"Cooperando conséguense máis cousas que competindo"

Alejandra Calvo e Celia Mayer © Zelia Garcia

Cooperland, o primeiro encontro de prácticas cooperativas, terá lugar en Vigo esta fin de semana, o 8 e 9 de xuño, no edificio do reitorado. Neste encontro participarán persoas expertas no ámbito da cooperación, referencias europeas, e colectivos estatais, galegos e da propia cidade. Conversamos con Alejandra Calvo e Celia Mayer, dúas das organizadoras deste evento, para coñecer máis de preto este interesante proxecto.

“Cooperland pensámolo desde a Cooperativa Andaira e tamén en colaboración coa cooperativa Corso. A idea é facer unha rede de prácticas cooperativas, que, en definitiva, fomente o procomún. Comezamos a procurar fontes de financiamento e espazos nos que puideramos facer pilotos ou pequenos proxectos que nos axudarán a acadar este obxectivo, e o concello de Vigo respondeu afirmativamente ao noso reclamo”, explica Alejandra Martínez, socióloga viguesa, mentres apuran os últimos detalles loxísticos deste encontro.

“Cooperland pensámolo desde a Cooperativa Andaira e tamén en colaboración coa cooperativa Corso. A idea é facer unha rede de prácticas cooperativas, que, en definitiva, fomente o procomún"

O seu lema é “cooperar faino posíbel”, incidindo na idea de que “no clima falaz de escaseza actual, xa que sabemos que o que hai é unha peor repartición dos recursos, onde se precariza a unha grande parte da poboación, expoñemos que cooperando se conseguen máis cousas que competindo. Trátase de cuestionar a lóxica habitual do sistema porque non funciona. Queremos mudar esta realidade e aproveitar a circunstancia da crise para tentar substituír estas lóxicas por outras nas que estean presentes variábeis como a xustiza social, a igualdade, ou o respecto á diferenza. A incidencia política dos proxectos cidadáns, que é o que chamamos os procomúns invísibeis, o que se vai xerando aparte dos bens físicos, é outra cultura política e un tipo de cidadanía moito máis activa, máis emancipada, que esixe, que vai máis alá do asistencialismo”.

"Expoñemos que cooperando se conseguen máis cousas que competindo. Trátase de cuestionar a lóxica habitual do sistema porque non funciona"

O encontro vai dirixido á cidadanía en xeral e a persoas que estean integradas en proxectos ou que teñen ganas de traballar en iniciativas deste tipo. É un acto aberto, e o que queren desde a organización é “rachar co illamento dos proxectos sociais e crear un espazo de encontro para todas esas iniciativas. Queremos sistematizar os coñecementos que producen as propias prácticas cooperativas, obxectivizalo e producir un formato sinxelo para a divulgación, porque queremos que as experiencias de cooperación se multipliquen”, subliña Celia Mayer, socióloga tamén, e acabada de chegar á cidade de Madrid.

"Queremos sistematizar os coñecementos que producen as propias prácticas cooperativas, obxectivizalo e producir un formato sinxelo para a divulgación, porque queremos que as experiencias de cooperación se multipliquen”

O sábado 8 de xuño desde as dez da mañá comezará a actividade de Cooperland. Primeiro haberá unha mesa común, que o que pretende é contextualizar e fixar o marco teórico e conceptual da cooperación e o procomún en tempos de crise e de políticas públicas. Logo hai tres talleres “que fan un percorrido entre o que hai e o que nos gustaría, e obradoiros simultáneos de ideación”. Van ser participativos e abertos, con presentacións de proxectos locais en microcápsulas, con diapositivas en 20 segundos.

A súa vontade é crear unha rede europea, e que desde aí se deseñe unha plataforma de software libre, na que se compartan aprendizaxes, fórmulas exitosas, cousas que saen mal...

Cooperland tamén ten unha pretensión de proxecto europeo dentro do marco da convocatoria Europa cos cidadáns. A súa vontade é crear unha rede europea, e que desde aí se deseñe unha plataforma de software libre, na que se compartan aprendizaxes, fórmulas exitosas, cousas que saen mal, como mellorar as prácticas cooperativas, e deste xeito, crear unha metarede dentro dos proxectos europeos de cooperación “para aprender unhas de outras”.

A idea do encontro desta fin de semana é o proxecto piloto desa gran rede europea que “temos pretensións bastante ambiciosas de crear. Queremos crear espazos de reflexión, e para iso temos tres eixos transversais: Comunidade, como se crea, identidade, como se autoregula, como medra, etc; Recursos, bens comúns, propiedades dos bens; e  Relación co entorno.

A tipoloxía da que se parte nestas xornadas sobre o procomún é unha división en tres áreas sociais que son as áreas do público, do privado e as do común

A tipoloxía da que se parte nestas xornadas sobre o procomún é unha división en tres áreas sociais que son as áreas do público, do privado e as do común. “As áreas do común son iniciativas que veñen da cidadanía que non son nin públicas nin privadas e que se manteñen noutra marxe de acción. Dividímolos nos procomúns dixitais, que son aqueles relacionados coa cultura P2P e co mundo do software libre; do coidado, que son proxectos relacionados cos coidados tanto a maiores como a infancia, que cuestionan o status quo; os da economía, englobamos os bancos de tempo, mercados sociais, moeda social; os urbanos, que é todo o que ten que ver co uso do espazo público, e en particular, as estruturas das cidades, o que se pode facer con edificios abandonados, centros sociais, okupación; e, por último, os procomúns naturais, que é todo aquilo relacionado coa xestión dos recursos naturais, como a auga ou os montes comunais”.

Para inscribirse ou ter máis información sobre Cooperland podedes acceder a súa web

Cartaz de Cooperland Dominio Público Cooperland

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.