do ensino público aos principais axentes afectados polos recortes nos últimos anos".

Nela, as tres organizacións —ás que a CUT se une nas súas demandas— reclaman a Educación a "recuperación dos horarios de 18 e 21 horas nun máximo de dous cursos" e a redución das ratios "en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa". Tamén a aplicación de medidas "inmediatas" para a redución da burocracia e repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellería entre todo o profesorado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.