Francia fai presidente o liberal Macron e frea a ultradereitista Le Pen

Macron, ante o Louvre na noite electoral Dominio Público En Marche

O candidato liberal Emmanuel Macron será o próximo presidente de Francia pouco máis dun ano despois de fundar o "movemento" político que o levou ao Palacio do Elíseo por encima dos partidos tradicionais e da extrema dereita. Macron impúxose cun 66,06% dos votos fronte a un 33,94% da candidata ultradereitista Marine Le Pen.

"Defenderei a Francia, os seus intereses vitais, a súa imaxe. Defenderei Europa, porque está en xogo a nosa civilización e a nosa forma de ser libres", manifestou no seu primeiro discurso tras coñecerse a súa vitoria. O futuro presidente sinalou como prioridades do seu mandato "a renovación da nosa vida pública, a moralización da vida pública e a vitalidade democrática".

A ultradereitista Le Pen queda un chisco por baixo do 34%

Despois Macron dirixiuse aos seus seguidores, que se concentraban fronte ao Museo do Louvre, en París. "O que fixemos desde hai tantos meses non ten precedente nin equivalente. Todo o mundo dicía que era imposible. Porque non coñecían Francia!", proclamou no seu segundo discurso da noite.

Antes  tomou a palabra Marine Le Pen, para recoñecer a derrota e lamentar que os franceses votasen "a favor da continuidade". Informou de que chamou a Macron: "Feliciteino e desexeille que teña éxito". Tamén se reivindicou como líder da oposición ao novo presidente e chamou "a todos os patriotas a unirse". Agora, di, aposta por que o seu partido ultra deixe de chamarse Fronte Nacional para asumir a denominación de "patriótico".

Macron chega ao máis alto posto en Francia tras unha curtísima carreira política e outra máis prolongada no mundo das finanzas como executivo bancario. Nunca ata agora se presentara a unhas eleccións

Macron chega ao máis alto posto en Francia tras unha curtísima carreira política e outra máis prolongada no mundo das finanzas como executivo bancario. Nunca ata agora se presentara a eleccións de ningún tipo. O seu primeiro achegamento á política foi en 2012, cando o presidente socialista François Hollande o nomeou secretario xeral adxunto do Elíseo. Dous anos despois, ascendeu a ministro de Economía, e desde ese posto executou parte das políticas económicas que afundiron a popularidade de Hollande. En agosto de 2016, renunciou a ese posto nun momento en que parecía que calquera candidato relacionado coa presidencia de Hollande estaba condenado a fracasar nas urnas.

Será o oitavo presidente da Quinta República francesa e o máis novo de todos eles, con 39 anos. E o primeiro en chegar a esa cadeira de brazos sen o apoio dun gran partido. A súa vitoria marca a ruptura dun sistema político no que socialistas e conservadores se alternaron no poder durante décadas. As dúas formacións ata agora convencionais, o Partido Socialista e Os Republicanos, quedaron expulsadas xa na primeira volta, na que só un de cada catro franceses optou por elas.

O reto das lexislativas de xuño

Aínda que Le Pen foi derrotada, o seu resultado é unha marca histórica para a Fronte Nacional. Conseguiu 10,6 millóns de votos, practicamente o dobre dos que conseguira o seu pai en 2002. Naquel momento, única ocasión en que o partido de extrema dereita pasara á segunda volta presidencial ata este ano, o conservador Jacques Chirac gañou co 82% dos votos  grazas á "fronte republicana" que conseguiu reunir ás súas costas para frear a Jean-Marie Lle Pen.

Macron promete presentar candidaturas en todas as circunscricións nas lexislativas e anuncia a conversión do seu "movemento" nun partido

Na súa mensaxe, Le Pen erixiuse en líder da oposición a Macron, pero iso dependerá das eleccións lexislativas de xuño. O sistema de dobre volta volverá castigar á fronte Nacional en moitas circunscricións e pode iniciar a lexislatura con non moitos máis que 20 escanos. Agora só ten dous.

Eses comicios serán tamén un reto para Macron, que prometeu que presentará candidaturas nas 577 circunscricións. Sen unha maioría na Asemblea, quizá se vexa obrigado a aceptar a cohabitación cun primeiro ministro doutro partido. Para afrontar este proceso o presidente electo impulsará dende este luns a conversión do seu "movemento" nun partido cun aparello para concorrer a eses transcendentais comicios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.