Zocamiñoca, a cooperativa de consumo responsable da Coruña, está a celebrar o seu décimo aniversario. Cunha facturación anual próxima aos 100.000 euros, conta con 150 persoas socias e fornece de alimentos a unhas 400 persoas, facendo ademais un intenso traballo de fomento do consumo responsable e do impulso dos produtores e produtoras locais.
Coincidindo co aniversario, esta fin de semana celébranse na Coruña as xornadas abertas Enraizar no Asfalto, organizadas pola Unión de Cooperativas Espazocoop en colaboración con Zocamiñoca e financiadas polo Concello. As xornadas afondarán nas posibilidades da economía social en Galicia e no impacto que o consumo ten sobre o territorio e a soberanía alimentaria.
A economía social está en auxe en Galicia, con máis de 10.000 entidades, que dan emprego a máis de 25.000 persoas, medrando un 30% dende o comezo da crise. Nas xornadas farase énfase no traballo en rede das entidades de economía social, coa participación dun gran número de cooperativas galegas, tanto de consumo e alimentación (Panxea, Zocamiñoca, Árbore, Bico de grao, Mercado da terra...) como de enerxía (Nosa Enerxía) ou vivenda (Outra forma de vivenda). Falamos con Marcial Blanco, presente en Zocamiñoca dende o comezo, e Helena Martínez Cabrera, que se incorporou de forma máis recente.
"Queremos que se vexa a Zocamiñoca non só como un lugar afín ideoloxicamente, senón tamén un lugar para ser usado, para que a xente consuma produtos locais, ecolóxicos e xustos para as persoas produtoras"
Zocamiñoca celebra o seu décimo aniversario. Como foron os comezos? Como se tomou a decisión de botar a andar o proxecto?
Marcial Blanco: A decisión de poñer en marcha Zocamiñoca partiu dun pequeno grupo promotor. Había grupos de consumo en moitas localidades, pero non na Coruña. Había experiencias previas, como o grupo de consumo asociado a Mil Lúas, o grupo de consumo Millo Miúdo..., grupos pequenos que non acabaran de consolidarse. Estivemos traballando durante máis dun ano, contactando a xente, facendo visitas a outros grupos noutras cidades e visitando produtoras na contorna... Finalmente, organizamos unhas xornadas no Kiosko Alfonso para falar do noso proxecto e da soberanía alimentaria e nas que participou xente de Xoaniña (Ferrol), de Árbore (Vigo) e de máis cooperativas. Despois diso, celebramos a nosa asemblea constituínte, que deu lugar ao nacemento da cooperativa cunhas 70 socias, e abrimos o noso primeiro local, tamén no barrio do Castrillón, onde seguimos agora, xa noutro local dende hai uns anos.
"As tres dimensións son importantes e dáme a impresión de que hai unha certa confusión sobre estes conceptos e creo que en ocasións é o propio mercado o que está creando esta confusión de maneira intencionada"
Como foron estes dez anos? Foi moi difícil chegar ata aquí, coincidindo ademais cunha crise económica moi dura?
MB: Comezamos con moita forza e fomos pouco a pouco crecendo, ata chegar ás cen socias. Co paso dos anos houbo xente que se foi dando de baixa como socias consumidoras, sobre todo por marchar a vivir a outros lugares; con todo, moitas delas seguiron sendo socias, aínda que sen consumir. É certo que ata agora a captación de novas socias e a difusión da nova cooperativa nunca foi unha prioridade e estabamos máis centrados da difusión do consumo responsable en si mesmo.
Pero agora si que nos interesa visibilizarnos un pouco máis e atraer máis xente, para ser sostibles. Que se vexa a Zocamiñoca non só como un lugar afín ideoloxicamente, senón tamén un lugar para ser usado, para que a través de Zocamiñoca a xente consuma produtos locais, ecolóxicos e xustos para as persoas produtoras.
Este é tamén o obxectivo destas xornadas e deste aniversario: darnos visibilidade diante de toda a cidadanía da Coruña, e a nivel interno celebrar que levamos dez anos, que conseguimos superar uns anos de crise económica moi forte e que seguimos funcionando.
