O comité municipal de folga da Coruña nace para "dar apoio á organización da veciñanza e promover accións conxuntas de difusión e impulso á convocatoria de folga, ademais de dar voz ás demandas específicas para a cidade"
Os preparativos para a folga xeral pola vivenda do vindeiro 11 de novembro están en marcha. Vén de presentarse o comité municipal de folga da Coruña, que nace co impulso dunha trintena de colectivos sociais, sindicatos e organizacións activistas co obxectivo de ser un "espazo popular" para "dar apoio á organización da veciñanza e promover accións conxuntas de difusión e impulso á convocatoria de folga, ademais de dar voz ás demandas específicas para a cidade".
O comité de folga, constituído o pasado luns, presentouse este venres na sede da Revolteira (rúa Falperra, 13). Está constituído por sindicatos (CIG, CC.OO, UXT, CXT, CUT, STEG...), entidades de vivenda (Sindicato de Vivenda, Plataforma polo Dereito á Vivenda da Coruña, os Bloques en Loita de Agra de Bragua 7, Adelaida Muro 60, Capitán Troncoso 21, Gramela 30...), organizacións xuvenís (Coordinadora da Mocidade Socialista, Erguer, Fervenza...) e outros colectivos diversos, dende o Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen) ata SOS Racismo, pasando por AvanteLGTB ou Amigas da Terra.
“O fortísimo carácter social desta convocatoria fai que o traballo colectivo da veciñanza organizada sexa hoxe aínda máis importante para o éxito desta folga na urxencia dun cambio nas políticas de vivenda que garanta o dereito a teito, así como uns servizos públicos de calidade que cheguen a quen os precisa”
O comité nace para dar "apoio á coordinación, xestión e desenvolvemento daquelas accións que potencien a mobilización social de cara á Folga Xeral, facéndoas chegar a todos os barrios da cidade", e, igualmente, para "marcar e dar voz ás demandas comúns dos colectivos integrantes en materia de dereito á vivenda, dignificación laboral e mellora dos servizos públicos no ámbito local".
“O fortísimo carácter social desta convocatoria fai que o traballo colectivo da veciñanza organizada sexa hoxe aínda máis importante para o éxito desta folga que convocan os sindicatos laborais, pero que nos atinxe á práctica totalidade da cidadanía, na urxencia dun cambio nas políticas de vivenda que garanta o dereito a teito, así como uns servizos públicos de calidade que cheguen a quen os precisa”, salientan desde o comité.
No comité de folga participan sindicatos, colectivos de vivenda, entidades xuvenís e moitas outras asociacións de todo tipo
No acto presentáronse dúas ferramentas de difusión e organización como a páxina web da folga e a aplicación Toka, nas que as persoas que o desexen poden rexistrase e informarse sobre os actos organizados de cara á folga, sumarse a actividades e coñecer os comités barriais ou sectoriais que se están a crear na cidade, entre outras.
No acto presentáronse dúas ferramentas de difusión e organización como a páxina web da folga e a aplicación Toka
Na páxina web pode lerse o programa dos colectivos de vivenda, consultar ou engadir convocatorias de accións, ler unha historia das folgas de vivenda no mundo e descargar materiais de difusión. Ademais, pódese acceder á aplicación Toka, que permite unha mellor coordinación das actividades.
De momento están constituídos 207 comités de folga en todo o Estado e dende os colectivos de vivenda sinálase o obxectivo de chegar a un milleiro, nos que participen activamente un mínimo de 25.000 persoas.