Feijóo critica a Sánchez por aprobar medidas antes das eleccións e obvia que con Fraga el fíxoo tras saber que perdían o poder

Acto en Madrid de Feijóo cos presidentes de Asturias e Castela e León en defensa do Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias Dominio Público @FeijooGalicia

O popular, vicepresidente na Xunta que en 2005 deixou comprometidos millóns de euros, cualifica de “deslealdade e irresponsabilidade” que o Executivo central siga gobernando incluso antes de entrar en funcións

O presidente Feijóo vén de fixar este martes un novo límite ao que, ao seu ver, os gobernos poden facer non xa gobernando en funcións, isto é, tras celebrarse unhas eleccións e á espera de que se conforme un novo executivo, senón incluso antes, unha vez que se anuncia a data deses comicios, incluso malia que aínda non estean oficialmente convocados, como é o caso das xerais do 28 de abril. Este martes o presidente galego cualificou de “deslealdade e irresponsabilidade” que Pedro Sánchez pretenda seguir aprobando medidas antes das eleccións malia que el mesmo participou no último goberno de Manuel Fraga que o seguiu facendo mesmo tras perder os comicios autonómicos de 2005, deixando comprometidos ducias de millóns de euros para o seguinte executivo.

Metido xa en campaña para as eleccións xerais do 28 de abril, o Goberno central de Pedro Sánchez segue a anunciar medidas que prevé tomar antes de que se celebren os comicios, que nin sequera están aínda convocados oficialmente (serano, previsiblemente, o próximo martes) senón só anunciados verbalmente. Moitas desas medidas preténdeas aprobar Sánchez coa figura do decreto-lei, que pode ser tombado polo Congreso uns días máis tarde. Despois, gañe ou perda as eleccións, o Executivo central xa si pasará a gobernar en funcións ata que tome posesión un novo goberno, o que daquela debera limitar as súas decisións a “o despacho ordinario dos asuntos públicos”, malia que iso non impediu no pasado, por exemplo, que en xaneiro de 2016 o Goberno en funcións de Mariano Rajoy prorrogase 60 anos a presenza de Ence na ría de Pontevedra.

En 2005 a Xunta en funcións adxudicou dous edificios da Cidade da Cultura por máis de cen millóns, dúas licenzas de televisión e autorizou numerosos convenios con concellos do PP

Este martes, nun acto en Madrid na defensa de investimentos para o Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, Feijóo criticou que Sánchez pretenda seguir gobernando antes das eleccións porque, ao seu ver, para a cidadanía xa entrou en funcións. Non é así, e non o será ata que pasen as eleccións, segundo establece a Lei 50/1997. Porén, nesa situación posterior, tras as eleccións autonómicas de 2005 e coa inminencia dun goberno alternativo de PSdeG e BNG, o último executivo de Fraga, con Feijóo como vicepresidente e conselleiro de Política Territorial, seguiu tomando decisións con repercusións millonarias.

Consello da Xunta presidido por Fraga e vicepresidido por Feijóo © TVG

Estando xa en funcións tras as eleccións do 19 e xuño de 2005 a Xunta adxudicou a construción de dous edificios da Cidade da Cultura, o teatro e o centro de novas tecnoloxías, por 82,5 e 29,6 millóns respectivamente. O propio Feijóo, anos despois, amosaría o seu arrepentimento por aquilo. Pero non foi a única decisión relevante gobernando en funcións. Aquela Xunta tamén adxudicou dúas licenzas para televisións dixitais, aprobou un Plan Acuícola e autorizou numerosos convenios con concellos do PP. Ante as críticas, Fraga argumentou que “mentres esteamos aí, cumpriremos co noso deber”, asegurando que tiña “a conciencia moi tranquila” e que se limitara a xestionar “cousas urxentes demandadas pola opinión pública”. 

Tras as autonómicas de 2016 Feijóo encargou un informe para saber que lle permitía facer e que non a súa propia lei de goberno en funcións mentres non volvía tomar posesión do cargo

Feijóo tamén reclamou este martes unha regulación que aclare que pode seguir facendo un goberno, malia que na actualidade formalmente as eleccións aínda non estean convocadas. Esa regulación, a nivel estatal, vén determinada pola antedita Lei 50/1997 e, en Galicia, pola Lei de transparencia e bo goberno impulsada polo PP. Porén, en setembro de 2016 o propio Feijóo tivo que admitir que esa norma aprobada por el mesmo non estaba clara e, tras gañar por terceira vez as eleccións autonómicas, encargou un informe para saber que lle permitía facer e que non a súa propia lei mentres non volvía tomar posesión do cargo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.