CRÓNICA | Galicia como tarefa, Catalunya como escusa

Feijóo, Touriño e Quintana, na xuntanza na que fracasou a reforma do Estatuto © Ana Varela

Neste 2017 cumpriuse un décimo aniversario que deu en pasar practicamente desapercibido na política galega. O pasado 17 de xaneiro fixéronse dez anos dende que esvaeu entre a néboa que cubría naquela xornada o compostelán Monte Pío a reforma do Estatuto de Autonomía que durante meses avanzara no Parlamento cun elevado grao de acordo, case total, entre as forzas que sustentaban o Goberno, PSdeG e BNG, e o partido da oposición, o PP. Quen levaba só un ano como remuda de Manuel Fraga á fronte do partido da dereita, Alberto Núñez Feijóo, rachou a baralla fundamentalmente por non aceptar a referencia ao carácter nacional de Galicia no preámbulo do texto e un novo rango legal da lingua galega.

O pano de fondo daquela oportunidade perdida de poñer no centro do taboleiro as tarefas pendentes de Galicia -ou Galicia como tarefa, como as resumiu Paz Andrade- era alleo á política galega. Non era outro que a dura oposición do PP á reforma do Estatut catalán que o Congreso aprobara un ano antes, xa ratificado en referendo e que os conservadores acabarían recorrendo ante o Tribunal Constitucional meses despois daquela xuntanza de Monte Pío. O recurso no TC culminaba unha campaña que os de Mariano Rajoy iniciaran coa recollida de sinaturas contra o texto estatutario catalán, na que o propio Feijóo participara activamente nun dos seus primeiros actos como líder do PPdeG.

Hai unha década o Estatut catalán foi o principal pretexto político para a ruptura das negociacións do novo Estatuto galego

Catalunya e os augurios dunha suposta ruptura de España por mor daquel Estatut, hipérbole esnafrada contra a realidade nos anos seguintes, foron o pretexto político para adiar indefinidamente unha reforma estatutaria galega que o propio Feijóo prometeu retomar en canto chegase ao poder e para a que ofreceu prazos diversos ata abandonala sen que isto suscitase grandes protestas. A última vez que fixo referencia a esta posibilidade, para rexeitala, foi no último debate de política xeral do Parlamento en resposta ao ofrecemento do voceiro socialista.

As casualidades do calendario quixeron que fose unha década despois cando, este mesmo ano, Catalunya volveu ser empregada como escusa para aparcar un asunto central do debate político do país. Sucedeu durante o verán, pouco despois de que o Goberno de Rajoy iniciase por segunda vez en medio ano as manobras para bloquear a transferencia da AP-9 a Galicia, competencia que o Parlamento galego reclamara por unanimidade. Despois de que a súa contorna fixese o propio durante días o presidente da Xunta aproveitaba unha sesión do Parlamento para insinuar que dende La Moncloa se vetaba a petición galega por mor do avance do soberanismo catalán.

Dez anos despois o independentismo en Catalunya  foi presentado como obstáculo para o traspaso da AP-9 a Galicia

A tese reforzouna días despois o ministro de Fomento. Nunha visita a Santiago Íñigo de la Serna advertiu, a carón de Feijóo, de que en plenas reivindicacións catalás esta concesión á Xunta provocaría "tensión política" porque convidaría a intuír un certo "desmantelamento" do Estado. O titular da Xunta dixo ser "consciente" de que esas "tensións territoriais" pola "deslealdade máxima" de Catalunya facían pouco viable a transferencia. "Neste momento hai que apoiar ao Goberno de todos" e "eu son un presidente leal ao meu país, a España", resolveu. Outra volta, o comodín catalán.

Como cabía agardar, nin a ausencia de reforma do Estatuto galego nin o veto á transferencia da AP-9 -reiterado e reforzado esta mesma semana na mesa do Congreso por PP e Ciudadanos- influíron o máis mínimo na evolución do proceso soberanista catalán. A ese proceso aludía este domingo un dos homes fortes da direción estatal do PP, Pablo Casado, que aproveitou unha entrevista co diario El Mundo para lanzar unha mestura de advertencias e constatacións que, neste caso si, non son en absoluto indiferentes para a perspectiva presente e futura do autogoberno galego.

A dirección do PP presenta como resposta ao proceso soberanista catalán as leis aprobadas en clave recentralizadora mentres tivo maioría absoluta

O titular máis controvertido desa entrevista foi a afirmación a respecto do "aviso a navegantes" que, di Casado, debe supoñer a aplicación do artigo 155 da Constitución a Catalunya para "outras rexións" que "puidesen tentar" a autodeterminación. Acompañado dun capote toureiro e ante a gran bandeira española que o PP situou na fachada principal da súa sede, o vicesecretario popular gábase de que o Goberno de Rajoy desenvolveu durante a súa lexislatura con maioría absoluta "unha sorte de reforma política" en clave recentralizadora con leis como a LOMCE, a reforma sanitaria, a modificación do Tribunal Constitucional, a "mal chamada lei mordaza" ou "mesmo a lei de estabilidade orzamentaria, que permite intervir a administración das comunidades autónomas ou das corporacións locais". Dende o PP galego defendeuse nestes anos, non obstante, que ningunha desas normas erosionaba o autogoberno de Galicia.

Cargos políticos na presentación das obras de ampliación da AP-9 en Santiago © Xoán Crespo
O centro de Barcelona, durante a Diada CC-BY-SA Sandra Lázaro / Catalunya Plural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.