Traballadoras e familias usuarias alertan de que o Executivo non está a cubrir os permisos do persoal solicitados, coa consecuente sobrecarga para as que quedan nos seus postos e o descontento das familias que sofren un servizo mermado
“Dende a Escola Infantil informamos que debido a imprevistos na organización do cadro de persoal a escola pechará mañá as 16 horas”; “Hoxe por falta de persoal non podemos pintar con pintura de dedos...”. Estes son algúns dos avisos que foron chegando ás familias usuarias das escolas infantís públicas Galiñas Azuis nos últimos días. Redución nos horarios e merma nos servizos. Consecuencias automáticas da falta de persoal que sofren este mes os centros dependentes de Política Social.
Moitas traballadoras solicitan para xullo permisos por conciliación, debido ao peche dos centros de educación infantil e primaria. Trátase de licenzas non retribuídas pedidas con máis dun mes de antelación, segundo informan desde o comité de empresa, pero cuxa xestión está a ser ineficiente. “En moitos casos a resolución chega cando o permiso xa debera estar iniciado, e incluso chega condicionada á cobertura da praza, o que dificulta aínda máis a súa efectividade”. Ademais, “o sistema de chamamentos non está a ofertar con regularidade as coberturas dispoñibles, sendo habitual que durante varios días non se realicen chamadas, a pesar de existir vacantes que precisan cobertura inmediata”, alertan desde o comité de empresa nun comunicado xa remitido a Política Social en relación á situación na escola infantil da Parda, en Pontevedra.

“É caótico, porque crean mal ambiente, obrigan a cambiar horarios e xorden máis baixas porque as traballadoras que quedan están sobrecargadas”, asegura Beatriz Rodríguez, educadora na escola da Parda, a máis grande de Galicia, con vinte traballadoras.
“É caótico, porque crean mal ambiente, obrigan a cambiar horarios e xorden máis baixas porque as traballadoras que quedan están sobrecargadas”, asegura Beatriz Rodríguez, educadora na escola da Parda, a máis grande de Galicia, con vinte traballadoras.
“Chegas ao cole e ves o cociñeiro vixiando o patio ou a directora atendendo as entradas porque non hai persoal. É pasotismo e mala xestión. Eu sei que as traballadoras actuaron ben, pero é un problema da Administración. Nós pedimos que se cumpran os servizos ofertados, que organicen o persoal e que chamen para facer as substitucións”, indica Araceli Rodríguez, a presidenta da Anpa “Cucú” da Escola Infantil A Parda. “Cada vez que hai unha baixa non se cobre ou tarda moito e pasamos por alto que as Galiñas Azuis ofertan unha parella educativa e non se está dando; chega o verán e vemos o cole co 50% do persoal”, explica a voceira de nais e pais, que vén de enviar un escrito de queixa fronte ao Consorcio.
En Nigrán as traballadoras solicitan que se reforce o posto de PSX con outra persoa desta categoría “para non ter que comunicar ás familias usuarias a imposiblidade de dar o servizo de xantar”, segundo consta no escrito que veñen de enviar á Xunto e ao Concello
Na escola infantil de Nigrán, pola súa banda, alertan de que ata o 31 de xullo de 2022 contaban con dúas prazas no posto de PSX (servizos xerais), da que amortizaron unha delas aproveitando unha xubilación, pese a que había carga de traballo abonda para manter eses dous postos. A partir desa data o persoal educativo tivo que asumir tarefas que antes realizaba o persoal de servizos xerais, algo que se agravou por mor dunha adaptación de posto. Estamos a falar sobre todo dun problema para levar a cabo o servizo de comedor ou as sestas: montar e desmontar mesas nunha sala de usos múltiples, servir a comida, lavar os vasos ou poñer ou retirar as camas. Son funcións que están a asumir mestras e educadoras, que afrontan este final de curso sobrecargadas sufrindo a transformación da escola infantil cara a un modelo asistencial. "Parece que desde a Xunta non nos toman en serio. É como se mandasen os profes dun instituto a facer de conserxes", lamenta unha profesora do centro educativo do Val Miñor.
Por todo isto as traballadoras solicitan que se reforce o posto de PSX con outra persoa desta categoría “para non ter que comunicar ás familias usuarias a imposiblidade de dar o servizo de xantar”, segundo consta no escrito que veñen de enviar á Xunto e ao Concello de Nigrán.

"A ninguén lle agrada dar esta imaxe lamentable e as familias vense afectadas, cun servizo público precarizado”, explica Rebeca Quintillán, mestra e delegada de persoal
O problema da falta de persoal en xullo deriva tamén da elevada temporalidade que adoece o sistema, inmerso nun proceso de estabilización que non acaba facerse realidade. “Levamos moitos anos así, no mes de xullo hai moita xente que remata o seu contrato o día 31 e ten a obriga de vacacionar. Ademais, para conciliar, as traballadoras piden os permisos sen soldo. Os centros son coñecedores desta situación e xa o comunican en marzo ou abril, pero chegamos a xullo e non chaman para substitucións, por moito que os centros fagan o seu labor, queda todo paralizado nos servizos centrais”, lamenta Rebeca Quintillán, delegada de persoal da CIG na Consellería de Política Social e mestra.
“As traballadoras que quedan no centro están sobrecargadas. A ninguén lle agrada dar esta imaxe lamentable e as familias vense afectadas, cun servizo público precarizado”, engade Quintillán.
Consultado por este asunto desde Praza.gal, desde o gabinete de prensa de Política Social informan de que a Xunta de Galicia “está traballando para axilizar e resolver esta situación xerada días puntuais e en moi poucas escolas infantís das 146 Galiñas azuis debido a baixas imprevistas do persoal ou por permisos de traballo”. Para solventar esta situación o máis pronto posible, aseguran, o Executivo galego está recorrendo ás persoas que figuran nas listas de contratación para substitucións e tamén se publicaron ofertas a través do Servizo Público de Emprego. Deste xeito, “o Goberno galego traballa para dar resposta a esta situación pese ás dificultades coas que se está atopar, especialmente para atopar persoal cualificado que permita cubrir postos de traballo en plena época estival”, indican.