O responsable de organización do PSdeG afirmou que o comenzo do novo curso escolar “demostra improvisación por parte da Xunta”, ao tempo que “deixa á vista a brutalidade dos recortes de profesorado na escola pública”
O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, reclamou este sábado a “contestación" e a "reacción” da sociedade galega contra "os recortes perpetrados polo goberno da Xunta no ámbito educativo", unhas medidas que "supoñen un grave deterioro nunha prestación pública esencial".
Lage participou en Foz nun acto de homenaxe á figura do histórico socialista Ceferino Díaz, finado no 2012, cualificado como "un exemplo permanente do compromiso político con Galicia". A homenaxe, na que tamén participou a filla de Ceferino Díaz, a deputada autonómica Noa Díaz, así como o alcalde de Foz, Francisco Cajote, ou os seus homólogos de Xermade, Roberto García, e Cedeira, Pablo Diego Moreda, consistiu nunha ofrenda floral no monolito erixido hai uns anos na súa memoria.
“Os que primeiro están a sufrir os recortes son os rapaces, os alumnos e alumnas que acaban de comezar as clases. Pero tamén o sofren, dixo, as familias e as asociacións de nais e pais, que se senten desprotexidas ante esta situación de menoscabo do ensino galego", dixo Lage Tuñas
O responsable de organización do PSdeG afirmou que o comenzo do novo curso escolar “demostra improvisación por parte da Xunta”, ao tempo que “deixa á vista a brutalidade dos recortes de profesorado na escola pública”. Lage Tuñas sinalou que os socialistas galegos ven "con preocupación” como o Goberno galego “segue a deteriorar os servizos públicos”, alertando de que os recortes de profesorado e o peche de aulas ou de centros sucédese por toda Galicia.
Lage Tuñas citou expresamente o caso do IES Punta Candieira de Cedeira, que terá once profesores menos este ano cando a matrícula de alumnos é similar. "É un exemplo que se suma a moitos coñecidos nos últimos días, como o do IES Virxe do Mar de Noia, que terá este curso tres profesores menos; o Mendiño de Redondela, con catro menos; o o IES A Sangriña da Guarda, que sofre un recorte de trece docentes en só dous anos", sinala o PSdeG-PSOE
Lage Tuñas cualificou ao responsable de Educación, Román Rodríguez, de “conselleiro ausente” e esixiulle que "dea a cara" ante a cidadanía
Os socialistas denuncian que con respecto ao curso 2021-2022 o sistema educativo galego rexistrou “un recorte de máis de 1.500 profesores”. A formación considera que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non pode seguir sen tomar decisión algunha ante a precaria situación educativa en Galicia". Así mesmo, Lage Tuñas cualificou ao responsable de Educación, Román Rodríguez, de “conselleiro ausente” e esixiulle que "dea a cara" ante a cidadanía e "corrixa os importantes recortes cos que acaba de botar a andar o novo curso".
“Os que primeiro están a sufrir os recortes son os rapaces, os alumnos e alumnas que acaban de comezar as clases. Pero tamén o sofren, dixo, as familias e as asociacións de nais e pais, que se senten desprotexidas ante esta situación de menoscabo do ensino galego", concluíu Lage Tuñas.