Nos últimos meses viñeron incrementándose as denuncias públicas sobre o estado e os prezos dos pisos de alugueiro nos que vive o estudantado universitario en Compostela. Iniciativas como Querido Caseiro alertaban sobre as "historias de terror" de pisos alugados por mozos e mozas, as malas condicións dos inmobles e a indefensión que en moitas ocasións sofren os inquilinos e inquilinas. Os responsables da páxina advertían o pasado mes de setembro de que "a suba de prezos do Xacobeo xa comeza a notarse e existe preocupación sobre o que virá no próximo curso".
Advirten de que a tendencia á alza dos prezos "continuará ata xullo de este ano, e, especialmente, de cara ao Xacobeo 2021, debido á proliferación do alugueiro de pisos turísticos"
Os prezos dos alugueiros medios nas cidades galegas aumentaron un 15% dende o ano 2016, segundo as cifras da Xunta, pasando por exemplo na cidade de Santiago de 390 a 443 euros (un prezo que é moi superior no caso dos pisos de tres cuartos ou máis). Ademais, nos barrios máis céntricos este aumento foi moi superior, acadando a finais do ano 2019 o Ensanche compostelán un importe medio de 531 euros, cun encarecemento do 14% en só dous anos. Barrios como Conxo e San Marta teñen xa alugueiros medios situados en 517 euros, cun aumento do 20% dende o 2017.
"Os pisos que quedan na cidade e que non están en condicións de seren alugados a turistas están nunhas condicións pésimas"
"É preciso que quen nos vemos afectadas por estas problemáticas creemos comunidade e organicemos a resposta á situación mediante a denuncia, a concienciación e, en última instancia, o traballo militante", dicían os e as responsables de Querido Caseiro naquela entrevista. E é o que están a facer dende o sindicato estudantil Anega (Asemblea Nacional das Estudantes Galegas), que este mércores presentou a campaña 'Vivenda digna e accesible xa'.
A organización estudantil comezou cunha pegada de carteis en Compostela para visibilizar a problemática, con "pisos a prezos cada vez máis elevados e mesmo en condicións insalubres", unha tendencia que "continuará á alza ata xullo de este ano, e, especialmente, de cara ao Xacobeo 2021, debido á proliferación do alugueiro de pisos turísticos".
"Atopamos humidades tremendas, mobiliario roto ou fugas de gas ata pragas e outras condicións totalmente insalubres, así coma abusos dos caseiros respecto dos dereitos das inquilinas”
Ana Fidalgo, responsable de relacións sociopolíticas de ANEGA, advirte de que "estamos vendo un incremento exponencial do prezo dos alugueiros que no Xacobeo vai ir a máis". E alerta de que "moitos e moitas estudantes teñen que marchar á periferia da cidade ou a localidades limítrofes, como Milladoiro". "Os pisos que quedan na cidade e que non están en condicións de seren alugados a turistas están nunhas condicións pésimas", comenta.
"Neles atopamos dende humidades tremendas, mobiliario roto ou fugas de gas ata pragas e outras condicións totalmente insalubres, así coma abusos dos caseiros respecto dos dereitos das inquilinas”, di. "Hai moitos casos de catro ou cinco estudantes que viven en pisos pensados para tres, cun só baño...", engade.
Compostela suma ao redor de 700 pisos turísticos "legais", é dicir, rexistrados pola Xunta. Pero son moitos máis os ilegais
Compostela suma ao redor de 700 pisos turísticos "legais", é dicir, rexistrados pola Xunta. Pero son moitos máis os ilegais, como recoñecía hai uns meses o propio alcalde Xosé Sánchez Bugallo, que alertou de que "o problema non son os 641 establecementos" rexistrados de xeito legal, "senón un número moi superior que funciona de forma irregular". O Concello aplica unha moratoria para a inscrición de novas vivendas de uso turístico.
Esta denuncia chega ademais no mesmo día en que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) abriu un expediente sancionador contra sete empresas por encarecer artificialmente o prezo da vivenda, entre elas Idealista. A investigación céntrase no software e nos algoritmos de procura utilizados por esta e outras compañías.
Anega busca con esta campaña "visibilizar o problema" e avanzar na autoorganización do estudantado que sofre prezos elevados e malas condicións nas súas vivendas. A campaña incluirá diversos actos públicos e accións nas redes sociais. A pasada semana A Coruña acolleu unha xornada sobre vivenda, organizada pola Marea Atlántica, na que participaron colectivos de inquilinos que traballan dende hai tempo en Barcelona, Madrid ou Lisboa. Nela, estas entidades fixeron énfase na necesidade de que os e as inquilinas se organicen e traballen en colectivo. "Hai que organizarse, se te pos a protestar ti só contra o teu caseiro, ninguén che vai facer caso", destaca neste senso Jacobo, outro dos integrantes de Anega.
Reclaman a reserva para o estudantado dunha parte do parque de vivenda, a aprobación dunha lei que fixe uns prezos máximos para o alugueiro, e igualmente a existencia de máis prazas nas residencias públicas
Nunha seguinte fase, o sindicato estudantil manterá contacto con diferentes axentes sociais e políticos de cara a "formular e esixir medidas concretas para paliar esta situación, que afecta de forma totalmente urxente ás condicións de vida do estudantado".
Estre esas medidas citan a reserva para o estudantado dunha parte do parque de vivenda, a aprobación dunha lei que fixe uns prezos máximos para o alugueiro, e igualmente a existencia de máis prazas nas residencias públicas, que na actualidade presentan unha gran lista de espera, e nas que moita xente fica fóra. Ademais, reclaman medidas para evitar "que haxa bancos e fondos voitre que estean especulando coas nosas vidas".