Home de confianza de Feijóo desde hai dúas décadas, alto cargo con Fraga e funcionario do corpo superior desde 1985, o Goberno galego despídeo como “un traballador público que sempre estivo ao servizo do pobo de Galicia”
Valeriano Martínez García (Cangas, 1961), conselleiro de Facenda, morreu este mércores dunha parada cardiorrespiratoria mentres traballaba no seu despacho de San Caetano, sede central da Xunta. Foi atendido por servizos de emerxencias pero non puideron salvar a vida dun home de confianza de Feijóo desde hai dúas décadas que pasou a maior parte da súa carreira en segundos postos ata que en 2015 recibiu o encargo de ser o responsable das contas públicas galegas. Tras coñecerse o falecemento todo o Goberno galego anulou toda a súa axenda oficial.
Valeriano Martínez, licenciado en Económicas e Empresariais pola USC, era funcionario do corpo superior da Xunta desde 1985. Durante os gobernos de Manuel Fraga foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, desde 1996 ata que en 2003 foi nomeado director xeral de Transporte coa volta a Galicia de Feijóo como conselleiro de Política Territorial. Ao pasar o PP á oposición Martínez foi recolocado como auditor do Consello de Contas e cando Feijóo gañou as eleccións en 2009 pasou a ocupar a secretaría xeral da Presidencia da Xunta.
Tras ser director xeral de Recursos Humanos do Sergas desde 1996, en 2003 Feijóo fíxoo director xeral de Transporte cando volveu á Galicia como conselleiro, en 2009 deulle a secretaría Xeral da Presidencia da Xunta e en 2015 a Consellería de Facenda
Nese posto permaneceu ata que a comezos de 2015 foi nomeado conselleiro de Facenda, en substitución da súa antecesora Helena Muñoz, que deixou o cargo para ser candidata do PP á alcaldía de Vigo. Nestes algo máis de seis anos como conselleiro Martínez foi aumentando moi aos poucos o seu protagonismo.
O conselleiro que ao comezo apenas era coñecido pola súa presentación anual dos orzamentos no Parlamento, tras chegar ao cargo superados os peores momentos da crise de comezos da pasada década e da desaparición das caixas galegas, pasou a comparecer máis habitualmente a carón do presidente para defender medidas como as baixadas de impostos ou as subvencións á banca. Facíao tamén no Parlamento combinando explicacións técnicas con retranca e un marcado acento do Morrazo.
Tras coñecerse o seu falecemento, este mércores os pésames chegaron de todo o arco político e desde o mundo empresarial e sindical. O Goberno galego quixo trasladar “a maior das apertas a todos os seres queridos dun traballador público que sempre estivo ao servizo do pobo de Galicia”.