O cesamento do histórico director do IGE acelera a súa anexión á Presidencia da Xunta

José Antonio Campo Andión, histórico director do IGE, e o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, presidindo o Consello deste 23 de xuño CC-BY-SA Xunta

O de José Antonio Campo Andión é un deses rostros que, posiblemente, non son recoñecidos no primeiro golpe de vista pola maior parte da poboación. Pero que si é sinónimo de "Xunta" para a maior parte das persoas con certo grao de coñecemento da estrutura institucional construída ao longo de catro décadas de autonomía.

José Antonio Campo Andión dirixiu o Instituto Galego de Estatística durante tres décadas; en todos os mandatos de Fraga e dende que o PP volveu á Xunta en 2009

Apenas pasaran tres anos dende que o Goberno tripartito (PSdeG, Coalición Galega e PNG) creara o Instituto Galego de Estatística cando, en 1991, o primeiro gabinete do PP de Manuel Fraga situou a Campo Andión na súa dirección. O matemático, de discreto perfil público, exerceu o posto ininterrompidamente ata setembro de 2005, cando o Goberno de coalición de PSdeG e BNG aprobou o seu cesamento. E regresou ao cargo en maio de 2009, apenas un mes despois da chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta. No intervalo exerceu como asesor para o PP.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o titular de Presidencia, Diego Calvo, este luns tras o Consello que aprobou o cesamento do director do IGE CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

Dezaseis anos despois dese segundo nomeamento e con tres décadas acumuladas á fronte do IGE, este 24 de xuño de 2025 o DOG dá conta da destitución de Campo Andión como director do IGE. Asínaa o conselleiro da Presidencia e no decreto reflíctese que foi aprobada no Consello da Xunta que este pasado luns presidiu o propio Diego Calvo en ausencia de Alfonso Rueda, de visita oficial no Porto. Non obstante, a referencia pública dos asuntos tratados na reunión semanal do Goberno galego non recolle a decisión.

Malia aos seus case 75 anos de idade, a súa marcha non ten a forma de cesamento por petición propia, senón unha destitución aprobada polo Consello da Xunta, en cuxa referencia pública non figurou a decisión. O IGE pasa de depender de Facenda a facelo da Oficina Económica da Presidencia

As formas do cesamento de Campo Andión son relevantes. Malia ter case 75 anos de idade, non deixa o cargo pola súa veteranía ou por xubilación, o que podería propiciar unha marcha a petición propia. Formalmente foi destituído por proposta do conselleiro Calvo. E sucede nun contexto de ambiente enrarecido en torno a un dos organismos con máis prestixio da autonomía pola decisión do Goberno de eliminar a súa habitual adscrición á Consellería de Facenda e integralo na estrutura orgánica da Presidencia da Xunta.

Segundo o plan bosquexado o pasado marzo, o IGE pasará a estar adscrito á Oficina de Coordinación Económica da Presidencia. A intención, segundo o gabinete de Rueda, é convertelo nun "centro de datos que apoie a Administración autonómica na toma de decisións" e para iso vai lanzar un contrato para que "empresas tecnolóxicas poidan ofrecer os seus servizos para centralizar, xestionar e explotar os distintos datos dos que dispón a Xunta". Segundo avanzou La Voz de Galicia o pasado marzo, os plans gobernamentais pasan por situar á fronte do IGE ao responsable da devandita Oficina Económica, Juan Carlos Reboredo.

José Antonio Campo Andión, no acto de conmemoración do 30º aniversario da Lei de Estatística de Galicia, en 2018 CC-BY-SA IGE

A ligazón á Presidencia e, sobre todo, a entrada de empresas privadas anunciada pola Xunta foi recibida con receo polo BNG ou pola CIG, mais tamén entre profesionais do propio IGE. No seo do organismo tamén xeraron receo nos últimos meses as críticas emanadas dende a propia Xunta aos resultados da súa enquisa sobre uso e coñecemento do galego que, o pasado 2024, evidenciou como o castelán xa é o idioma predominante. E, máis aínda, que o propio Executivo encargase á empresa privada Sondaxe un inquérito destinado a matizar os resultados obtidos pola oficina estatística pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.