A Xunta de Galicia anunciou hai tan só unhas semanas a convocatoria dun concurso de ideas para converter o Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), “no espello do rural galego”. O Goberno pretende destinar máis de 10 millóns de euros a este proxecto co que quere crear un espazo virtual do rural do país para dar “unha visión global desde o punto de vista agropecuario, forestal ou hortofroitícola”. O anuncio acabou por erguer a indignación dos investigadores científicos agrarios, que critican este enorme investimento logo de anos de “desatención” no seu sector e unha década de "recortes" e queixas que nunca foron atendidas.
A Xunta anuncia que destinará 10 millóns nun "centro de promocion e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia"
A iniciativa da Xunta supón a creación dun “centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia, baixo a denominación de Galicia Calidade”. Un pazo e a súa contorna, cunha superfice dunhas 100 hectáreas, nos que o Executivo pretende “unha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro”. Un espazo dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o organismo da Consellería do Medio Rural do que dependen tamén os investigadores do Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo (CIAM).
Foron eles os que estouparon tras coñecer as intencións da Xunta e, logo dunha asemblea, emitiron un comunicado no que lembran que o total do investimento --que elevan a un total duns 14 millóns-- chega “mentres as necesidades dos centros públicos de investigación agraria da Consellería están desatendidas”. “Esta cantidade permitiría a contratación de 12 investigadores especializados durante toda a súa vida laboral”, explican.
"Na última década asistimos a un devalo das estruturas dos centros de investigación agraria en Galicia, en concreto no CIAM, que ten máis de 130 anos", lembra Gonzalo Flores, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do centro e ex-director xeral de Investigación Tecnolóxica de Medio Rural.
“O acontecido nestes centros na última década acada actualmente niveis impensábeis non hai moitos anos atrás”, aclara o comunicado, ao enumerar as eivas que denuncian: “Insuficiente dotación de fondos económicos, incapacidade na xestión dos recursos conseguidos en convocatorias públicas de investigación, impagos a proveedores de bens e servicios, ausencia de investimentos, sen cobertura de postos vacantes, sen oportunidade para o persoal especializado que se formou nos centros e con equipas diminuídas que dificultan a captación e a execución de proxectos”.
Persoal do CIAM advirte de que os 10 millóns do novo centro "permitiría contratar 12 investigadores" e lembra que no seu centro son a metade que hai dez anos
"Coa escusa da crise e cos problemas de inxección económica dos últimos anos, temos un contexto desolador, sobre todo no que ten que ver cos recursos humanos", engade Flores, que advirte de que no CIAM hai actualmente 16 investigadores, a metade dos que traballaban en 2008. Ademais, repara tamén no feito de que moita da xente nova que se está a formar no prestixioso centro, herdeiro da Granxa Agrícola Experimental fundada en 1888 na Coruña, "acaba marchando fóra porque non ten ningunha posbilidade de quedar ao non cubrirse as prazas de quen se xubila". En canto aos fondos propios libres para gasto corrente, o persoal advirte que do medio millón de euros cos que contaba hai unha década pasouse aos 150.000 euros, "ao que se suma o que sacamos da venda de produtos como leite e carne". "Non ten sentido", remarcan.
Para este persoal do CIAM , o proxecto que agora xorde de Medio Rural para o Pazo Quián é “un novo exemplo do proceso de minado e destrución gratuíta das estruturas de investigación agraria galega perpetrado por aqueles xestores do público que teñen, precisamente, a obriga da súa conservación e fomento”.
Unha das decisións que máis controversia creou nos investigadores foi a pretensión da Xunta de trasladar a este novo recinto o Banco de Xermoplasma de conservación de especies autóctonas do CIAM, “obviando as infraestructuras e os medios humanos e técnicos existentes neste centro”. "Foi a gota que fixo rebordar o vaso da indignación", asegura Gonzalo Flores sobre un banco "que recolle a variedade xenética das especies e variedades agrícolas do país".
