Como xa fixera na campaña das xerais, Feijóo centra a reunión do seu Goberno, celebrada no Pazo de Sergude, en reclamar medidas a Sánchez, agora en materia agroalimentaria, na que a Xunta só concreta 640.000 euros
O Consello da Xunta pode aprobar proxectos de lei, decretos ou acordos, todas elas figuras normativas con valor legal. E tamén pode divulgar informes, documentos sen ningún tipo de rango normativo que os gobernos adoitan empregar para facer propaganda de decisións ou promesas que non corresponden ao Consello da Xunta. Este xoves a reunión semanal do Goberno galego, centrada no rural, aprobou un único acordo sobre a materia polo que autorizou a sinatura dun convenio coas universidades de Santiago e Vigo para que elaboren un inventario forestal por 640.000 euros. Ademais, divulgou un total de oito informes sen valor legal, seis deles da Consellería de Medio Rural, que serviron ao presidente Feijóo para facer balance do xa feito nese eido, prometer futuras decisións e, fundamentalmente, reclamar medidas ao Goberno central.
Dez días antes das pasadas eleccións xerais do 10 de novembro, nas que todas as enquisas daban a vitoria ao PSOE, o Consello da Xunta xa aprobara un inédito informe sen valor legal no que recolleu as súas “demandas ao próximo Goberno de España”. Esa “axenda galega” vén sendo esgrimida desde aquela polo propio Feijóo no seu enfrontamento co Executivo de Pedro Sánchez no que vén centrando a iniciativa política da Xunta nos últimos meses. Este xoves, coa crise económica e demográfica do rural no centro da axenda política, Feijóo centrou o primeiro Consello da Xunta tras decidir adiantar as eleccións galegas ao 5 de abril en poñerlle deberes a Sánchez tamén nese eido.
O adianto electoral supuxo que xa non se aprobará a lei de impulso demográfico que a Xunta presentou como principal obxectivo político desta que cualificou como “a lexislatura do rural”
O presidente decidiu trasladar a reunión semanal do seu Goberno deste xoves a 15 quilómetros de San Caetano, ao Pazo de Sergude, o centro de formación e experimentación agroforestal que a Xunta quere converter en “espello do rural” galego cun investimento duns 10 millóns de euros. Unha decisión que indignou a investigadores agrarios tras unha década de recortes orzamentarios.
A aposta de Feijóo polo rural como centro do debate político prodúcese ao tempo que o adianto electoral decidido por el mesmo para o próximo 5 de abril supuxo que xa non poderá ser aprobada a lei de impulso demográfico que a Xunta presentou como principal obxectivo político desta que cualificou como “a lexislatura do rural”. Unha norma que, pola contra, o Consello Económico e Social, que aglutina as principais organizacións empresariais, sindicais e sociais de Galicia, considerou que carecía de medidas concretas. A resposta de Feijóo foi que non quería hipotecar a gobernos futuros cunha lei aprobada ao final da lexislatura, algo que xa non ocorrerá porque a norma xa non poderá ser aprobada.
Pola contra, este xoves non tivo problemas en reclamar diversas cuestións relacionadas co rural ao Goberno central malia estar convocadas xa as eleccións, momento a partir do cal non consideraba adecuado que, no caso dos últimos comicios xerais, Sánchez seguise tomando decisións.
Este xoves o Consello aprobou un decreto, cinco acordos por importe duns 4,5 millóns e divulgou oito informes sen valor legal
O feito é que a Xunta non estará en funcións ata o 6 de abril, así que este xoves o Consello aprobou un decreto para regular os prazos de trámites administrativos cando non funcione a súa sede electrónica e outros cinco acordos por importe duns 4,5 millóns de euros. Entre eses acordos, a Xunta autorizou a sinatura dun convenio coas universidades de Vigo e Santiago para elaborar un inventario forestal de Galicia por 640.000 euros.
Pero xunto con esas decisións con valor legal, o Consello divulgou tamén oito informes propagandísticos (o récord durante os mandatos de Feijóo foron os dez informes do 4 de maio de 2016), seis deles da área de Medio Rural: Informe sobre proxectos de mobilización: aldeas modelo e pilotos de polígonos, Informe sobre o Plan de pastos, Informe sobre o Plan de modernización das oficinas agrarias comarcais e a Oficina Agraria Comarcal Móbil, Informe sobre a situación de prezos de produtos agrícolas e gandeiros, Informe sobre a fiscalidade no rural e Informe sobre Galicia Calidade Agroalimentaria. Entre as medidas de futuro prometidas neses informes está, por exemplo, que a marca Galicia Calidade potencie os produtos agroalimentarios galegos, algo que xa viña facendo.
Os informes empregados este xoves serviron fundamentalmente para que Feijóo reclamase ao Goberno central que garanta uns “prezos xustos” para o sector agroalimentario, “apurando” a transposición da normativa europea e impulsando unha lei de incentivos fiscais para a actividade agrogandeira. De feito, a primeira nota de prensa divulgada pola propia Xunta da súa reunión non se centrou en divulgar medidas ou promesas propias senón nas esixencias a Sánchez: “A Xunta insta ao Goberno central a modificar a lexislación sobre prezos para evitar a venda a perdas no agro”.