"A suba de prezos do Xacobeo xa comeza a notarse e existe preocupación sobre o que virá no próximo curso"

'Querido Caseiro' recompila as "historias de terror" dos pisos de estudante ©

Pouco antes do verán naceu Querido Caseiro, unha conta de Instagram nacida para contar as "historias de terror" de pisos alugados por mozos e mozas, como denuncia das malas condicións dos inmobles e da indefensión que en moitas ocasións sofren os inquilinos e inquilinas. 

Moi pronto comezou a recoller testemuños de estudantes de toda Galicia sobre as súas experiencias, relatos de tuberías atascadas, fiestras rotas, humidades, electrodomésticos defectuosos, fauna diversa (ratos, cascudas...) e sobre caseiros e caseiras non excesivamente dispostos a solucionar estes problemas ou con escaso respeto á intimidade dos e das residentes. Tamén sobre dificultades para recuperar as fianzas ou subas inesperadas nos prezos dos alugueiros.

"Despois de anos vivindo e escoitando toda clase de barbaridades sobre a enorme precariedade dos pisos démonos conta de que, lonxe de ser excepcións, eran cuestións sistemáticas"

O grupo de estudantes que impulsou esta iniciativa que recolle as historias doutros mozos e mozas pasaran tamén por situacións similares. Bruno, por exemplo, conta que hai dous anos vivira "nun piso cheo de humidade ao que non podía convidar xente que tivese problemas respiratorios e no que aparecía mofo nos mobles e aparellos electrónicos durante a fin de semana".

A denuncia deste tipo de situacións, que sofre dende hai décadas o estudantado (e en xeral a maior parte dos mozos e mozas e as persoas con recursos económicos limitados), chega ademais nun momento non que o prezo dos alugueiros está a crecer de forma moi importante en todas as cidades galegas, sobre todo nos barrios máis céntricos. En paralelo, en cidades de todo o Estado, tamén en Vigo e A Coruña, están a formarse asociacións de inquilinos e inquilinas para a mellor defensa dos seus dereitos e para fornecer de información a todas as persoas afectadas. Falamos con Bruno, un dos impulsores de Querido Caseiro.

Como xurdiu a idea de abrir a conta de Instagram e recompilar estas historias?

"É preciso que quen nos vemos afectadas por estas problemáticas creemos comunidade e organicemos a resposta á situación mediante a denuncia, a concienciación e, en última instancia, o traballo militante"

Querido Caseiro xurdiu, en primeiro lugar, da nosa experiencia propia e a da xente dos nosos círculos. Despois de anos vivindo e escoitando toda clase de barbaridades sobre a enorme precariedade dos pisos e residencias de estudantes (e mesmo de xente que xa está no mundo laboral) démonos conta de que, lonxe de ser excepcións, eran cuestións puramente sistemáticas. Atopamos inspiración en contas do estilo, como @Chapuzas.USC, que denuncia o malestar das infraestruturas da Universidade de Santiago, ou @trabajosruineros, a nivel estatal, que expón as condicións de precariedade ás que se enfrontan as traballadoras.

Cal é o obxectivo de Querido Caseiro?

En primeiro lugar, procuramos sensibilizar a poboación en xeral e o estudantado en concreto arredor da cuestión da vivenda e dar conta de que se trata dun problema estrutural nos tempos actuais, moi lonxe de ser un conxunto de casos illados. Quixemos dar á conta un ton desenfadado e mesmo cómico, coa finalidade de chegar a un público maior e conectar de mellor xeito con quen sofre, coma nós, a precariedade na vida e na vivenda.

En segundo lugar pensamos que é preciso que quen nos vemos afectadas por estas problemáticas creemos comunidade e organicemos a resposta á situación mediante a denuncia, a concienciación e, en última instancia, o traballo militante nos campos en que sexa preciso.

Falta información sobre os dereitos que ten un inquilino e sobre a forma en que pode facelos valer?

