Un decreto dita a tramitación dun expediente de concesión, inexistente neste caso porque segundo a Xunta, en resposta a unha petición de transparencia de Praza.gal, non houbo máis candidaturas e "non resulta necesario investigación dos méritos"
As Medallas de Galicia son un recoñecemento discrecional do Goberno galego, pero a súa concesión está regulada por un decreto que establece a tramitación dun expediente administrativo previo. Ese expediente non existiu no caso da Medalla de Galicia outorgada este ano á princesa Leonor porque, segundo responde a Xunta a unha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal, ninguén lle presentou máis candidaturas, "polo que non resulta necesario o inicio do expediente de investigación dos méritos".
Toda a documentación oficial ao respecto desa medalla, segundo a Xunta, é o propio decreto de concesión publicado no Diario Oficial de Galicia o 10 de xullo que se limita a outorgar a condecoración a Leonor de Borbón y Ortiz "en atención aos méritos que concorren", sen detallalos.

As Medallas de Galicia foron creadas en 1984 polo daquela presidente Gerardo Fernández Albor e o seu primeiro galardoado, a título póstumo, foi Castelao, na polémica chegada dos seus restos a Galicia.
O decreto de creación da distinción asinado por Albor xustificaba así a distinción: "Cómprelles ás sociedades que teñen conciencia do seu ser e da súa presencia histórica, recoñecer e honrar ás persoas e institucións que lles prestasen relevantes e meritorios servicios dignos de agradecemento público", por iso creaba a medalla "para distinguir e recompensar ós que, dentro ou fóra da Nosa Terra, puxesen como razón das súas actividades, e mesmo da súa existencia, o quefacer diario de Galicia, ou ós que son merecentes da gratitude ou da homenaxe que cómpre lles facer". Pero ningún deses méritos foi analizado formalmente polo Goberno galego no caso da princesa Leonor.
A medalla foi creada por Albor en 1984 para recoñecer "relevantes e meritorios servicios dignos de agradecemento público" e foi outorgada por primeira vez a Castelao a título póstumo
O decreto que regula a concesión das medallas establece a súa discrecionalidade matizando que "faraa o presidente da Xunta de Galicia, ben por instancia propia ou de autoridades, institucións ou entidades públicas e privadas galegas con personalidade xurídica".
"A presentación de propostas razoadas de candidatos á Medalla de Galicia formalizarase desde o día 15 de xaneiro ó 15 de marzo de cada ano", engade o decreto, que establece que "os expedientes de concesión da Medalla de Galicia iniciaranse por orde do conselleiro de Presidencia" e "na mesma orde designarase un instrutor do expediente con categoría de director xeral", que á súa vez "nomeará secretario das actuacións un funcionario". Nese expediente o instrutor "adoptará todas aquelas providencias que estime necesarias para acada-la máis completa e contrastada investigación dos méritos". E "concluída a instrución do expediente, este elevarase ao Consello da Xunta".

Porén, segundo a resposta oficial que vén de dar a Xunta a unha petición formal de Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia, no caso da Medalla de Galicia á princesa Leonor, así como nas tamén entregadas este ano uns días despois aos alcaldes de Porto e Braga, Rui Moreira e Ricardo Rio, non houbo ningún tipo de expediente administrativo. O Goberno galego limitouse a entregar a este diario, como "expediente de concesión" no caso de Leonor de Borbón, o decreto final publicado no Diario Oficial de Galicia o 10 de xullo, que só xustifica o outorgamento "en atención aos méritos que concorren", sen detallalos.
Segundo a Xunta, todo o expediente administrativo de concesión da medalla limítase ao decreto final publicado no Diario Oficial de Galicia, que só xustifica o galardón "en atención aos méritos que concorren", sen detallalos
A petición oficial deste diario facía referencia aos requisitos de tramitación esixidos no regulamento das Medallas de Galicia, pero a resposta da Xunta é que neste caso a proposta do galardón foi do conselleiro de Presidencia, como chanceller da medalla, "sen que se presentasen propostas razoadas por outras autoridades, institucións ou entidades públicas ou privadas galegas, de acordo co previsto no artigo 5 do Decreto, polo que non resulta necesario o inicio do expediente de investigación dos méritos". Isto é, a Xunta non ponderou os méritos da Princesa de Asturias en comparación con outras posibles persoas galardoadas e se os valorou de algún xeito non deixou constancia administrativa desa actuación.
A Xunta non só di que non houbo "expediente de investigación dos méritos" senón que tampouco facilita ningún outro tipo de expediente administrativo previo ao Consello da Xunta que o 7 de xullo aprobou o decreto de concesión que se publicaría no DOG tres días despois. Porén, a concesión da medalla a Leonor de Borbón xa era coñecida un mes antes. Unha entrega que acabou realizándose o 14 de xullo, nun acto separado do Día Nacional de Galicia ao que tradicionalmente se ligaron esas distincións.