Francia dedicirá entre Macron e Le Pen tras o devalo das forzas tradicionais do país

Marine Le Pen e Emmanuel Macron Dominio Público FN / En Marche

O electorado francés terá que decidir entre dúas opcións á marxe dos dous espazos políticos tradicionais do país. Por unha banda, Emmanuel Macron (23,86%), 39 anos, ex-banqueiro, ministro de Economía de Hollande durante dous anos (2014-2016), xusto antes de antes de crear o seu propio partido En Marche! (En Marcha!) para canalizar as súas ambicións presidenciais. Por outra, Marine Le Pen (21,43%), 48 anos, deputada europea, líder dun partido que conseguiu, grazas á hábil manipulación do malestar galo, banalizar un discurso xenófobo e mellorar os resultados do seu pai en anteriores comicios presidenciais.

Macron en ton sereno e magnánimo, coma se xa ocupase o palacio do Eliseo, e nun discurso sorprendentemente brando, prometeu levar "a esixencia do optimismo e a voz da esperanza" a todos os votantes franceses.  O seu proxecto, dixo, "non foi un soño ou unha burbulla", senón froito da "vontade encarnecida e bondadosa" dos seus simpatizantes. A ultradereitista Le Pen non saíu do discurso oficial. Falou de "loitar contra a mundialización salvaxe que pon en perigo a nosa civilización", pediu "liberar o pobo francés" do "xugo do diñeiro" e soltou unha referencia ao xeneral de Gaulle no que semella un intento por atraer a un voto máis moderado. Pero vaille a custar ampliar a súa base electoral na segunda volta.

Fillon e Hamon apostan polo candidato de En Marche! para frear a Le Pen, mentres que Mélenchon optou por non decantarse e anunciar unha consulta ao respecto entre as súas bases

Unha vez derrotados tanto o conservador François Fillon (19,94%) como o socialista Benoît Hamon, cun traumático 6,35%, saíron á palestra para pedir que o seu electorado contribúa a frear a candidata neofascista. O socialista, o primeiro en comparecer ante os medios, asumiu a responsabilidade dunha derrota "electoral e moral". En canto ao xefe dos republicanos, tamén personalizou o seu fracaso e pediu "sen gran alegría" aos seus simpatizantes que se situasen contra a formación de extrema dereita que "só pode traer violencia e intolerancia".

Quen decidiu non decantarse por ningún dos dous aspirantes da segunda volta foi o veterano Jean-Luc Mélenchon, que á fronte da Francia Insubmisa logrou un 19,62% dos sufraxios, pero ficou fóra da loita final pola Presidencia da República. Dedidirá se pide ou non o apoio a Macrón como mal menor da contenda tras unha consulta ás bases, anunciou. Na contorna desta organización percibíase a decepción tras a obvia remonta nas sondaxes durante os últimos compases da campaña.

O fracaso das forzas tradicionais

Macron aproveitou a crise interna dos socialistas e o afundimento de Fillon para captar o voto de quen viu no seu perfil de mozo tecnócrata un mal menor

Temíase que a profunda indecisión que prognosticaban as sondaxes semana tras semana afastase o electorado das urnas, pero finalmente a participación encaixou coa de procesos anteriores, con algo máis dun 77%. Todo isto nunha noite que, en calquera caso, xa foi histórica. Por primeira vez desde o inicio da Quinta República en 1958, os dous movementos que se alternaron no poder, baixo diversas encarnacións, quedaron fóra da contenda decisiva. Por primeira vez, a Fronte Nacional superou a barreira do 20% nunhas presidenciais e por primeira vez os socialistas sufriron un devalo de tal calibre.

As primeiras análises falan de fartura da poboación cos partidos tradicionais. Mostra disto foi, por exemplo, a ausencia en campaña do actual presidente, François Hollande, cuxa vitoria en 2012 foi lida como unha segunda oportunidade para a socialdemocracia europea. Mentres, Macron aproveitou a crise interna dos socialistas e mais o afundimento de Fillon para captar o chamado voto útil, o que viu no seu perfil de mozo tecnócrata un mal menor. Se finalmente gaña, como semellan apuntar as sondaxes e os límites electorais de Le Pen, será o presidente máis novo da Quinta República Francesa.

Votación a candidatos na primeira volta das presidenciais francesas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.