Un acordo de Maragall e Carod-Rovira en 2003, xustificación de Feijóo para que o PP pacte con Vox

Sinatura do pacto do PSC, ERC e ICV no ano 2003 para gobernar Catalunya, sobre unha imaxe do Saló del Tinell CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxe Tinell: Ajuntament de Barcelona | Imaxe pacto: ERC

Feijóo atribúe as dificultades do PP para gobernar en coalición ou con acordos de investidura con outros partidos ao Pacto do Tinell e obvia que o PSOE facilitou a presidencia de Rajoy

O 14 de decembro de 2003 o Salón do Tinell do Pazo Real Maior de Barcelona acolleu a sinatura dun acordo entre Pasqual Maragall polo PSC, Josep-Lluís Carod-Rovira por ERC e Joan Saura por Iniciativa per Catalunya que deu ao primeiro a presidencia da Generalitat e puxo fin a 23 de anos de gobernos de Jordi Pujol. Aquel denominado Pacto do Tinell incluíu entre as súas cláusulas que as formacións asinantes comprometíanse “a impedir a presenza do PP no Goberno do Estado, e renuncian a establecer pactos de goberno e pactos parlamentarios estables nas cámaras estatais”.

O acordo só era aplicable á Generalitat ou ás institucións estatais, non ao resto de autonomías ou gobernos locais, e xa foi superado polos feitos nestas dúas décadas, especialmente cando PSOE e PSC facilitaron en 2016 a investidura de Mariano Rajoy. Pero para Alberto Núñez Feijóo o salón gótico do Tinell segue sendo un pesadelo recorrente. O responsable, di cada certo tempo, das dificultades do PP para acordar coalicións de goberno con outras forzas políticas en todo tipo de administracións non logra maiorías absolutas. Un pacto xa non vixente pero que para Feijóo serve tamén agora para xustificar o acordo dos populares con Vox en Castela e León.

Salón do Tinell de Barcelona que deu nome ao pacto de 2003 entre PSC, ERC e Iniciativa © Ajuntament de Barcelona

O discurso destes días do Feijóo de xira por España non se está a separar do que vén repetindo en Galicia desde hai tres lustros. Ao seu ver PP e PSOE deberan renunciar aos pactos múltiples que permite o sistema parlamentarista e non presidencialista que existe tanto no Goberno de España como nas comunidades autónomas e os concellos para acordar entre eles que goberne a forza máis votada. Iso suporía que o PSOE debera facilitar a presidencia do seu compañeiro Alfonso Fernández Mañueco por ser o máis votado o pasado 13 de febreiro. Como non o fai, Feijóo considera “lexítimo” que Mañueco pacte con Vox para evitar unhas novas eleccións anticipadas como as que xa convocou en febreiro.

En Galicia, a postura de Feijóo vén sendo a de avalar acordos mesmo con forzas que ocuparon o terceiro posto electoral, como fai ao manter a Gonzalo Pérez Jácome na alcaldía de Ourense malia que o PSOE fora o máis votado

Nos argumentarios de Feijóo non hai cabida para a lembranza das anteriores eleccións en Castela e León, en 2019, cando o máis votado foi o PSOE pero o PP non facilitou a súa presidencia senón que pactou con Ciudadanos para seguir no poder. Agora, ante o acordo con Vox, o seu número 2, Miguel Tellado, salienta que Feijóo aínda non é presidente do PP e que a responsabilidade de dar liberdade a Mañueco para pactar foi do líder saínte, Pablo Casado. Pero en situacións similares en Galicia, onde Feijóo si é o presidente do PPdeG desde 2006, a súa postura persoal vén sendo a de avalar acordos mesmo con forzas que ocuparon o terceiro posto electoral, como fai ao manter a Gonzalo Pérez Jácome na alcaldía de Ourense malia que o PSOE foi o partido máis votado e o PP o segundo.

Ante a incongruencia entre discurso en feitos a respecto de permitir que goberne a forza máis votada, o argumento secundario que vén empregando Feijóo desde hai máis dunha década é que os populares teñen limitadas as súas posibilidades de acordo con outras formacións tras o Pacto do Tinell de 2003. O PSOE négase a pactar co PP que goberne a lista máis votada, di, porque prefire pactar cos nacionalistas para que non goberne o PP. Un Pacto do Tinell que Feijóo lembrou o pasado outubro no último debate sobre política xeral en Galicia e que vén de empregar de novo nesta xira de campaña interna na que está a recorrer todas as comunidades, na que a súa contorna insiste en poñer o foco naquel acordo como fonte de boa parte dos males do Estado. E como xustificación do pacto do PP con Vox. 

Hotel Majestic de Barcelona que da nome ao pacto entre PP e CiU de 1996 © Hotel Majestic

Porén, o Pacto do Tinell de 2003 non só se limitaba a tres forzas políticas na Generalitat e o Goberno de España, sen afectar a outros partidos ou administracións, senón que menos de dous anos despois o propio Maragall xa o daba por amortizado. Foi moito antes de que aparecera no panorama político estatal Ciudadanos, formación coa que os populares si veñen tendo facilidades para pactar.

O uso do Pacto do Tinell como orixe de presuntos males nacionalistas obvia outro acordo asinado só sete anos antes a menos de dous quilómetros, na mesma cidade de Barcelona: o do Majestic

Feijóo mesmo emprega o Pacto do Tinell cando se dan feitos que supoñen en si mesmos unha constatación de que non segue vixente. Así o fixo o pasado outubro ao lembrar novamente aquel acordo de 2003 cando se lle preguntou pola súa valoración do acordo entre PSOE e PP para renovar varios órganos constitucionais. Acordos que xa se produciran noutras ocasións previas desde hai 19 anos.

Pero o Pacto do Tinell non só serve a Feijóo e a súa contorna para xustificar a incapacidade do PP de chegar a pactos con outras formacións, senón que tamén é posto como punto de inicio de sucesivas concesións reais ou supostas do PSOE ao nacionalismo. De feito, o independentismo catalán é sinalado como causa do ascenso de Vox, pero sen que Feijóo entre en detalles sobre a xestión que o popular Mariano Rajoy fixo desa cuestión nos seus anos de goberno.

Ese outro uso do Pacto do Tinell como orixe dos presuntos males nacionalistas que fai Feijóo obvia outro acordo asinado só sete anos antes a menos de dous quilómetros de distancia na mesma cidade de Barcelona, no Hotel Majestic. Alí, en 1996, os socios eran José María Aznar e Jordi Pujol.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.