Hollande gaña as eleccións en Francia e promete un cambio nas políticas económicas

Seguidores de Hollande festexan a vitoria en Tulle CC-BY-NC-SA Benjamin Géminel

Hollande gañou. A socialdemocracia esperta en Francia. Cando está a piques de rematar o escrutinio, o candidato socialista é o claro vencedor das presidenciais cun 51,6% dos votos, fronte ao 48,4% do presidente saínte, Nicolas Sarkozy, con máis dun 81% de participación. A vitoria do candidato da esquerda abre unha nova etapa política (e pode que económica) no país galo e na Unión Europea. "É un novo punto de partida para Europa", di o vencedor.

"Este é un novo punto de partida para Europa; a austeridade non pode ser unha fatalidade", di Hollande

"A austeridade non pode ser unha fatalidade; manteremos o Estado de Benestar", dixo na súa primeira declaración Hollande, deixando claro o seu rexeitamento ás duras políticas de control do déficit instauradas pola dereita en toda Europa e dirixidas desde Alemaña. O futuro presidente aposta polo crecemento e polas políticas sociais e anuncia "un novo punto de partida" na UE. A vitoria do socialista suporá o final do liderado do denominado tandem Merkozy e abre unha lixeira esperanza entre os sectores políticos e sociais que se amosan claramente en contra das esixentes medidas de austeridade, responsables do empeoramento en boa parte da Eurozona da grave recesión económica. O resultado supón tamén a derrota das ideas cada vez máis extremistas de Sarkozy, que intentou gañar o electorado da extrema dereita asumindo moitos dos postulados da Fronte Nacional de Marine Le Pen.

Grecia: derrumbe dos partidos tradicionais e novo panorama político

Pola súa banda, en Grecia, os partidos tradicionais gregos, os socialistas do Pasok e a conservadora Nova Democracia, sufriron un duro golpe nas eleccións xerais. Con algo máis do 62% dos votos escrutados, ND gaña as eleccións con pouco máis do 20% dos votos e o Pasok pasa a ser a terceira forza política cun apoio por debaixo do 14% (en 2009, ND e Pasok acadaran conxuntamente o 78% dos sufraxios). Os resultados, que se poden seguir aquí, supoñen un cambio profundo na política grega: a coalición de esquerdas Syriza, radicalmente oposta ás medidas de rescate ditadas pola troika, pasa a ser a segunda forza política do país, con máis do 16% dos votos e, nun sinal de crecente polarización, o partido neonazi Alba Dourada entra no Parlamento con case un 7% dos votos. Tamén obteñen representación Gregos Independentes (dereita nacionalista), os comunistas do KKE e a Esquerda Democrática (escisión de Syriza, máis moderada e pro-UE). A maioría no Parlamento grego -do que fican fóra os ecoloxistas e a dereita relixiosa Laos- está en 151 escanos e até última hora non será posible determinar se ND e Pasok superan conxuntamente esa barreira: con todo, tras o fortísimo descenso experimentado, non é seguro que o Pasok continúe na liña de constituír gobernos social-conservadores.

O líder do ND, Sámaras, xa tendeu a man para un goberno de unidade nacional xunto ao PASOK, mentres que a coalición de esquerdas Syriza aposta por unha unión das forzas progresistas para "plantar cara aos recortes". 

Serbia: haberá maioría de esquerdas no novo Parlamento

En Serbia, onde tamén se celebraron hoxe eleccións presidenciais e parlamentarias, semella claro xa quen loitarán na segunda volta o vindeiro 20 de maio: serán o presidente saínte e candidato preferido polos líderes ocidentais, Boris Tadic, e o nacionalista Tomislav Nikolic. Segundo as estimacións do organismo independente que controla o desenvolvemento das eleccións, Tadic obtivo o 26,8% dos votos contra o 25,6% do seu opoñente. Canto ás eleccións parlamentarias, aínda non hai resultados definitivos, mais o líder do partido progresista (SNS) xa declarou a súa vitoria. Segundo as cifras parciais divulgadas a última hora da noite, as forzas máis votadas serían o SNS, que obtería un 24,7% dos votos, o Partido Demócrata (dereita) co 23,2% e o Partido Socialista co 16,6%. Un dos datos máis destacables desta votación é que non se rexistraron incidentes e que os serbios de Kosovo puideron exercer o dereito ao voto en 90 colexios electorais instalados nese territorio.

François Hollande Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.