A Xunta expulsa BNG, PSdeG e o Goberno de España do Consello Galego de Estatística

O IGE ten agora dependencia orgánica directa do presidente da Xunta. Na imaxe, Rueda conversa co conselleiro da Presidencia nun pleno recente CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O Executivo galego aproveita o trámite dos Orzamentos de 2026 para modificar a lei de estatística aprobada hai apenas un ano, que mantivo a representación dos grupos parlamentarios no máximo órgano consultivo na materia, introducida polo gabinete de Feijóo en 2011

Os Orzamentos Xerais de 2026 son os primeiros nos que as contas do Instituto Galego de Estatística son un capítulo máis das da Presidencia da Xunta e non da Consellería de Facenda. É froito da decisión de trasladar a dependencia orgánica do IGE ao gabinete de Alfonso Rueda para, xustificou o pasado marzo, convertelo nun "centro de datos que apoie a Administración autonómica na toma de decisións" e dar entrada a "empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar os distintos datos dos que dispón a Xunta".

O funcionamento ordinario do IGE, cuxo director durante tres décadas cesou no cargo a pasada primavera, está rexido pola Lei de Estatística de Galicia, aprobada a finais de 2024 no Parlamento por unanimidade. A norma substituíu a primeira lei sobre a materia, aprobada en 1988, cando o Goberno tripartito impulsou a creación do IGE. Como aquela, rexe entre outros aspectos a composición e funcións do Consello Galego de Estatística, "máximo órgano consultivo da estatística galega, para asegurar a participación dos axentes sociais e económicos e a relación entre a administración e as persoas usuarias" do que agora a Xunta se dispón a expulsar a representantes da actual oposición parlamentaria e mais do Goberno de España.

Destaques da Lei de Estatística de 2024 coa presenza da oposición e o Goberno de España no Consello e nova composición do órgano na reforma que tramita a Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

A lei de 1988 foi modificada en cinco ocasións e tres delas afectaran á composición do Consello. En 1993 o Goberno de Fraga reduciu a representación sindical e aplicou outras mudanzas menores. En 2006, o Executivo de PSdeG e BNG deu voz no órgano ás organizacións de consumidores e usuarios. E en 2011 o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo ampliouno cun asento para a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) e mais para unha persoa designada "por cada un dos grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia", 

A mudanza adapta o Consello Galego de Estatística a que o IGE agora depende de Presidencia e non de Facenda e, ao tempo, cancela a representación parlamentaria e estatal e aumenta as "persoas de relevancia profesional" que pode designar directamente a propia Xunta 

A lei unánime de 2024 introduciu algúns axustes no Consello, pero mantivo a representación dos grupos parlamentarios -actualmente son PP, BNG, PSdeG e mais Democracia Ourensana cun deputado no Grupo Mixto- e ademais deu entrada no Consello Galego de Estatística ao Goberno de España con dúas persoas: unha no nome do Instituto Galego de Estatística e outra, representando á Delegación do Executivo central en Galicia. Ambas representacións van desaparecer mediante unha reforma que a Xunta vén de empezar a tramitar canda os Orzamentos Xerais de 2026, na lei de acompañamento das contas.

Esa lei, que como é habitual modifica dun golpe múltiplas normativas previas sen relación entre si --dende o sector eólico ao funcionariado ou á vivenda pasando polas Medallas de Galicia-, establece unha nova composición do Consello Galego de Estatística apenas un ano despois da aprobación da nova lei. Alén de adaptalo á dependencia orgánica de Presidencia e non de Facenda e de reducir algúns membros -varios dos sectores representados con dúas persoas pasan a ter unha soa, por exemplo-, suprime a representación dos grupos parlamentarios e do Goberno de España, así como o da SGAPEIO. Desta maneira, nacionalistas e socialistas perden a posibilidade de participaren deste órgano no que seguirán cargos do PP pola súa condición de membros do Executivo.

Reunión do Consello Galego de Estatística en 2023 presidida polo conselleiro de Facenda, na altura aínda responsable orgánico directo do IGE CC-BY-SA Xunta

Pola contra, a modificación aumenta de tres a oito as "persoas de relevancia profesional no campo da estatística designadas pola persoa titular da Presidencia". Isto é, por quen designe Rueda para ese rol no IGE.

O BNG rexistra iniciativas para rexeitar a mudanza que, consideran, "avanza no control político do IGE" por parte da Presidencia da Xunta

A nova redacción da norma xa está a xerar controversia no lexislativo galego, inmerso no trámite dos Orzamentos e con eles, da lei de acompañamento. Así, segundo puido confirmar Praza.gal, o BNG vén de rexistrar varias iniciativas de rexeitamento do que consideran un "retroceso democrático" na composición do Consello "que o PP quere impoñer menos dun ano despois da aprobación por unanimidade da nova lei".

Destaca o Bloque nesas iniciativas, asinadas por todo o seu grupo, que "a estatística ten unha función democrática indiscutible na sociedade", máis aínda "en tempos de desinformación, manipulación mediática e descrédito nas institucións". De aí que lamenten que "a Xunta avance no control político do IGE" e "vete a participación do pluralismo político do Parlamento" nun órgano que ten, entre outras funcións a elaboración de propostas sobre as cuestións que trata o instituto nas súas estatísticas oficiais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.