Condenado por estafar dúas persoas en Vigo ás que alugou un piso do que non dispuña

Avenida García Barbón, en Vigo © Prace

A Audiencia de Pontevedra vén de condenar a 18 meses de prisión a un home ao que dúas persoas entregaron 1.420 e 700 euros respectivamente en concepto de reserva e fianza por unha vivenda en Vigo sobre a que en realidade non tiña dispoñibilidade

A crise da vivenda ten moitas consecuencias derivadas, comenzando pola indefensión das persoas que procuran un inmoble de alugueiro, unha búsqueda cada vez máis difícil na que, ademais, están expostas a sufrir enganos que se aproveitan da necesidade de acceder a un lugar no que vivir. A Audiencia de Pontevedra vén de condenar a 18 meses de prisión a un home por estafar a dúas persoas simulando alugar un piso en Vigo, unha vivenda sobre a que en realidade non tiña dispoñibilidade.

En febreiro de 2024 o acusado contactou cunha muller sabendo que lle podía interesar alugar unha vivenda e ofreceulle un inmoble situado en Vigo, polo que debía pagar unha renda mensual de 600 euros. Díxolle, con todo, que a vivenda estaba a ser reformada e que só a podería visitar e habitar a partir do mes de marzo. 

Porén, antes esixiulle o pagamento de 600 euros en concepto de reserva do inmoble; posteriormente reclamoulle outros 600 euros como fianza que debía ser depositada ante a Xunta. Pasou o mes de marzo e o acusado foi adiando a entrega das chaves con diferentes excusas e aínda en abril demandoulle á vítima un novo pagamento de 220 euros en concepto de seguro de alugueiro.

Sede da Audiencia Provincial de Pontevedra © https://excelenciajuridica.com/

A sentenza sinala que o acusado "nunca tivo a intención de formalizar o contrato de alugueiro, ao non ter disposición nin administración" sobre o inmoble en ningún momento, senón que a súa intención "foi quedar co diñeiro solicitado, como así sucedeu"

Ademais de non poder entrar no inmoble que ela pensaba que xa alugara, abandonara xa a súa antiga vivenda, polo que tivo que marchar a vivir cunha amiga fóra da cidade, "o que lle supuxo un gran trastorno". Nese momento, reclamoulle ao acusado a devolución dos cartos que ela adiantra, 1.420 euros, pero este negouse. A muller mesmo tivera que pedir un préstamo para facer fronte a estes pagamentos.

A sentenza sinala que o acusado "nunca tivo a intención de formalizar o contrato de alugueiro, ao non ter disposición nin administración" sobre o inmoble en ningún momento, senón que a súa intención "foi quedar co diñeiro solicitado, como así sucedeu".

 

Unha segunda estafa

No tempo en que a primeira vítima lle estaba a reclamar sen éxito a devolución dos cartos, o acusado puxo en marcha unha segunda estafa, que nesta ocasión tivo como vítima a un home. Esta segunda vítima viu un anuncio da vivenda na plataforma Milanuncios, na que se ofrecía o inmoble por un alugueiro mensual de 700 euros, e contactou o 16 de maio.

No tempo en que a primeira vítima lle estaba a reclamar sen éxito a devolución dos cartos, o acusado puxo en marcha unha segunda estafa, que nesta ocasión tivo como vítima a un home. Esta segunda vítima viu un anuncio da vivenda nunha plataforma onlie e interesouse por ela

O acusado, "actuando coa mesma finalidade de enriquecerse ilicitamente e sen ter intención de formalizar o contrato, porque tampouco tiña facultades de administración e disposición sobre a referida vivenda", comunicoulle que o piso se atopaba en obras e que non o podería visitar ata dúas semanas despois. Ao igual que na primeira ocasión, reclamou un pagamento de 700 euros en concepto de reserva, que a vítima realizou e, a pesar de esixilo posteriormente, nunca puido recuperar.

Agora o tribunal condena o acusado por un delicto de estafa agravada a unha pena de 18 meses de prisión e a devolver ás súas dúas vítimas o diñeiro que estas lle entregaron: 1.420 e 700 euros, respectivamente. Ademais, deberá pagar as costas do xuízo e unha multa de sete meses a razón de seis euros diarios. A sentenza non é firme, pois é recorrible ante o TSXG.

A sentenza destaca que as vítimas, "sufriron un erro esencial por canto estaban na crenza de que a cantidade de diñeiro entregada iría destinada ao alugueiro da vivenda e efectuaron un desprazamento patrimonial en prexuízo propio e en beneficio do acusado".  "Atopámonos ante unha intriga enganosa na que finxiu a dispoñibilidade dunha vivenda e serviuse de engano, na medida que fixo crer aos prexudicados que ostentaba unha facultade de disposición sobre o inmoble e que, polo tanto, podía arrendalo", afirman os xuíces no ditame.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.