Cantas persoas socias estades en Zocamiñoca? Con cantos produtores traballades habitualmente?
MB: Somos ao redor de 150 socias, das que 100 son consumidoras. Estas son unidades de consumo; ás veces unha persoa socia merca para toda unha familia, tres, catro ou cinco persoas, e outras veces para ela soa. Traballamos con seis ou sete produtores locais da contorna da Coruña, que nos abastecen de produtos frescos da horta, temos dúas produtoras de repostería artesanal e ecolóxica, dous produtores de lácteos... Despois traballamos con outros produtores, de marmelada caseira, de cervexa artesá, de pasta a granel, de conservas vexetais... A xente vén sobre todo polo alimento fresco e despois leva outras cousas, por iso sempre lle demos prioridade aos produtos frescos.
"Zocamiñoca non busca ter grandes marxes de beneficio porque o que busca por riba de todo é facilitar o acceso aos produtos ecolóxicos a todo o mundo"
Dá a impresión de que a sociedade está cada vez máis preocupada polo medio ambiente, pola forma en que se producen os alimentos que come, pola súa orixe, polo bio..., unha preocupación que xa a está a ser explotada polas grandes empresas e grandes superficies. Notades en Zocamiñoca esta maior preocupación por estes aspectos?
MB: Eu atopo grandes diferenzas entre o interese polo consumo de produtos ecolóxicos, o interese en consumir produtos locais e o interese en consumir produtos xusto. Son tres dimensións diferentes que en Zocamiñoca conflúen pero que noutras tendas non o fan: hai quen ofrece produtos ecolóxicos, pero que non son de proximidade nin xustos para os seus produtores, que poden estar explotados. Hai quen ofrece produtos de comercio xusto pero que non son sans para o corpo e nos que se empregaron químicos nocivos. E hai quen ofrece produtos locais, pero nada máis. As tres dimensións son importantes e dáme a impresión de que hai unha certa confusión sobre estes conceptos e creo que en ocasións é o propio mercado o que está creando esta confusión de maneira intencionada.
Helena Martínez: É certo que a xente se achega a Zocamiñoca porque teñen unha preocupación pola saúde, polo uso de químicos na produción de alimentos, polos transxénicos... Agora, creo o actual maior interese polo 'eco', que se converteu moitas veces nunha etiqueta coa que a gran distribución lava a cara, non necesariamente beneficia a proxectos como Zocamiñoca. Para nós un produto ecolóxico ten que ser un produto xusto e ten que ser de proximidade, debe promover a integración territorial. Ademais, Zoca require das persoas que están na cooperativa participación e implicación, e a cambio en Zoca as persoas socias atopan formación, un espazo para aprender facendo, e tamén un espazo de socialización.
"Todas as persoas que vivimos na cidade seguimos a ter unha aldea máis ou menos próxima, pero cada vez son menos as persoas que reciben produtos frescos procedentes de alí"
Hai diferenzas, polo tanto, entre o tipo de consumo que se fai en Zocamiñoca e o que se fai en tendas ecolóxicas e noutro tipo de establecementos?
MB: Aumentou a demanda de produto ecolóxico, pero vemos como en grandes superficies e en certas tendas hai xa moitos produtos ecolóxicos moi adaptados a eses espazos: moi envasados, sen ter en conta a súa orixe... O feito de que agora moita xente adquira nos supermercados algún produto vendido como ecolóxico ou de comercio xusto consegue satisfacer o desexo que esa persoa ten de consumir de forma diferente. Pero na práctica esa persoa segue a consumir da mesma maneira, porque o resto dos produtos que merca non son xustos nin ecolóxicos e isto fai de barreira para que se decida a facer procesos de cambio máis globais, como pode ser Zocamiñoca.
