O 'illamento solitario', un "cárcere dentro do cárcere" que Esculca esixe eliminar

Esculca impulsa unha campaña contra o 'confinamento solitario' nas cadeas © Esculca

Hemeroteca

Dende hai unhas semanas Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades, vén impulsando unha campaña pola abolición do confinamento solitario en prisión, cualificado como "un cárcere dentro do cárcere". Case mil persoas presas cumpren condena en réxime de confinamento solitario nas prisións por múltiples motivos (sancións, medidas coercitivas...), destaca Esculca, que lembra os graves prexuízos físicos e psíquicos provocados polo pechamento prolongado, consecuencias negativas que se agravan no caso das persoas que sofran este illamento dentro da propia cadea.

Case mil persoas presas cumpren condena en réxime de confinamento solitario nas prisións

O réxime de illamento prisional implica unha limitación das saídas ao patio (entre 2 e 4 horas ao día, chegando ara as 6 horas na Catalunya), a limitación tamén dos contactos con outras persoas presas, a realización de inspeccións e revistas diarias, mudanzas continuas de cela, a limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, a restrición do contacto cos funcionarios, a negación das licenzas de saída, a restrición das comunicacións con persoas do exterior (limitación a dúas cartas semanais), e a recusa ou limitación de actividades culturais, deportivas e espirituais, explica Esculca. 

O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades destaca que a falta de contacto humano e de actividade "tradúcense nun prexuízo serio para a saúde física e mental de quen a sofre, cando non acaba directa e definitivamente coas súas vidas". A entidade afima ademais que se trata de espazos "onde en moitos casos se favorece a práctica de abusos por parte de funcionarios".

A falta de contacto humano e de actividade "tradúcense nun prexuízo serio para a saúde física e mental de quen a sofre, cando non acaba directa e definitivamente coas súas vidas", di Esculca

O réxime de illamento afecta as persoas clasificadas en primeiro grao que cumpren a súa condena en módulos de réxime fechado e aquelas que están pechadas en departamentos especiais, así como a moitas das persoas clasificadas nos grupos FIES (ficheiros de internos de especial seguimento). Tamén é utilizado como sanción para faltas moi graves, "o que o converte nun cárcere dentro do cárcere", di Esculca, que denuncia que "a prohibición expresa de que unha sanción de confinamento solitario dure máis de 14 días é incumprida de maneira arbitraria nos cárceres do Estado a pesar das constantes recomendacións e denuncias de organismos estatais e internacionais".

Tamén é utilizado como sanción para faltas moi graves, "o que o converte nun cárcere dentro do cárcere", di Esculca

Esculca conclúe o seu manifesto denunciando que "o isolamento prisional implica un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura" e esixe "acabar co réxime de confinamento solitario". A entidade denuncia así mesmo que no contexto da pandemia de COVID-19, "as persoas presas están abandonadas máis que nunca".

Cárcere da Lama © Esculca

"A prohibición expresa de que unha sanción de confinamento solitario dure máis de 14 días é incumprida de maneira arbitraria", denuncia Esculca

O mestre, músico e escritor Baldomero Iglesias Dobarrio, 'Mero' publicou este mércores en Praza.gal un artigo no que se une á denuncia realizada por Esculca, "Non hai dor como a do forzado illamento", no que comeza destacando que "precisamente nestes días de confinamento podemos facer unha aproximación ao tema do illamento, da soidade e dos seus graos de afección. Podemos trasladarnos á empatía". Mero afirma que "o 'illamento' ao que tanto lles dá por castigar á xente nos cárceres, é unha perversión do terror, unha idea macabra que nos deshumaniza á totalidade dos seres vivos" e conclúe que "o cárcere cando supón illar desta maneira é unha tortura silandeira que rompe os vínculos co mundo, coa mesma vida".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.