O líder popular di sobre a terceira condena do PP por corrupción no caso Gürtel que “son feitos de hai 20 anos” de “persoas que actuaban de forma paralegal”
Unha semana despois de que o pasado sábado fose investido presidente do PP estatal, dez días despois de dimitir como presidente do PPdeG e aínda sen data para dimitir como presidente da Xunta, este venres Alberto Núñez Feijóo admitiu que aínda non falou co algún dos catro presidentes provinciais do partido en Galicia, as persoas que están a levar a iniciativa nas negociacións tanto sobre o futuro líder nesa formación como sobre o próximo presidente do Goberno galego. “Quédame aínda algún por falar, pero vou falar con eles”, di Feijóo.
Segundo Feijóo, vai seguir falando cos sus compañeiros e compañeiras “ata que o partido tome unha decisión definitiva, e tamén ata que o grupo parlamentario tome a súa decisión” sobre o próximo presidente da Xunta. Feijóo mantense así na súa estratexia de presentarse á vez como unha persoa clave na súa propia sucesión ao tempo que se distancia das decisións que poidan tomarse.
Feijóo di que o seu goberno actual é o mellor que tivo en 13 anos porque ten máis experiencia e agora “é máis fácil gobernar que en anos anteriores cando non tiñamos un patacón”
O aínda presidente da Xunta tamén foi preguntado sobre se o seu sucesor na Xunta debe manter os mesmos conselleiros e conselleiras que hai agora, ao que respondeu que só a esa persoa lle corresponderá a decisión. Iso si, asegurou que o seu executivo actual é o “mellor” que tivo en 13 anos tanto porque ten máis experiencia como porque agora “é máis fácil gobernar que en anos anteriores cando non tiñamos un patacón”.
Sobre a nova condena ao PP pola Gürtel
Como presidente estatal do PP Feijóo foi preguntado tamén pola nova sentenza que volve condenar o PP por lucrarse coa trama Gürtel, a terceira distinta saída dese mesmo caso de corrupción. O líder popular dixo que nin a lera nin lle preocupa porque “son feitos que parece ser que ocorreron hai máis ou menos 20 anos e polo tanto os responsables deses feitos terán que dar conta”. “Se o PP tivo unha relación indirecta terá que asumir as responsabilidades”, engadiu.
Como no pasado, coa primeira sentenza do caso Gürtel, Feijóo negara que o PP fose condenado por corrupción, este venres recibiu a mesma pregunta sobre esta nova sentenza. A súa resposta foi que están condenadas “persoas que actuaban de forma paralegal utilizando ao PP”, e que “a partir de aí hai unha responsabilidade a título lucrativo do partido” que este asume. Porén, os tribunais non condenan actuacións paralegais senón ilegais.