HM: A diferenza dunha tenda convencional, o obxectivo de Zocamiñoca non é obter o máximo beneficio posible, senón que simplemente busca obter os ingresos suficientes para seguir mantendo a actividade e, á vez, seguir difundindo o consumo responsable, con todo o que iso implica: facer de ponte de unión entre o rural e a cidade, dar a coñecer que consumindo un produto local estás favorecendo a soberanía alimentaria...
Ademais, Zocamiñoca non busca ter grandes marxes de beneficio porque o que busca por riba de todo é facilitar o acceso aos produtos ecolóxicos a todo o mundo, independentemente do seu poder adquisitivo. Isto é moi importante, porque moitas destas tendencias do eco e do orgánico levan a unha situación dunha grande inxustiza social: non todo o mundo ten acceso a estes produtos.
"Zoca está demostrando que pode ser unha peza no artellamento dun novo tipo de relación rural-urbano e que con estas prácticas podemos comezar a imaxinar que é o que queremos que sexa o rural"
Falas desa "ponte de unión" entre rural e cidade. Que particularidade ten esa relación en Galicia, que é un territorio no que zonas urbanas non están xeograficamente nin sentimentalmente lonxe das rurais e no que, ademais, estamos asistindo a un rápido proceso de despoboamento destas comarcas?
HM: Que unha cooperativa como Zocamiñoca exista nunha cidade como A Coruña é relativamente doado porque na nosa contorna segue habendo un espazo rural, que favorece que exista terreo produtivo en boas condicións. Pero aquí o abandono do rural produciuse de forma máis rápida que nos países da nosa contorna. Iso fai que todas as persoas que vivimos na cidade sigamos a ter unha aldea máis ou menos próxima, pero cada vez son menos as persoas que reciben produtos frescos procedentes de alí.
Zoca está demostrando que pode ser unha peza no artellamento dun novo tipo de relación rural-urbano e que con estas prácticas podemos comezar a imaxinar que é o que queremos que sexa o rural. É un dos grandes debates en Galicia. A Xunta ten claramente un modelo extractivista do rural, pero hai outros modelos e a soberanía alimentaria impulsa un modelo distinto. Estamos artellando unha peza nun lugar no que o rural está relativamente pouco abandonado, en comparación con outras zonas de Europa, pero onde si houbo unha desconexión moi grande entre o mundo urbano e o rural.
"O rural está despoboado e a poboación e o consumo está nas cidades, e neste contexto non se están creando os mecanismos para conectar o rural coas cidades a nivel de distribución"
MB: Eu teño unha crítica que facerlle a esas reflexións sobre 'que facemos co rural', unha crítica porque non se está encarreirando esa realidade. O rural está despoboado e a poboación e o consumo está nas cidades, e neste contexto non se están creando os mecanismos para conectar o rural coas cidades a nivel de distribución. Explícome: o modelo económico capitalista creou grandes canles de distribución que lle interesaban e o rural galego non está dentro desas canles de distribución. E a realidade é que a nós nos sae máis barato traer un quilo de laranxas de Valencia que traer un quilo de laranxas de Carral. Iso ten que ver, evidentemente, coas economías de escala, pero se as institucións públicas queren de verdade fomentar a vida no rural teñen que solucionar este problema e axudar a que se creen outras canles de distribución.
Aquí temos uns centro de consumo moi importantes que están illados do rural a nivel de distribución. E este é un problema que temos que tratar, fomentando centros de distribución que favorezan ao noso rural. Porque na actualidade o tipo de economía que sempre houbo en Galicia e que nós apoiamos -pequenas produtoras, asentadas no local- non é quen de facelo por si soa.
"Os terreos agrícolas están a reducirse moito nas últimas décadas e o Goberno non está a frear este proceso, de feito mesmo o fomentou a través de lexislacións e políticas"
Que responsabilidade teñen as administracións? Que poderían facer para avanzar cara a un consumo responsable e, sobre todo, para fomentar este consumo de produtos de proximidade, elaborados no rural galego, ao que sempre se apela?
