"As prácticas cooperativas cidadás xeran benestar social"

Imaxe dunha das sesións da edición 2013 de Cooperland Dominio Público Praza Pública

Representantes de cooperativas e proxectos sociais de Italia, Estonia, Croacia, Holanda, Grecia e de distintos puntos do Estado español participarán este venres 19 e sábado 20 en Vigo no II Encontro Europeo de Prácticas Cooperativas Cidadás, no que debaterán a situación, problemas e potencialidades deste tipo de iniciativas, nun espazo no que tamén amosarán a súa experiencia ao redor dunha vintena de proxectos galegos. As xornadas celebraranse no antigo reitorado da cidade de Vigo (rúa Porto, 1). O pasado ano, a primeira edición de Cooperland, celebrada tamén en Vigo e impulsada pola Cooperativa Andaira en colaboración coa cooperativa Corso, serviu para tecer unha rede de prácticas cooperativas, unha acción que foi crecendo, abranguendo proxectos de seis países distintos. 

Este ano, de feito, a cita de Vigo non é nin o comezo nin o final do camiño, aínda que estas dúas xornadas si que serven de núcleo a un traballo que a nivel local se vén realizando en todos estes países dende hai meses, co fin de analizar as potencias e límites das prácticas cooperativas cidadás. O evento vigués debe servir para mellorar a rede europea e fomentar estratexias políticas e sociais para o desenvolvemento das prácticas cooperativas. E os seus resultados -unha sistematización de demandas, problemas e solucións para as cooperativas- terán unha difusión inmediata, a través da rede (na web do proxecto e nunha wiki participativa), serán debatidos de novo nos respectivos grupos locais e, finalmente, presentados en Bruxelas en novembro.

Bouvy explica que "o proxecto parte dunha constatación: que as prácticas cooperativas cidadás xeran benestar social"

"O ano pasado serviu para crear un grupo de traballo", destaca Rita Bouvy, responsable de comunicación de Cooperland, que engade que "este ano focalizamos o encontro non tanto en iniciativas concretas, senón máis ben nos coñecementos que se extraen de cada iniciativa. Analizando os problemas que se presentan á hora de levar a cabo unha práctica cooperativa e cal é a solución que en conxunto podemos propoñer". Este encontro céntrase pois "en problemas e solucións", facendo fincapé na relación coas institucións e tamén na parte legal. 

Bouvy explica que "o proxecto parte dunha constatación: que as prácticas cooperativas cidadás xeran benestar social". As prácticas coopertivas están "baseadas na horizontalidade, nacen para solventar necesidades que os propios cidadáns detectan e responder a intereses que eles teñen. Necesidades que outros actores, como poden ser as institucións, ou non responden ou tardan máis en responder. Dalgún xeito, os cidadáns adiántanse, tomando a iniciativa do que eles queren". "No actual momento de crise, as prácticas cooperativas non só están crecendo, senón que se están modernizando e diversificando, xerando prácticas que antes non existían", destaca. Dende prácticas existentes dende hai séculos, pero actualizadas nos últimos anos, coma a actividade dos montes comunais, até novas accións cooperativas coma o software libre e a economía solidaria ou fenómenos máis recentes coma crowdfunding ou a práctica de compartir coche, "semella que a propia crise está visibilizando máis ou empoderando este tipo de prácticas", di Bouvy. "O obxectivo deste encontro é que as prácticas cooperativas crezan, poidan replicarse e poidan ser sostibles no tempo", conclúe.

"No actual momento de crise, as prácticas cooperativas non só están crecendo, senón que se están modernizando e diversificando, xerando prácticas que antes non existían"

Tras a identificación de elementos (problemas, obstáculos, solucións...) comúns, de Vigo sairán ferramentas concretas e materiais que deben servir para que esta rede de prácticas se interconecte e se fortalezan todas elas. En concreto, en Bruxelas presentarase unha guía cidadá e unha carta de dereitos e responsabilidades con recomendacións para as administracións e para as políticas públicas. De igual xeito, a wiki participativa resultante debe funcionar como base de datos de prácticas cooperativas en toda Europa e tamén como foro para contactar entre elas. O obxectivo é que as persoas e as comunidades locais teñan un maior coñecemento das boas prácticas cooperativas cidadás europeas e poidan participar activamente no desenvolvemento das mesmas, xerando novas formas alternativas de produción de benestar en base a un esquema de gobernanza directa

 

Obradoiros e mesa redonda

Margarita Padilla, Marc Martí e Carolina León realizarán unha panorámica sobre o funcionamiento das cidades cooperativas

Todas as iniciativas participantes teñen como denominador común o de ser propostas baseadas no intercambio, a coproducción, e a axuda mutua entre a cidadanía. O encontro vigués, que conta co apoio do Concello e que se poderá seguir en streaming, consta de tres obradoiros e unha mesa redonda. O primeiro obradoiro, Cultura e práctica da cooperación social, buscará responder á pregunta "que tipo de estratexias respecto da cultura de cooperación poden favorecer a existencia e crecemento das prácticas cooperativas?". O segundo, Sustentabilidade e crecemento das prácticas cooperativas, analizará como mellorar as prácticas a súa organización interna de cara a aumentar a súa sustentabilidad e reprodución. O terceiro, Institucións, Leis e Gobernanza debaterá que poderían facer as administracións para favorecer a cooperación social nos municipios.

Ademais, Vigo acollerá unha mesa redonda sobre Infraestruturas para a cooperación social, na que participarán Margarita Padilla (hacker, enxeñeira informática e traballadora de DABNE, autora de Ciberguerrilla de la comunicación ou El kit de la lucha en Internet), Marc Martí (sociólogo, experto en políticas urbanas, participación cidadá, movementos sociais, e cooperativismo e membro do Observatorio Metropolitano de Barcelona) e Carolina León (xornalista e colaboradora de ZEMOS98). Na mesa realizarase unha panorámica sobre o funcionamiento das cidades cooperativas.

 

Proxectos participantes

Participarán unha vintena de proxectos e prácticas cooperativas de toda Galicia

Por Vigo pasarán representantes dunha ducia de iniciativas cooperativas de Italia, Estonia, Croacia, Holanda, Grecia. Ademais, tamén exporán a súa experiencia os españois Medialab Prado, Zuloark, Basurama, Intermediae e Andaira. E, de igual xeito, participarán unha vintena de proxectos e prácticas cooperativas de toda Galicia: Aldea Coopertiva Integral, Proyecto Integral de A Coruña, Trespés sociedade cooperativa, Casa colorida, Revista A Boia, Solares vacíos + Asociación Forma, Tankollectif, CreArte – Asociación Cultural, Axóuxere Editora, Proxecto Cárcere, Ergosfera, Montenoso, Proxectoderriba, Habitat social, Galiza Ano Cero, Árbore, Zocamiñoca Sociedade Coopertiva Galega, Plataforma pola Mobilidade, Rede de Mulleres contra os Malos tratos, Radio Piratona e Protectora de Animais “Os Biosbardos”

Cartaz do encontro Dominio Público Cooperland
Imaxe dunha das sesións da edición 2013 de Cooperland Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.