Investigada polo TSXG, a Xunta reforma a Medalla de Galicia tras darlla á princesa Leonor sen ponderar méritos

Alfonso Rueda aplaude á princesa Leonor tras entregarlle a Medalla de Ouro de Galicia o pasado 14 de xullo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Praza.gal revelou que o Goberno galego deu á herdeira do trono o seu máximo galardón sen tramitar ningún expediente previo, e agora muda a normativa para podelo facer así cando a proposta parta da presidencia da Xunta 

Hai un mes Praza.gal revelou que a Xunta deu á princesa Leonor a Medalla de Galicia, a máis alta distinción do país, sen tramitar o preceptivo expediente administrativo que ponderase os seus méritos. Uns feitos que están a ser investigados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Un mes despois o Goberno galego está a tramitar unha reforma da normativa para poder outorgar as medallas sen tramitar ningún expediente previo de valoración cando a proposta parta da presidencia da Xunta.

O decreto que regula as Medallas de Galicia establece que estas son un recoñecemento discrecional do Goberno galego pero fixa un procedemento para a súa concesión. Así, establece que a proposta de concesión "faraa o presidente da Xunta de Galicia, ben por instancia propia ou de autoridades, institucións ou entidades públicas e privadas galegas con personalidade xurídica".

Resposta oficial da Xunta a unha petición formal de transparencia sobre o expediente administrativo da Medalla de Galicia á princesa Leonor CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

"A presentación de propostas razoadas de candidatos á Medalla de Galicia formalizarase desde o día 15 de xaneiro ó 15 de marzo de cada ano", engade o decreto, que establece que "os expedientes de concesión da Medalla de Galicia iniciaranse por orde do conselleiro de Presidencia" e "na mesma orde designarase un instrutor do expediente con categoría de director xeral", que á súa vez "nomeará secretario das actuacións un funcionario". Nese expediente o instrutor "adoptará todas aquelas providencias que estime necesarias para acada-la máis completa e contrastada investigación dos méritos". E "concluída a instrución do expediente, este elevarase ao Consello da Xunta".

Nada disto se fixo cando menos no caso da medalla outorgada á princesa Leonor. Tras a súa entrega, Praza.gal formulou unha petición formal de transparencia para ter acceso ao expediente administrativo da concesión. A resposta oficial que deu a Xunta foi que neste caso a proposta do galardón partiu do conselleiro de Presidencia, como chanceller da medalla, "sen que se presentasen propostas razoadas por outras autoridades, institucións ou entidades públicas ou privadas galegas, de acordo co previsto no artigo 5 do Decreto, polo que non resulta necesario o inicio do expediente de investigación dos méritos". 

Isto é, a Xunta non ponderou os méritos da Princesa de Asturias en comparación con outras posibles persoas galardoadas e se os valorou de algún xeito non deixou constancia administrativa desa actuación.

Reforma do regulamento das Medallas de Galicia para que non sexa preciso un expediente administrativo previo, como se fixo coa princesa Leonor cando si era requirido ese expediente CC-BY-SA Praza Pública

A nova regulación das medallas incide en que os méritos das persoas galardoadas serán "apreciados pola propia presidencia [da Xunta] coa máis ampla discrecionalidade"

Un mes despois de dar esta resposta oficial, agora a Xunta reforma o decreto que regula as medallas a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2026, que muda ducias de normas previas con menor debate e sen informes sectoriais. Na nova redacción sinálase que se iniciará un expediente de concesión "no caso de presentación de propostas" por parte doutras entidades, pero que "non será necesaria a tramitación de expediente ningún nos supostos de concesión da medalla a instancia do presidente ou presidenta da Xunta de Galicia".

O Goberno galego xustifica a mudanza da normativa para incidir en que os méritos das persoas galardoadas deben ser "apreciados pola propia presidencia coa máis ampla discrecionalidade, o que fai que non teña sentido considerar que se deba instruír un expediente específico de concesión nestes casos".

O TSXG reclamou á Xunta o expediente completo da medalla á princesa Leonor, expediente que segundo a Xunta non existiu e que xa non será necesario segundo a reforma legal que agora impulsa

Porén, esta modificación normativa xa non ten efecto sobre a medalla outorgada á princesa Leonor. Nese caso, e de xeito independente á petición de transparencia formulada por Praza.gal, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades Esculca presentou un recurso contencioso-administrativo contra o decreto de concesión por considerar que "carece de fundamento". No marco dese proceso xudicial o TSXG reclamou á Xunta o expediente administrativo completo do proceso, expediente que non existe segundo a resposta oficial dada a Praza.gal.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.