Macron volverá disputar a presidencia de Francia con Le Pen e Mélenchon fica ás portas de superar á extrema dereita

Mitin de Macron durante a campaña previa á primeira volta das eleccións francesas, o 2 de abril de 2022 © Avecvous.fr

Outra volta, unha noite de primeira volta de eleccións presidenciais francesas finaliza en chamamentos maioritarios para frear á extrema dereita na segunda. Como hai cinco anos, a presidencia de Francia disputarana Emmanuel Macron e Marine Le Pen tras un primeiro asalto electoral que deixou o esquerdista Jean-Luc Mélenchon ás portas de deixar a candidata ultra fóra de xogo e que ratificou o profundísimo devalo das forzas políticas consideradas tradicionais da V República francesa, os equivalentes a PP e PSOE.

Tras un primeiro mandato, o candidato da plataforma liberal En Marche!, que hai media década explotou o seu perfil de tecnócrata sen partido, parte en cabeza cara á votación definitiva cuns catro puntos máis que en 2017, mentres que Le Pen ten uns dous puntos máis. É o mellor resultado histórico da extrema dereita, máis aínda coa diferenza de que desta volta había outro candidato sobre o taboleiro abertamente situado nesa clave ideolóxica, o polemista Éric Zemmour, que xa na noite electoral se adheriu a Le Pen cara á segunda volta.

 A Mélenchon faltáronlle menos de dous puntos para superar a Le Pen nuns comicios que ratifican o afundimento das forzas políticas clásicas de Francia

Aínda que fóra da loita pola presidencia, as diversas análises sitúan como un dos grandes vencedores políticos da noite a Jean-Luc Mélenchon, candidato da plataforma de esquerdas La France Insoumise. A Mélenchon faltáronlle menos de dous puntos para superar a Le Pen e non son poucas as voces que, ao longo do escrutinio, advertiron de que a superaría no caso de que encabezase unha candidatura unitaria da esquerda. Máis aínda tendo en conta o pobre resultado da aspirante socialista, Anne Hidalgo, alcaldesa de París (menos do 2%) e sumándolle o feito de que o candidato do Partido Comunista apenas superou o 2% e que .outras dúas candidaturas esquerdistas non chegaron nin ao 1%

"Nada está decidido", advirte Macron ante unha segunda volta dos comicios na que o líder esquerdista pide "non dar nin un voto" a Le Pen

No espectro considerado convencionalmente progresista, o candidato mellor situado foi o verde Yannick Jadot, un chisco por baixo do 5% e xusto por tras de Valérie Pécresse, a candidata da dereita tradicional de Les Républicains, membro do Partido Popular Europeo. Pécresse, unha vez coñecidos os seus decepcionantes resultados, foi das primeiras aspirantes en intervir ante a prensa para chamar polo voto a Macron na segunda volta e frear así á extrema dereita. Pouco antes, a socialista Hidalgo fixera o propio.

O bloque republicano contra a extrema dereita oi clave no primeiro discurso de Macron na noite electoral. "Cando a extrema dereita, baixo todas as súas formas, representa tanto neste país, non podemos dicir que as cousas vai ben". "Nada está decidido" cara a unha segunda volta "decisiva" para Francia e para Europa, advertiu, e por iso apelou á "humildade" dos seus partidarios, advertindo de que recibirán sufraxios que só o elixirán a el "para frear á extrema dereita". "Iso non significa que me apoien e eu respéctoo", resaltou antes de pedir "un gran movemento político de unidade e acción".

Jean-Luc Mélenchon, na noite electoral deste 10 de abril © Melenchon2022.fr

Mélenchon, pola súa banda, ten claro que os resultados da extrema dereita deixan Francia "nun estado de emerxencia política". "Sabemos a quen non votaremos nunca. Non debemos dar nin un voto á señora Le Pen", resaltou o líder esquerdista, que malia admitir a "decepción" por non dar pasado á segunda volta, sinalou ao seu electorado "que a loita continúa" e os resultados deste 10 de abril son a mellor mostra da "forza" que o seu movemento pode ter nos vindeiros comicios lexislativos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.