Non hai dor como a do forzado illamento

Cárcere de Teixeiro © Parroquia de Teixeiro

Precisamente nestes días de confinamento podemos facer unha aproximación ao tema do illamento, da soidade e dos seus graos de afección. Podemos trasladarnos á empatía. Podemos correr a sentirnos sos, pero sos de todo, arredados mesmo de nós.

Precisamente nestes días de confinamento podemos facer unha aproximación ao tema do illamento, da soidade e dos seus graos de afección. Podemos trasladarnos á empatía

Falaba o Manuel María da señardade, como unha forma máis de soidade, de illamento, dese desprendemento que na Terra Cha coñecemos ben e é referencia do eido da orixe, ou da orixe mesma, a nativa. Esa que se conforma en recantos que se van transformando ao traveso do tempo e que, aínda así, sempre prevalecen. Sempre, por moi esquecedizos que sexamos, gardamos unha memoria daquel curro orixinal do que procedemos, daquela lentura, daqueles recendos, daquela calor, daquela luz que envolvía os pigmentos e daba unha cor moi definida, daquel abrigo que nos acolleu e que serve para facer comparacións coas novas sensacións que teñamos. Por iso, xustamente por iso, eu quero falar do que supón a ausencia de achegas afectivas, a dor enorme que supón o illamento.

Ben é certo que ás veces é necesario saberse arredado dos problemas, das présas, das urxencias que esta vida nos impón. Outras veces o illamento, xuntos co silencio é unha forma cruel da humanidade. Eu diría que inmoral castigo. Supón ese recanto inaudible, ese desespero ao que nos castigan, limitado en todo, en dimensións e distancias, en aire respirable, en luz, en proxección das olladas, na inauguración dos amenceres, nas plácidas tardes de solpor. O illamento incapacítanos para sentirnos vivos, para integrarnos sequera en nós. É un desestabilizador horrible que nos perturba e nos fire. O illamento súmase a miles de silencios, de ruídos soñados, de sons inexistentes, de escuridades iluminadas pola tolemia. O illamento obrigado, é un dos peores castigos que se poden impoñer. Ademais ten severas consecuencias que deixan sempre secuelas íntimas que negan a ilusión, a recuperación da luz e calquera tipo de esperanza. Eu coido que debera ser ilegal, debera estar prohibido ese arredamento, esa incomunicación que nos aparta non xa da orixe, como a señardade, senón da existencia mesma. Tanto illaron a algunha xente á que así castigaron, que se empezou a acurrunchar en si mesmo e desapareceu no seu propio baleiro, abrazando a nada, agarrándose ao precipicio de non saberse, separado da realidade e do tanxible.

O "illamento" ao que tanto lles dá por castigar á xente nos cárceres, é unha perversión do terror, unha idea macabra que nos deshumaniza á totalidade dos seres vivos

Sinto contarvos esta incomunicación forzada que acontece, pero sei que "o illamento" ao que tanto lles dá por castigar á xente nos cárceres, é unha perversión do terror, unha idea macabra que nos deshumaniza á totalidade dos seres vivos, converténdonos por acción ou omisión en cómplices de tamaño delito que, os sucesivos gobernos, din que administran. Horrible é o sentimento daquelas persoas que privan do seu espazo, que isolaron privándolles do sol, que asolaron obrigándolles a se sentir sos, que incomunicaron deixándoos diante do precipicio. Anque a lei o diga, a lei sempre será inxusta, cómpre que o saibamos. De nada vale facerse os "longuis" e non pensar ou pasar do tema. A soidade obrigada, o illamento é un dos peores castigos imaxinables.

Se algunha vez falastes con esa xente que o padeceu, veredes que trema, que ten medos inimaxinables, pánicos aos movementos, ás caricias, ás olladas, aos ruídos, á luz. Son xentes que viven ben na escuridade, e queren volver a ela. Confinados ao silencio perpetuo, a esa mesma escuridade que, aínda no medio da luz, os persegue. Queren vivir á sombra, esquecidos. Saben que alí están os seus fantasmas e con eles sofren, a cada intre, o arrepío, os acovardamentos todos, os sobresaltos, os temores. E eses, para nós inexistentes fantasmas a eles trábanlles e fanlles feridas dolorosísimas. Vólvense na sospeita da súa propia sombra, no incremento de todas as enfermidades, na paranoia perpetua de tocarse, de tocar todo varias veces, de facer "toques" obsesivos, que extreman a condición de alongar unha man a un sitio e recoñecer a  forma das cousas, incrédulos de que existan. Aquelas persoas que obrigan a perseverar no illamento, perpetran a desorientación absoluta, chegan a facerse dano a si mesmas, pertencen á teimosa obstinación do inexistente e pertúrbanse sen remedio, moitas veces sen recuperación posible. Tanto lles pesa a aflición e a angustia que teñen moi grandes remordementos adobiados con sentimentos de tristura fonda. E tanto lles pesa que quedan esmagados nos cantís da nosa incomprensión, cando miramos para outro lado sen intervir molestos, a lo menos, da súa longa pena.

O cárcere cando supón illar desta maneira é unha tortura silandeira que rompe os vínculos co mundo, coa mesma vida. Graves consecuencias físicas e psíquicas que derivan en problemas de percepción, de visión, de tacto, de ouvido para sempre

Por iso é polo que vos conto isto, porque o cárcere cando supón illar desta maneira é unha tortura silandeira que rompe os vínculos co mundo, coa mesma vida. Graves consecuencias físicas e psíquicas que derivan en problemas de percepción, de visión, de tacto, de ouvido para sempre. As case mil persoas presas que compren condena en réxime de confinamento solitario nas prisións, máis aínda aquelas que sofren o isolamento como limitación reximental por mor de seren medidas coercitivas, ou causas de sanción considerada enorme pola vontade humana. Os horarios de saída tan limitados e non sempre cumpridos, as inspeccións e mudanzas continuas, os xantares en solitario, os contactos restrinxidos mesmo cos funcionarios, sen saídas, sen cartas – como máximo dúas á semana e a non participación noutras actividades, fan que ese sexa un castigo de maltrato e abuso, de inviable actualidade. Os tempos de hoxe non deben permitir ese castigo, ese abuso de lei e de autoridade vulnera os dereitos mínimos das persoas e cuestiona mesmamente a calquera ser vivo, aínda non humano. Nós non podemos consentilo. Para canto máis a esas persoas que foron consideradas en primeiro grao e en módulos de réxime pechado, internacionalmente non considerados pois fan, dentro do cárcere, un novo cárcere máis estrito e inhumano, debemos impedilo. Tanto que nos degrada a nós como aos castigados deste xeito. E resulta ser unha forma de tortura gratuíta, sen ningún beneficio para ninguén,  que de paso produce un sufrimento incalculable, froito da torpeza, do resentimento, do martirio pracenteiro cando executa e transmite tan amargos lamentos. Cómpre, pois, abolir ese modo de facer "xustiza" tan mal entendido, de tan gravosas consecuencias, que mesmo nos enche de vergoña pensar na súa existencia e nada, na nosa sociedade, repara pois sempre invita á mutilación, ao sangue, amputación e ao insensato suicidio. Cómpre recoñecer que é un erro urxente que hai que prohibir, aborrecido nas memorias que coñecemos e que nos humillan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.