Rueda acusa a Sánchez de non financiar escolas infantís en Galicia tras devolverlle 22 millóns

O presidente da Xunta e a conselleira de Política Social, visitando unha escola infantil en Ponteareas o pasado maio CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O presidente sostén que a proposta do Estado para rebaixar o número de crianzas por docente en escolas infantís, a comezar por pasar de 8 a 4 nas aulas de bebés, "compromete a gratuidade" en Galicia, estendida mediante subvencións a centros privados

O Ministerio de Educación presentou a pasada semana aos sindicatos máis representativos do sector -entre eles, a CIG-Ensino, maioritario entre o persoal docente público galego- a súa proposta para a baixada de rateos no primeiro ciclo de Educación Infantil. No caso galego, implicaría unha notabilísima redución a respecto da normativa vixente, un decreto aprobado hai máis de vinte anos, nos días finais do fraguismo.

A iniciativa do Goberno de españa consiste en que nas aulas de 0 a 1 anos cada docente tería que estar ao cargo dun máximo de catro bebés, cando en Galicia actualmente son. Nas de 1 a 2 anos o límite estaría en 8 fronte ás 13 crianzas actuais e nas de 2 a 3 anos, actualmente con ata 20 nenas e nenos por docente, a relación non podería pasar de 8 prazas de alumnado por cada praza de persoal educador.

Fronte á boa acollida entre as centrais sindicais, a Xunta recibiu a iniciativa estatal con aberta hostilidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, interpretouno como "un intento do Goberno central de boicotear" o "modelo de gratuidade pioneiro posto en marcha por Galicia", isto é, a extensión da escolarización de 0 a 3 anos sen pagamento directo polas familias mediante subvencións a escolas privadas e non coa ampliación das prazas públicas. 

"O presidente Sánchez dixo que ía implicarse no financiamento das escolas infantís, pasaron tres anos e non fixo nada", acusa Rueda máis dun ano despois de retornar ao Estado 22 millóns de fondos europeos por poder financiar con eles só novas prazas públicas e non financiar as privadas

"Non achegou nin un euro", censuraba García a pasada semana nunha xuntanza con representantes de empresas do sector. "O presidente Sánchez dixo que ía implicarse no financiamento das escolas infantís, na gratuidade, pasaron tres anos e non fixo nada", afondaba na mesma liña este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ambas consideracións obvian que o Goberno de España chegou a remitir ao Executivo galego 34,9 millóns de euros para crear ata 3.417 novas prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos, dos cales a Xunta devolveu a maioría: 22 millóns de euros.

Como informou Praza.gal, a finais de 2024 o departamento que dirixe Fabiola García tramitou ante o Estado a devolución de 22,3 millóns de fondos europeos de recuperación  ao Ministerio de Educación. Fíxoo cando aínda restaba un ano para gastalos na creación das devanditas máis de tres mil novas prazas de educación infantil. 

Política Social xustificou o retorno dos cartos en que os fondos "foran deseñados para aumentar a taxa neta de escolarización" en 0-3 anos e Galicia xa lideraba este indicador. Pero tamén -e sobre todo- lamentou que o Goberno de España "non permitise utilizalos para financiar o programa de gratuidade que ten Galicia".

"Habería que dobrar o número de prazas ou baixar á metade o número de matriculados", sostén o presidente

Esta segunda razón foi a clave do conflito. A Xunta reclamaba poder destinar os fondos indistintamente tanto para crear prazas públicas como para financialas en centros privados e o Estado enfocounos unicamente á rede pública. Desta maneira, en Galicia gastáronse 12,54 -fundamentalmente, en transferencias a concellos para escolas infantís municipais- e os outros 22 devolvéronse. 

Máis dun ano despois desa devolución, Rueda esgrime esa queixa de falta de financiamento estatal para advertir de que a baixada de rateos que promove o Goberno de España "compromete moi seriamente a gratuidade das escolas infantís" porque sería unha "obriga sen ningún tipo de financiamento". "Habería que dobrar o número de prazas ou baixar á metade o número de matriculados", sostén o presidente, en cuxa opinión o sistema en Galicia "estaba funcionando", ata o punto de ser "modélico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.