HM: As administracións teñen moita responsabilidade: están vendo que os terreos agrícolas se están reducindo moito nas últimas décadas e o Goberno non está a frear este proceso, de feito mesmo se fomentou a través de lexislacións e políticas. O baleirado do rural foi observado polas administracións sen dar unha resposta contundente. O feito de ter unha Galicia a dúas velocidades fixo que se creasen grandes desequilibrios territoriais e deixou un territorio que a agricultura xa non vai xestionar. Porque a agricultura é a mellor forma de xestionar un territorio.
MB: A compra pública de alimentos, para comedores ou hospitais, é unha medida importante para apoiar proxectos locais de produción e distribución de alimentos. E os Concellos teñen tamén moitas responsabilidades, por exemplo a través da xestión dos mercados municipais. Os mercados municipais foron unha adaptación dos mercados tradicionais, onde os produtores da contorna levaban os produtos que lles sobraban. Pero na actualidade as grandes distribuidoras entraron con forza neles e os produtos que se atopan alí teñen todo tipo de orixe.
"Os Concellos teñen tamén moitas responsabilidades, por exemplo a través da xestión dos mercados municipais"
Debería haber unha normativa que fixase que unha porcentaxe importante dos produtos que se venden no mercado municipal veñan de produtores locais, e xa non digo o 100%, que sería o ideal. Así mesmo, actualmente a xestión do Mercado central da Coruña é privada e Zocamiñoca ou unha tenda pequena non pode acordar cun pequeno produtor que lle deixe alí un envío, cousa que si se pode facer en Mercamadrid, que é pública, e onde só hai que pagar unha pequena taxa municipal.
HM: A Lei de Economía Social obriga a que unha parte dos contratos menores que fan os concellos teña que ser para empresas de economía social, pero a realidade é que nunha parte importante dos pregos das convocatorias públicas seguen primando a oferta máis baixa, obrigando a estas empresas a reducir os seus prezos ao mínimo.
"O modelo das cooperativas demostrouse como moi efectivo para asegurar o emprego, nun momento en que ese emprego estaba a ser destruído"
Na convocatoria das xornadas destacades a importancia do traballo en rede, non só no sector da produción e distribución de alimentos, senón tamén con cooperativas de enerxía e doutros sectores. A unión fai a forza? É unha necesidade para poder competir coas empresas convencionais?
HM: Un dos grandes obxectivos destas xornadas é ver que capacidade de responder ás necesidades da xente temos as cooperativas e empresas de economía social. Nas xornadas vai participar, por exemplo, Subbética Ecolóxica, que é unha cooperativa de Córdoba que achega os alimentos para 500 comedores escolares, e iso conseguiuno traballando en rede e creando unha central de compras propia, en colaboración con outras cooperativas que tiñan as mesmas necesidades. Para min esa é a clave: xuntándote con outra xente coa que non compartes a actividade principal, pero si uns principios de funcionamento, podes compartir servizos e aforrar custos.
Durante a crise económica, dende o 2008, as cooperativas en Galicia aumentaron un 30%, segundo os datos publicados polo Foro Galego pola Economía Social. O modelo das cooperativas demostrouse como moi efectivo para asegurar o emprego, nun momento en que ese emprego estaba a ser destruído. Estamos vendo como estas redes que agrupan a moitas entidade de economía social distintas entre si: sociedades laborais, confrarías de pescadores, comunidades de montes... nos estamos organizando, creando redes para compartir as necesidades que temos. Redes que montamos nós, seguindo modelos radicalmente participativos.
"O cambio é importante e a xente queda moi contenta cando dá este paso"
Queredes engadir algunha cousa máis?
Hai moita xente que nos di: "hai tempo que teño gañas de facerme socia dunha cooperativa de consumo, pero sempre o vou deixando, nunca me acabo de decidir". Facemos un chamamento a que a xente se achegue aos grupos de consumo e cooperativas que existen en varias localidades galegas: en Vigo, en Santiago, en Ourense, en Ferrol, no Morrazo... Que a xente se anime, porque é un xeito bonito de consumir de forma sa e de contribuír ao benestar social. O cambio é importante e a xente queda moi contenta cando dá este paso.