A finais de abril de 2009, apenas dúas semanas despois da primeira toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, o novo Goberno do PP aprobou a eliminación das delegacións provinciais das consellerías e a súa substitución polas delegacións territoriais do Executivo, os cinco 'superdelegados', un en cada capital provincial e outro máis en Vigo. A nova estrutura, encadrada no publicitadísimo plan de "austeridade" e "adelgazamento" da Administración, incluía, no entanto, un secretario territorial ligado a cada 'superdelegación' e, ademais, unha xefatura por cada provincia e consellería, que na práctica asumiron boa parte da carga de traballo cotián dos antigos delegados e que, co tempo, foron gañando perfil político. Tanto que o Executivo vén de pasar case tres meses sen 'superdelegados' sen que o seu funcionamento ordinario se vise alterado.
O pasado 22 de agosto o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ditou os decretos para o cesamento nas súas funcións dos cinco delegados territoriais. O obxectivo non era outro que a súa incorporación ás listas electorais do PP nos territorios en que viñeran exercendo: Diego Calvo na Coruña, Raquel Arias en Lugo, Marisol Díaz Mouteira en Ourense e, por Pontevedra, os superdelegados da capital da provincia, José Manuel Cores Tourís, e de Vigo, Ignacio López-Chaves. Todos eles lograron escano polas provincias nas que desenvolveran labores oficiais, o 21 de outubro tomaron posesión dos seus escanos e dous deles, Calvo e Arias, ascenderon ademais á vicepresidencia e secretaría da Cámara, respectivamente, ficando así desbotados para recuncar na delegación.
As funcións cotiás dos antigos delegados das consellerías foron asumidas polos xefes territoriais, que nos últimos tempos gañaron perfil político malia seren presentados como técnicos
Os tres restantes continuaron tamén no Parlamento que agora se dispoñen a abadonar para regresaren á delegación despois do período electoral. Así, este xoves o primeiro Consello da Xunta tras a nova toma de posesión do Goberno deulles o visto e prace aos decretos que volven nomear a Díaz Mouteira en Ourense, a Cores Tourís en Pontevedra e mámis a López-Chaves en Vigo. O posto coruñés pasa a quen ata agora era alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, un dos homes de confianza da vella cúpula do PP coruñés e, por extensión, de Diego Calvo; e o de Lugo para quen ocupaba a praza que agora é de Calvo na Mesa do Parlamento, José Manuel Balseiro, secretario xeral do PP na provincia ata o pasado marzo e actualmente coordinador do partido na Mariña, ademais de primeiro tenente de alcalde do Concello de Cervo.
Un home de confianza da 'vella garda' do PP da Coruña asume a delegación nesa provincia e a de Lugo pasa a José Manuel Balseiro, coordinador do partido na Mariña
O marcado perfil partidario dos novos superdelegados, así como dos que recuncan, marcará o rumbo da súa actividade nuns anos que os populares bosquexan como claves para tentaren recuperar poder local nas eleccións municipais de 2019. Isto sucede despois de que, nos últimos meses, os xefes territoriais noutrora presentados como meros cargos técnicos acrecentasen o seu protagonismo institucional e político, ata o punto de seren incorporados ás axendas públicas da Xunta ao mesmo nivel que o resto do Goberno.
Ademais, a única limitación para a designación destas xefaturas, que as persoas que os ocupen formen parte do funcionariado autonómico, non foi obstáculo para que as exercesen diversos cargos internos do PP. É o caso da agora superdelegada Díaz Mouteira, deputada electa e antes xefa territorial de Educación e Vicepresidencia, da actual deputada do PP no Congreso e antiga candidata á Alcaldía de Oleiros, Tristana Moraleja, antes xefa de Economía na Coruña, ou do ex-deputado popular César Augusto Pérez Ares, xefe de Educación en Pontevedra.
O primeiro Consello ordinario aprobou un teito de gasto de 9.063 millóns para 2017
Ademais destes nomeamentos o primeiro Consello ordinario da lexislatura aprobou o cesamento na Secretaría Xeral para o Deporte de José Ramón Lete, novo Secretario de Estado da mesma materia, e acordou o teito de gasto da Xunta para o ano 2017, que agora inicia o seu trámite parlamentario. Segundo o avanzado por Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a Administración autonómica elaborará os seus orzamentos cun límite de 9.063 millóns de euros, uns 260 máis que en 2016.