O anuncio de que o Banco de Xermoplasma sería trasladado ao novo centro foi "a gota que fixo rebordar o vaso da indignación" dos investigadores
”Isto pon en serio risco a conservación do mesmo, impedindo calquera actuación de mellora, posta en valor e utilización deste material xenético autóctono para enfrontar os novos desafíos dos cultivos á pragas e enfermidades, así como á procura de resistencia aos cambios ambientais que conleva o cambio climático”, denuncian. Ademais, din, “imposibilítase o cumprimento dos diversos compromisos subscritos pola propia Administración galega en materia de conservación e utilización de Recursos Fitoxenéticos autóctonos nos ámbitos autonómico, estatal e internacional”.
No seu comunicado, os investigadores advirten de que malia que “os centros públicos da Consellaría desenvolven unha actuación investigadora non subordinadada aos intereses privados”, si cooperan activamente “en numerosas iniciativas innovadoras para o medio rural, actuando en áreas que a iniciativa privada non aborda”. A súa destrución, aseguran, “será a cambio de nada e a costa de toda a cidadanía”.
"Sabemos que unha desaparición deste centro sería a cambio de nada porque o sector privado non vai cubrir o nicho que nós deixaríamos"
"Traballamos con moitas empresas da contorna e o 80% dos nosos proxectos son baixo demanda de cooperativas, pequenas firmas ou grupos empresariais que veñen onda nós buscar a axuda tecnolóxica que non teñen", advirte Flores, que asegura que, de seren preguntados en que traballan, poderían responder "rigorosamente" que o fan "no que reclama o sector".
"Sabemos que unha desaparición deste centro sería a cambio de nada porque o sector privado non vai cubrir o nicho que nós deixaríamos e que é moi importante", engade.
Os recortes e a diminución de recursos humanos e medios foi continua nos últimos anos malia que xa son máis de 15 os escritos do persoal á Administración desde 2013 demandando unha solución. "Sempre boas palabras e promesas pero sen amaño ningún", explican fontes do CIAM, que se queixan da "lixeireza" coa que a Xunta trata un centro "único no Estado e referencia en investigación agrícola para toda a cornixa cantábrica".
Desde a Consellería do Medio Rural négase que se reducisen as partidas e advirten dun incremento de case o 44% en investimento real nos diferentes centros da Agacal, ao igual que nun 23,5% en transferencia de capital e nun 29% nos gastos de funcionamento. Desde o CIAM matizan unhas cifras que, lembran, nalgúns casos refírense a aumentos sobre cantidades que foron reducidas ao máximo nos últimos anos.
"Falta de interese pola investigación agraria"
Así, o orzamento da Agacal para 2020 alcanzou os 32,4 millóns de euros, uns 4 máis que en 2019, cun incremento de case o 15%. Na partida dedicada ao Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica o incremetno foi un 12%, alcanzando case os 17 millóns, pero a maior parte do aumento imputado a este programa vai a prtidas para empresas con propósitos de investigación e non a equilibrar ou recuperar os medios materiais e persoais dos centros de investigación, como destacan fontes do CIAM.
No que ten que ver co persoal, desaparece para 2020 un posto de investigador e catro de persoal de campo, ademais de aparecer orzamentados postos da Relación de Postos de Traballo (RPT), estean ou non cubertos, estando a metade sen cubrir desde hai xa anos.
Desde o CIAM denúnciase tamén unha importante "falta de recursos", así como as dificultades para reparar equipamentos ou o escaso orzamento para investimentos que reclaman desde hai tempo en maquinaria ou novos espazos. "A cuestión de fondo é a falta de interese pola investigación agraria galega", din as mesmas fontes, que reclaman un "forte plan de choque en dotación de recursos humanos e materiais" para poder rcuperar a funcionalidade dos centros a medio prazo. "Xa non queda moito tempo", advirten.