Rueda insiste en que o novo plan de normalización "ten que servir para o bilingüísmo cordial e a promoción do galego desde a administración sen imposicións"
O pasado xoves a Xunta presentou algúns resultados dunha enquisa que encargou a Sondaxe, da Corporación Voz de Galicia, para matizar a gran consulta sobre o uso do galego presentada o pasado 11 outubro polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que concluíu que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia. Este luns, na rolda de prensa posterior ao Consello de Xunta, o presidente Rueda foi preguntado polo feito de que o Goberno galego decidise encargar ese segundo estudo a unha empresa privada e non ao IGE, ao que respondeu que "a Xunta ten que ter moitas frontes para poder formar a súa opinión, e esta é unha máis".

Se o IGE entrevista a persoas residentes nuns 9.000 fogares para a súa enquisa estrutural da que saen os datos sobre o uso do galego, a nova enquisa de Sondaxe, que comezou a realizarse 11 días despois de coñecerse os datos do IGE, baseouse en 1.200 enquisas. Segundo Rueda, "o IGE é un instituto estatístico e o que fai é constatar datos". E "a constatación deses datos é o que move á Xunta de Galicia a actuar" ante a situación de caída no uso do galego. "Iso é o que move que a Xunta pedira esa enquisa e outras actividades que estamos facendo", di Rueda en referencia ao impulso dun novo plan de normalización para actualizar o consensuado en 2004 que apenas cumpriu.
Rueda, como o conselleiro, non aclara por que encargaron unha segunda enquisa sobre o galego a Sondaxe e non ao instituto público
Sobre ese novo plan de normalización Rueda insistiu no concepto no que o PP vén facendo fincapé desde 2009: "O plan ten que servir para o bilingüísmo cordial e a promoción do galego desde a administración sen imposicións", di.
Rueda evitou concretar por que a Xunta non encargou a segunda enquisa presentada a pasada semana tamén ao IGE e limitouse a xustificar que contrataron o traballo a Sondaxe para "afondar" nos datos xa ofrecidos polo instituto público.
A pasada semana, na presentación da segunda consulta, o conselleiro de Cultura dixo que a do IGE é "unha enquisa regrada, non é tan flexible, non se adapta tanto a poder facer unha enquisa concreta". Tampouco aclarou o conselleiro por que non se lle puido pedir ao IGE unha enquisa "flexible" que preguntase polas cuestións que se encargaron a Sondaxe.