Galicia perdeu a cuarta parte dos empregos no sector primario na última década

Protesta de gandeiros en Lugo polos baixos prezos pagados aos produtores CC-BY-SA Merixo

Nin sequera a recuperación económica e do emprego que se rexistra nos últimos cinco anos conseguiu frear esta caída

En decembro do ano 2009 traballaban no sector primario en Galicia 73.827 persoas, unha cifra que xa viña descendendo de forma acelerada. Dez anos despois o agro, o monte e a pesca xa só dan traballo a 56.355 persoas no noso país, un descenso do 23,66%, case un de cada catro.

Nin sequera a recuperación económica e do emprego que se rexistra nos últimos cinco anos en moitos ámbitos conseguiu frear esta caída. Mentres que no conxunto de sectores o número de ocupados e ocupadas en Galicia medrou en case 90.000 persoas dende o 2014 (un 10% de aumento), no sector primario a cifra seguiu baixando, aínda que a un ritmo menor que nos anos anteriores. En 2014 había 60.477 persoas ocupadas no agro e no mar, catro mil máis que na actualidade, cun descenso do 6,8% nestes cinco anos.

En 2016 Alberto Núñez Feijóo prometeu que a lexislatura que está a piques de rematar ía ser "a lexislatura do rural"

En 2016 Alberto Núñez Feijóo prometeu que a lexislatura que está a piques de rematar ía ser "a lexislatura do rural". Porén, os datos non semellan acompañar esa afirmación e son moitos os colectivos e organizacións que critican a falta de investimentos e medidas de impulso económico para os concellos rurais e as actividades agrogandeiras, ao igual que se fai fincapé no negativo efecto dos recortes de servizos públicos nestas áreas. 

"Dá igual a xente que naza se esas persoas unha vez que chegan ao seu período de vida activa van marchar a outros territorios"

"Non imos repoboar o rural a base de heroes e de heroínas. Demandamos unhas condicións de vida mínimas", dicía nesta entrevista a profesora María do Mar Pérez Fra, que alertaba da importancia da xeración de oportunidades económicas e de emprego: "dá igual a xente que naza se esas persoas unha vez que chegan ao seu período de vida activa van marchar a outros territorios". 

Pérez Fra criticaba as dificultades para acceder a terras agrarias ("destinar terra con potencial agrario a usos forestais é unha ineficiencia económica"), incidindo no potencial destas áreas como espazo de produción de alimentos, como tamén fixo esta semana o SLG ao presentar o seu decálogo de medidas para o rural.

O groso da perda de emprego tivo lugar no entre 'traballadores/as cualificados/as en actividades gandeiras" e 'traballadores/as cualificados/as en actividades agrícolas'

Analizando os datos máis polo miúdo, vemos como o groso da perda de emprego na última década tivo lugar no entre os e as 'traballadores/as cualificados/as en actividades gandeiras", que caeron de 47.600 a 29.800, aínda que nos últimos cinco anos veñen aumentando lixeiramente. Os e as 'traballadores/as cualificados/as en actividades agrícolas' tamén descenderon máis dun 40%, de 11.000 a 6.500. Os 'peóns agrarios, forestais e da pesca' mantéñense ao redor dos 7.000 e os 'traballadores cualificados en actividades forestais, pesqueiras e cinexéticas' mesmo incrementaron un pouco o seu número, de 13.200 a 15.000.

 

A destrución de emprego, por concellos

Boborás, Mondariz, Cartelle, Folgoso do Courel, Ponte Caldelas, Toén, A Lama, Moraña ou O Vicedo rexistran descensos superiores ao 50%

Galicia é moi diversa e as súas zonas rurais tamén o son, de xeito que a evolución do emprego no sector primario foi distinta nunhas e noutras comarcas, como podemos ver nos dous seguintes mapas. O número de traballadores e traballadoras no sector primario descendeu no conxunto de Galicia un 23,66% dende o 2009 e un 6,8% dende o 2014, pero houbo concellos nos que esta caída foi moi superior.

Boborás, Mondariz, Cartelle, Folgoso do Courel, Ponte Caldelas, Toén, A Lama, Moraña ou O Vicedo rexistran descensos superiores ao 50%. No mapa pode verse como as comarcas do interior da provincia de Pontevedra, entre A Estrada e As Neves, están entre as que destruíron máis empregos agrarios. Tamén no occidente da provincia de Ourense e na contorna do Ribeiro. E, igualmente, nos concellos máis orientais de Lugo e na Costa da Morte. 

Con todo, o certo é que o descenso é xeneralizado en toda Galicia e hai tan só 17 concellos que incrementaron o seu número de persoas ocupadas no sector primario dende o 2009, encabezados por Vilagarcía, Ribadumia, Verín, O Barco de Valdeorras ou a cidade de Ourense.

Se analizamos unicamente a evolución seguida dende o ano 2014, momento en que se inicia a recuperación económica e do emprego a nivel xeral (pero non no sector primario), o mapa xa é distinto e tínxese de azul en varias zonas, aínda que seguen dominando os tons marróns. En concreto, 84 concellos gañaron empregos no sector primario dende entón, aínda que outros 224 seguiron destruíndo postos de traballo nestas ocupacións.

Dende o 2014 só 84 concellos gañaron empregos no sector primario e outros 224 seguiron destruíndo postos de traballo nestas ocupacións

Unha boa parte das localidades nas que mellorou o emprego no sector primario sitúanse nas provincias de Pontevedra (sobre todo no litoral) e na de Ourense. Nesta lista aparecen de novo Verín, Vilagarcía, Ribadumia e a cidade de Ourense, pero tamén Soutomaior, Ames, Xove, Vilanova de Arousa, Muros ou a propia cidade da Coruña, que gañou 80 empregos no sector primario neste tempo.

A realidade do resto do país é moi distinta. O Vicedo, Boborás, Abegondo, Navia de Suarna, O Carballiño, San Cristovo de Cea, Camariñas, Sandiás, A Guarda ou A Capela superan ou roldan descensos do 25% dende o 2014. A Costa da Morte, as zonas montañosas da provincia de Pontevedra ou a Terra Chá seguen a perder empregos no sector primario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.