A supresión de 11 prazas docentes no IES Punta Candieira mobiliza a Cedeira polo mantemento da calidade educativa

Concentración ante o IES Punta Candieira © SOS IES Punta Candieira

O número de prazas docentes redúcese de 75 a 64, ademais de suprimirse o bacharelato de adultos e un ciclo de administración e finanzas

Dende os primeiros días do mes de setembro a comunidade educativa do IES Punta Candieira de Cedeira está a mobilizarse para protestar contra recorte de profesorado decidido pola Xunta. Neste curso o número de prazas docentes redúcese de 75 a 64, ademais de suprimirse o bacharelato de adultos e un ciclo de administración e finanzas, denuncia o colectivo SOS IES Punta Candieira. 

A decisión provocou a dimisión en bloque no equipo directivo do IES. Dende entón profesorado, alumnado e familias está a levar a cabo concentracións ante o centro, recollida de sinaturas e mesmo unha manifestación polas rúas da vila, accións que tiveron un amplo seguimento e participación. Representantes das familias con alumnado no centro, profesorado e alumnado levaron a cabo, igualmente, un encerro no propio centro educativo entre o pasado venres e domingo, unha acción coa que buscaban chamar a atención da cidadanía ante a problemática creada e manter a mobilización iniciada hai algo máis de dúas semanas.

Manifestación polas rúas de Cedeira para denunciar o recorte de profesorado no IES Punta Candieira © SOS IES Punta Candieira

No Parlamento Món Fernández (BNG) preguntou ao conselleiro Román Rodríguez sobre o recorte de profesorado

A redución de profesorado afecta a outros centros da xeografía galega, nunhas decisións que implicaron ademais o peche de catro colexios en Fene, Vila de Cruces, Vilagarcía e Marín e que foi denunciada polas forzas da oposición.

O asunto tamén chegou ao Parlamento, onde BNG e PSdeG-PSOE denunciaron ante o Goberno galego os recortes de profesorado, nunha sesión que contou coa presenza de varios integrantes da plataforma SOS IES Punta Candieira. Món Fernández (BNG) preguntou ao conselleiro Román Rodríguez sobre o recorte de profesorado, nunha intervención na que o conselleiro de Educación xustificou a redución de prazas debido a unha "caída demográfica moi significativa" e á diminución no número de matrículas no centro.

Este luns a plataforma SOS IES Punta Candieira entregou no Concello de Cedeira as máis de dúas mil sinaturas recollidas contra o recorte de profesorado

Este luns a plataforma SOS IES Punta Candieira entregou no Concello de Cedeira as máis de dúas mil sinaturas recollidas contra o recorte de profesorado, que agora serán remitidas á Valedora do Pobo e mais á Consellaría de Educación. Nas últimas semanas, a plataforma denunciou que "con este recorte" non se pode "ofertar todo o que temos dentro do centro nin cubrir as necesidades básicas das aulas". Así mesmo, sinala que o proceso de "desmantelamento" do centro devolve Cedeira "aos anos setenta" do pasado século, pois "o alumnado verase obrigado a desprazarse a estudar a Ferrol, mais co agravante de que agora non existe unha comunicación de transporte público axeitada".

Xuntanza da plataforma veciñal contra os recortes no IES Punta Candieira © SOS IES Punta Candieira

A comunidade do centro denuncia que o recorte de profesorado implica un empobrecemento da atención educativa en moitos niveis e provoca unha elevación das ratios "ata o máximo"

A comunidade escolar do centro denuncia que o recorte de profesorado implica un empobrecemento da atención educativa en moitos niveis e ámbitos e provoca unha elevación das ratios "ata o máximo". Así, por exemplo, sinalan que non se poderán levar a cabo reforzos educativos de Lingua Castelá e Matemáticas en 1º e 2º de ESO. Igualmente, denuncian que "non se poden facer grupos pequenos en ningún dos dous cursos nin tampouco en 3º de ESO" e critican que "non hai desdobres para Laboratorio (Física e Química e Ciencias), co cal non poden facer prácticas e serán materias só teóricas".

"Con este recorte" non se pode "ofertar todo o que temos dentro do centro nin cubrir as necesidades básicas das aulas", denuncian

Engaden que "a menor oferta de materias optativas en 1º e 2º de Bacharelato afectará na ponderación da nota final que poidan necesitar para acceder a estudos superiores, tanto Universidade como Ciclos Superiores, creándose situacións nas que por exemplo non poidan cursas optativas que despois requiren certas carreiras, polo que terían que ir a un centro fóra de Cedeira para cursar o Bacharelato".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.