Si, isto vímolo todas nós desde que comezamos os nosos estudos fóra das nosas residencias familiares e agora vémolo máis que comprobado ao poñernos en contacto co resto do estudantado galego. Temos o propósito de realizar un traballo de divulgación sobre este tipo de cuestións agora que temos unha audiencia relativamente numerosa.

Anuncios de pisos en alugueiro CC-BY-SA María Dolores Parra

"Sería preciso revisar a lexislación en materia de alugueiros e que a Administración fose quen de intervir en favor de pisos accesibles para todas as estudantes e en condicións de habitabilidade"

Credes que o estudantado, a mocidade e, en xeral, as persoas que viven de alugueiro, deberían organizarse para evitar estes e outros abusos?

A miña opinión persoal é que si, a única resposta útil ao forte embate do Réxime actual e á enorme precarización á que nos vemos sometidas é a organización, vencellada sempre á formación e o estudo da realidade en que vivimos. En Querido Caseiro queremos servir de altofalante, mais a única vía para que as nosas protestas poidan cristalizar en solucións reais é a da loita consciente, organizada e unitaria.

Notades cambios nos últimos tempos no mercado do aluguer? Nótanse os efectos da suba de prezos?

Si, claro. A suba de prezos do vindeiro ano Xacobeo xa comeza a notarse agora e existe unha preocupación xeral sobre o que virá no próximo curso. Nos máis dos casos, a suba de prezos tradúcese na necesidade de deixar de lado actividades extracurriculares que contribúen á nosa formación, descoidar a nosa saúde pola imposibilidade de exercer segundo que deportes ou alimentarnos de xeito máis precario ou, simplemente, renunciar ao noso tempo de ocio e descanso, que cada vez nos é máis necesario, por ter que compaxinar o traballo cos estudos.

"A suba de prezos tradúcese na necesidade de deixar de lado actividades extracurriculares, descoidar a nosa saúde ou alimentarnos de xeito máis precario"

Deberían poñerse en marcha accións decididas (medidas legais, algún tipo de vixilancia sobre os abusos) para evitar que pasen estas cousas, para garantir vivendas dunha calidade mínima a prezos aceptables?

Por suposto. Sería preciso revisar a lexislación en materia de alugueiros e que a Administración fose quen de intervir en favor de pisos accesibles para todas as estudantes e nas condicións de habitabilidade que, polo menos, aseguren unha vida saudable. A día de hoxe temos a sensación de que case se nos castiga por querer estudar.

 

Querido Caseiro en cinco testemuños

  • "Pagamos 750 euros por un piso no que se estropeu a lavadora. A caseira díxonos que "xa lavou bastante" e que tiñamos que arranxala nós. Para máis inri, xa é a segunda vez que temos que durmir fóra porque a electricidade deixa de funcionar e temos que estar, literalmente, a dúas velas".
  • "A nosa caseira ven todas as mañas as 9/10 a ver cómo está o piso e o único que fai e coller a louza que temos no fregadeiro e tirala a Unha tina. Non temos vasos xa, os rompe todos ao tiralos".
  • "Vivíamos nun piso no que apenas entraba a luz do día e como consecuencia habia moitísima humidade. Ao principio só se me estropeara o ordenador, que debido a esa humidade deixou de funcionar e tiven que mercar un novo. Co paso dos meses tiven un problema de pedras no riñón e o médico díxome que o máis probable era polas condicións nas que viviamos nese piso"
  • "Cando o tipo foi revisar o piso dixo que todo estaba perfecto e que non había ningún problema. Sen embargo, cando tocou cobrar a fianza, deixou de respondernos ás chamadas. Falamos ca Inmobiliaria, e ao parecer o tío dicía que gastara todo o diñeiro en limpeza e reparacións, que non nos quería devolver nin un céntimo e que non nos dirixiramos a el"
  • "No noso piso deste ano tivemos que aguantar tuberias atascadas que provocan inundacións no baño e a cociña, ventás rotas pegadas con celo, unha lavadora que deixou de funcionar a metade de curso... Ademais de fugas de gas frecuentes para as que a única solución que ofrece a caseira é "limpar mellor a cociña" e apagóns de luz periódicos que nos deixan horas sen electricidade,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.