O BNG manifestouse este domingo polas rúas de Compostela, nunha marcha que ateigou a Praza da Quintana e que, convocada "contra a suba dos prezos", xuntou as reivindicacións de transportistas, mariñeiros, gandeiros, obreiros industriais e outros sectores produtivos
O BNG manifestouse este domingo polas rúas de Compostela, nunha marcha que ateigou a Praza da Quintana e que, convocada "contra a suba dos prezos", xuntou as reivindicacións de transportistas, mariñeiros, gandeiros, obreiros industriais e outros sectores produtivos, ademais de pensionistas, estudantes e, en xeral, de todas as persoas consumidoras que están a sufrir o incremento dos custos da enerxía e dos prezos da lista da compra diaria.
Na marcha, encabezada por un camión que levaba unha faixa na que se podía ler "queremos traballar, solucións xa", o BNG denunciou o "empobrecemento social", con reclamacións a Xunta e ao Goberno central. O aínda presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo foi o destinatario de moitas das críticas, precisamente na fin de semana na que asume a presidencia do PP estatal e ás portas do seu abandono da Xunta.
"Mentres Galiza non ten nin goberno nin presidente. Feijóo está mais preocupado polas súas ambicións persoais, que polos problemas do país", dixo Pontón
Na Quintana, a líder do BNG, Ana Pontón, denunciou que "Galiza co PP vai a menos", afirmando que Feijóo "deixa un pais con menos oportunidades, con menos xente moza, con menos emprego, menos industria, menos sectores produtivos e cos servizos públicos contra as cordas a base de recortes e privatizacións". "Nesta crise estanse vendo as costuras do PP, mentres Galiza non ten nin goberno nin presidente. Feijóo está mais preocupado polas súas ambicións persoais, que polos problemas do país", dixo.
“Non é que levemos un mes sen presidente, é que levamos trece anos sen goberno, sen ninguén que mire polos intereses do país cun Feijóo que usa como alfombra vermella para ir a Madrid un novo caso de corrupción do PP”, engadiu, “un partido que o único que lle guía é manterse no poder a costa do que sexa, sen capacidade de tomar decisións para saír desta crise”. “O próximo presidente da Xunta moito me temo que non vai ser mellor, pero por primeira vez na historia, non o escollen os galegos e galegas, senón o dedazo de Feijóo”, sinalou.
Pontón detallou propostas para loitar contra o aumento de prezos: "tarifa eléctrica galega, recuperar terras agrarias, prezos xustos, enerxías limpas e respectuosas co medio rural e co medio ambiente"
Fronte a iso, Pontón opuxo a alternativa liderada polo BNG: "O PP é o pasado nunha Galiza que mira cara o futuro, nunha Galiza onde cada vez son máis as persoas que queren un cambio, un cambio real, que permita construír esa outra Galiza posíbel. O cambio xa empezou, vós sodes a esperanza do noso país". E detallou unha serie de propostas para loitar contra o aumento de prezos: "tarifa eléctrica galega, recuperar terras agrarias, prezos xustos, enerxías limpas e respectuosas co medio rural e co medio ambiente..."
O BNG criticou a subvención aos carburantes aprobada polo Goberno central, afirmando que "imos pagala entre todos e todas cos nosos impostos" e reclamando en cambio que se "limiten os beneficios das enerxéticas, como Repsol"
O BNG criticou neste senso a subvención aos carburantes aprobada polo Goberno central, afirmando que "imos pagala entre todos e todas cos nosos impostos" e reclamando en cambio que se "limiten os beneficios das enerxéticas, como Repsol".
De igual xeito, aínda que apoiou a "excepción Ibérica para o gas" negociada por España ante a UE, o Bloque reclama que "a mesma sensibilidade ten que ter o Estado coa excepción galega, unha tarifa eléctrica máis barata para compensarnos polos custes sociais e ambientais". "Esta espiral inflacionista non vai deterse con parches, nin medidas curtopracistas. Hai que tomar medidas estruturais, en especial na enerxía, porque non pode estar nunha manchea de multinacionais", concluíu Pontón.
Xosé de Doso (camioneiro) denunciou que "levo 10 anos facendo moitos números para poder chegar a fin de mes pois encher o depósito do camión para traballar son 600 euros"
Ao remate da marcha e antes da intervención da voceira nacional do BNG interviron unha serie de voces, en representación de distintos colectivos especialmente afectados pola suba de prezos e a perda de poder adquisitivo. Así, por exemplo, Xosé de Doso (camioneiro) denunciou que "levo 10 anos facendo moitos números para poder chegar a fin de mes pois encher o depósito do camión para traballar son 600 euros". "O goberno español di que os transportistas somos de ultradereita. Non, eu son galego, son traballador, e moi orgulloso de selo", engadiu.
Concha de Friol (gandeira) lembrou que "somos a primeira potencia produtora no Estado español, con 27.000 explotacións de leite e carne de vacún"
Falou tamén Manolo Presas (mariñeiro), que dixo que "Pedro Sánchez non soluciona nada coas súas medidas, cos seus parches para a pesca. Os nosos problemas non comezaron agora. Temos cotas de pesca ridículas e trabas continuas, e iso non é culpa de Putin, senón da UE, do Goberno español e da Xunta". E Concha de Friol (gandeira), que lembrou que "somos a primeira potencia produtora no Estado español, con 27.000 explotacións de leite e carne de vacún. Estamos nunha situación límite. Pero non hai un traballo máis necesario que este. Non podemos ter uns custos de produción por riba dos ingresos".
Antón Cacheiro (xubilado) reclamou un "aumento das pensións para poder vivir con dignidade"
Interviu igualmente Iria (estudante), que reclamou un futuro no que poida vivir do seu traballo en Galicia e Antón Cacheiro (xubilado) que reclamou un "aumento das pensións para poder vivir con dignidade". "Traballei toda a vida e agora na xubilación teño unha pensión que non dá. Aquí soben os prezos máis que no resto do Estado, e temos as pensións máis baixas", dixo.